Reganosa e o xeneral Gabeiras

Se non leron vostedes o libro Muros de silencio. Corrupción y amenaza en la Ría de Ferrol. El caso Reganosa, fagan o favor de lelo. Está editado pola Asociación Cultural Fuco Buxán –lembren o poema Carta a Fuco Buxán, de Celso Emilio Ferreiro: "Aprende a andar ergueito, aprende a falar forte, aprende de tal xeito que nunca máis esquezas o teu norte"– e son os seus autores Carmelo Teixeiro, Enrique Barrera e M. A. Rodríguez Carballeira. O libro incorpora ademais un limiar realmente emotivo ou, se mellor o prefiren, conmovedor. Asínao Patricia Gabeiras, filla do xeneral de División José Gabeiras Montero –ferrolán de pura cepa, como o seu primeiro apelido–, quen fora xefe do Estado Maior do Exército e quen contribuíra decididamente, como militar demócrata, a frustrar o golpe de Estado fascista do 23-F. Patricia Gabeiras confesa no prólogo do libro o forte amor do seu pai pola terra que o viu nacer, e así se explica que este "home valente" –así o describe tamén a súa filla– aceptase ser, xa retirado e á idade de 85 anos levados con extrema lucidez, "presidente honorífico" do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol que se activou, transversal e democrático, para lle facer fronte, coa palabra e a razón en alto, ao atentado ecolóxico, paisaxístico e socioambiental que significa instalar unha planta de gas en pleno corazón, en plena alma viva e humanizada, fondamente humanizada, da Ría de Ferrol. O xeneral Gabeiras actuou de facto como presidente activo do Comité e até o seu pasamento, producido en xaneiro de 2005, dirixiu el mesmo diversas iniciativas artigos xornalísticos incluídos– encamiñadas a establecer a razón –tamén mediante a documentación e a denuncia– diante do bárbaro dislate posto en marcha. ¿Alguén pode entender esta violación física en plena "pel sensitiva" (Otero Pedrayo) da ría e das terras de Ferrol? ¿Por que non se instalou a planta de gas –por suposto, necesaria para Galicia– no Porto Exterior? A forza do amor do xeneral Gabeiras non pode, neste caso, ser inútil.

Miguel Anxo Fernán Vello
27.06.2007 - Galicia-Hoxe

Enlace co artigo rixinal
__________

Opinión

Muros de silencio
Lino Braxe [*]

..Resulta paradóxico que un lugar que pretende ser declarado Patrimonio de la Humanidade polos seus castelos da Palma e San Felipe, conviva con perigo da desaparición da actividade pesqueira e marisqueira nas augas da súa ría. A ría de Ferrol é abondosa en especies como a ostra, a vieira, a ameixa, o berberecho, as zamburiñas, longueiróns, camaróns, centolas, nécoras, o polvo, a xibia, o choco, etc. Toda esta inmensa riqueza está a piques de sofrer unha enorme catástrofe. Desde que nos anos cincoenta comezaron as obras dos asteleiros ferroláns, as agresións na ría contra o medio ambiente foron en aumento. Parte das ampliacións destes asteleiros e dalgúns peiraos fixéronse extraaendo áridos dos propios areais da ría. Desde que na década dos noventa se instalase a Forestal do Atlántico no medio da ría, toneladas de vieira púdrense no fondo do mar por estar a súa extracción proibida pola toxina amnésica. A maiores o crecemento de poboación nas beiras da ría nos últimos anos fixo que moitos dos verquidos urbanos vaian tamén parar ás augas. A chegada de Reganosa resulta por tanto unha ameaza máis para a xa deteriorada ría de Ferrol. Coa construcción do porto exterior na ponta de Caneliñas a contaminación visual que sofre un entorno que, noutro tempo foi paradisíaco, é brutal. Estes días contemplamos ademais imaxes que non tiñan lugar en Ferrol e en Mugardos desde as folgas do sector naval no anos setenta. A cidade e a vila estiveron tomadas pola policía nacional como se os veciños de ambas poboacións fosen en perigo para a convivencia só polo feito de vivir neses núcleos. As cargas foron desmesuradas e o que lle fixeron ao amigo Bastida unha indecencia. Hai dúas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que fallan a favor das teorías do comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. ¿Por qué non se respetan? Os fallos están recurridos. ¿Era ético recurrilos? ¿Non habería que parar as obras e as actividades da pranta gasficadora ate que o Tribunal dictamine unha sentencia sobre os recursos? A ría federá cada día peor cos anos, pero algo fede a noxo e a podremia neste asunto. Lean Muros de silencio o libro de Carmelo Teixeiro, Enrique Barrera e Miguel A. Rodríguez, un libro que non será silenciado e que se convertirá cos anos na testemuña escrita e gráfica dun movemento cidadán xurdido desde a dignidade e a razón.

25 de xuño de 2007

Enlace co artigo orixinal en La Opinión de A Coruña
_________________________
[*] Lino Braxe Mandiá, nace en Mugardos en 1962

Actor, poeta, guionista e locutor. Comezou a principios dos oitenta no mundo da literatura, acadando diferentes premios de poesía. A comezos dos 90 realiza prosa teatral e intervén como actor en diferentes obras. Tamén se ten dedicado á crítica e á investigación literaria, ademais de ser un dos fundadores da revista de pensamento “Luzes de Galiza” a mediados dos 90, ao tempo que dirixe a Fonoteca de Galicia. Ten realizado guións para programas da canle autonómica e series de ficción. Desde o ano 2000 participou na rodaxe de diferentes curtas e longametraxes en Galicia. Interpretou o papel de Andrés na teleserie "Rías Baixas".
_____________________________

Carta aberta a D. Carlos Aymerich

Respectado Sr.: O seu artigo publicado no Diario de Ferrol [*] do pasado domingo día 10, deixoume tan abraiado, que non acerto a entender a intención do mesmo.

A súa referencia á posibilidade da instalación dunha planta de gas no Musel, paréceme fora de lugar. ¿Esquece vostede que aquí ninguén está contra da planta, senón da súa ubicación?

¿Quere vostede culpar a EU e a PSOE do disparate da instalación da planta dentro da ría? Pois mire vostede, a min tanto me ten quen fora o culpable. A planta está aí, e o BNG e vostede mesmo, recoñecen que non debería estar. Xa que logo, esqueza vostede ós culpables e faga o que poida por remedialo.

Fala dos mocazos da policía e da intervención da fiscalía na contra do patrón maior da confraría, pois ben, ¿qué medidas tomou o BNG perante do seu socio de goberno na Xunta, para forzar a dimisión dos responsables? ¿É que ó BNG non lle doen os paus que reciben no lombo os galegos?

Refírese ó Comité de Emerxencia, dun xeito sibilino, esquecendo de novo que ese Comité non pretende mandar a planta a Xixón, senón aquí preto á outra beira da ría.

Denuncia a militancia pesoista de Carmelo e Pillado, que precisamente están a loitar contra un feito do que vostede responsabiliza ó PSOE do goberno central e tamén do goberno da Xunta, do que vostedes – non o esqueza - tamén forman parte.

Pretende vostede aclarar “desde o nacionalismo” algunhas cousas que segundo vostede, Carmelo e Pillado silenciaron, e sinala “catro verdades”.

1.- Di vostede que o BNG foi a única forza política que formulou alegacións contra a ubicación da planta. Seino e sabémolo a maioría das ferrolás e ferroláns. Por iso, o cambio de conducta do BNG foi especialmente doloroso para moitos de nós.

Di que se opuxo a esa ubicación “cando o había que facer”. ¿Agora non hai que facelo? ¿Cal é a diferencia? ¿A participación do BNG no goberno da Xunta? Espero que non utilice o razoamento de que “agora xa está feita”, porque iso supón a institucionalización da política de feitos consumados, que como vostede ben sabe, é un dos soportes nos que se apoia a corrupción.

2.- As autorizacións procederán de quen procedan, pero o feito é que, a planta está nun lugar que segundo vostede non é o idóneo, e que aí moi preto, hai un sitio mellor para esa instalación. Pode que vostedes non poidan cambiala, mais o que si poderían é apoiar sen reservas ós veciños de Ferrol que reclamamos o traslado ó porto exterior (non ó Musel).

3.- A súa preocupación para que Galicia non perda o tren da transformación enerxética, paréceme moi louvable, mais o que non entendo é por que perderíamos ese tren coa planta en Caneliñas.

Na situación actual, o que si perdemos é a ría e o medio de traballo dos mariscadores, poñendo ademais en perigo a saúde e as vidas de moitas persoas.

Vostede ponse, e pon ó BNG, na difícil alternativa de xogar coa seguridade da xente de Ferrol para salvar a Galiza. Coido que esaxera. Con planta ou sen planta, Galicia vai saír adiante, mais iso si, loitando duramente contra a corrupción de todo tipo. Para iso votamos o cambio os galegos e, xa que logo, hai que cambiar todo o que está mal.

4.- Non nos veña con iso das garantía de seguridade. Vostede sabe, que a seguridade total non existe en ningures. Todos os días ocorren accidentes teoricamente imposibles, por un despiste humano, por circunstancias meteorolóxicas, ou por unha insignificante peza defectuosa na que ninguén reparou.

Ademais, vostede sabe moi ben, que esa instalación non cumpre con dúas das normas máis importantes: a distancia ós núcleos de poboación e a saída rápida dos barcos da zona de perigo.

Eu estou seguro de que non é vostede o encargado de facer cumprir esas normas, pero quizais podería denunciar o asunto, ¿non si?

Por outra banda, sabe vostede que son moitas as persoas que están - estamos - en contra da ubicación da planta. Repito, da ubicación, non da planta. ¿Todas esas persoas teñen motivos inconfesables? ¿Son confesables os motivos dos que a defenden?

Prégolle que esqueza a parte accesoria do asunto, e se centre na realidade da cuestión: A planta está onde non debe, e hai un lugar idóneo moi preto. Cambiala ou non cambiala, esa é a cuestión.

E postos a poñer a cada un no seu lugar, eu quero poñerme no meu:

Son un xubilado de Bazán, habitual votante do BNG, que hai catro anos participei na lista electoral dese partido, a petición dos responsables locais, e traballei activamente durante toda a campaña, para tentar de levar ó noso candidato á alcaldía, cousa que non conseguimos por moi pouco.

Protestei pola marcha da construcción naval, pola desfeita de Astano, da Fenya, da Pysbe, da Maderera e de moitas outras trapalladas que nos fixeron. E agora protesto por algo que entendo que non ten razón de ser.

Agardo da súa xenerosidade que non me clasifique entre os que teñen “motivacións políticas e económicas menos confesables”.

Atentamente, Amadeo Varela Rodríguez.
avarela36@mundo-r.com

_____________________

[*] Ligamos co mesmo artigo, mais publicado en IndymediaGaliza, pois non o atopamos na hemeroteca do Diario de Ferrol.

Achegamos este artigo escrito por Trasmallo, que foi publicado o 12 de xuño deste ano 2007, na rede CMI Galiza.Indimedia.org. Facémolo polo seu intereses e contribución ao debate sobre a planta regasificadora de REGANOSA. Pois desde posturas de esquerda, manten-se a definición de estrátexico para o País a inatalación dunha planta de gas. Mesmo está en debate, como é posíbel, que desde as executivas dos sindicatos de clase, crean nos argumentos das grandes coorporacións enerxéticas e financieiras, poñendo-se do lado do gran capital, e menoscaben os argumentos dos movimentos populares e sociais que loitan decididos pola seguridade e saúde do pobo, polo medioambiente, contra a corrupción, contra a irracionalidade dunha industrialización destructora do planeta e empobrecedora dos pobos.


Reganosa: a cuestión da necesidade estratéxica e a xeopolítica do gas.

A planta de gas de Ferrol está envolta na polémica pola súa manifesta ilegalidade en moitas frontes, a súa perigosa localización e o seu negativo impacto ambiental. A estas alturas todos recoñecen que a súa localización idónea tería que ser no porto exterior, pero moi poucos cuestiónanse se é unha instalación realmente necesaria. De forma xeral, até polos máis críticos admítese que é unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico de Galiza.

Existen, con todo, multitude de datos que indican con claridade que a regasificadora é a estas alturas un proxecto anacrónico que máis que resultar beneficioso para a economía é todo un risco a medio e longo prazo desde o punto de vista da rendibilidade do investimento e como proxecto impulsor de benestar económico e social.

Desde o punto de vista enerxético, a planta de gas enmárcase nun escenario de gran aumento de demanda mundial deste recurso en vésperas de que se acade o máximo histórico de produción do seu irmán fósil, o petróleo. De feito, as dúbidas sobre o abastecemento global destes recursos finitos están producindo un importante e rápido aumento de prezos que no momento actual rolda os 70 dólares para o barril de Brent e os 8 dólares para o gas, moi lonxe dos 35 dólares de media para o petróleo de hai dous ou tres anos e dos 6 dólares previstos para o gas no ano 2040 (1).

O complicado contorno xeopolítico da enerxía fósil está ben definido nos informes da ASPO (2), nos que se aprecia a clara tendencia á baixa da produción por imperativo xeolóxico mentres a demanda mantén un crecemento continuo debido ao aumento da poboación mundial, ás necesidades de economías emerxentes como China e India e sobre todo ao malgasto enerxético dos países occidentais con EEUU á cabeza. Esta situación ameaza con xerar conflitos internacionais para asegurar o abastecemento debido a que boa parte dos xacementos gasísticos están en rexións consideradas "inestabeis", tal e como xa ocorre cos conflitos de Afganistán e Iraq entre outros. Neste caso, o posicionamento estratéxico para o control dos recursos por parte de EEUU non deixa lugar a dúbidas.

Previsións de producción de gas e petróleo según a ASPO

A incerteza e inestabilidade que xera o aumento da demanda e a posíbel aparición de guerras e incidentes está ben descrita no informe do SIPRI (3) publicado este mes de xuño no que se afirma que "aínda que a maioría dos estados considera hoxe en día que o estalido dun conflito armado é unha medida extrema, é probábel que xurdan conflitos internos debido aos recursos enerxéticos... A importancia estratéxica das rexións ricas en reservas de petróleo e de gas, sen dúbida, aumentará. Non só Oriente Medio, senón tamén África, Asia Central, América do Sur, e o sueste de Asia serán potencialmente zonas de conflito nas décadas vindeiras". Neste sentido, as reservas de gas están moi concentradas en Rusia co 28% mundial e noutros 7 países co 75%.

Con este panorama, é de esperar que tan axiña como a anunciada crise de produción de fósiles estale nos mercados, o gas deixe moi pronto de ser competitivo nos termos en que hoxe se entende a taxa de retorno enerxético para este tipo de combustibles. Se a isto sumámoslle a posibilidade de desabastecemento debido ao exceso de demanda global ou á aparición de conflitos xeopolíticos, a aposta polo gas non ten, con estas previsións, ningún futuro; e o que é peor, convértenos enerxeticamente dependentes nun escenario de alta incerteza.

A declaración da planta de gas como instalación estratéxica por parte das "autoridades" tamén se sustenta en principios de eficiencia e ecoloxía. O tan cacareado "crecemento sostíbel" que como ben expón o Dr. Albert Barlet (4), profesor emérito de física da Universidade de Colorado en Boulder, é coma se un doutor lle dixese a un paciente, "goza vostede dun saudábel cancro". O crecemento continuo é o paradigma da economía de mercado que actuando contra recursos non renovabeis é absolutamente inviábel e non sostíbel dentro deste mundo finito. Esta falacia lóxica está de plena actualidade en boca de políticos e de empresas como Enagas e Acciona que nos venden a moto de que vai ser posíbel un futuro de equilibrio ecolóxico nun planeta en constante crecemento.

En nome deste crecemento sostíbel dísenos que o gas natural emite un 40% menos de CO2 que o carbón, e un 33% menos que o petróleo, pero trátasenos de ocultar que a pesar diso é responsábel de emisións cada vez maiores, porque é necesario queimar case o triplo de gas que de fuel para producir 1 Mw de enerxía. A contaminación por este gas invernadoiro está aumentando, xa que a súa utilización está crecendo rapidamente en Europa (especialmente no estado español) e nos Estados Unidos. Ademais, o metano, o compoñente principal do GNL é tamén un gas invernadoiro, só que 21 veces máis potente que o propio CO2. E ao longo de todo o proceso de licuefacción, regasificación, transporte e combustión, emítese unha cantidade moi importante deste nocivo gas xa que dada a súa extraordinaria volatilidade pérdese aproximadamente un 15% do total. O gas natural non ten futuro nun marco sostíbel por non ser renovábel e altamente contaminante. No caso de Ferrol é sabido que a regasificadora empregará hipoclorito sódico para eliminar plancton e microorganismos da auga que utilizará no proceso de regasificación, devolvendo esta auga morta varios graos por baixo da súa normal temperatura. Isto poderá afectar enormemente ao ecosistema e sen dúbida poderá prexudicar gravemente os recursos marisqueiros.

Polo que se ve, Reganosa unicamente é estratéxica para o capital investidor que busca beneficios a curto e pode que, moi collido polos pelos, a medio prazo da man da política incondicional do mercado, desde a dereita á esquerda gobernante ao uso e sorpresivamente doutros que querendo defender prazas de poder non foron capaces de superar neste asunto un enfoque localista nunha cuestión como a enerxética que a estas alturas é globalización en estado puro. Un asunto que con toda seguridade marcará o rumbo dos acontecementos do planeta nos próximos anos se non somos quen de perfilar un novo modelo que se centre na sustentabilidade. Un novo modelo baseado no aforro, a eficiencia, a reutilización, a reciclaxe, a renovabilidade e, sobre todo, nunha nova forma de organización da sociedade que profunde na democracia e permita aos cidadáns ser donos das súas decisións. Unha proposta tremendamente complexa e moi afastada do que calquera político dos que nos toca está disposto a considerar. Ten sempre a palabra o pobo responsábel e organizado se este quere dispor da verdade e da liberdade.

(1). GEOPOLITICS OF NATURAL GAS. An Analysis of Prospective Developments in the Natural Gas Trade and Geopolitical Implications. James A. Baker III Institute for Public Policy, Energy Forum. Ryce University.

(2). Association for the Study of Peak Oil & Gas.

[ASPO PORTUGAL - síto da secção portuguesa da Associação para o Estudo do Pico do Petróleo e do Gás - ASSOCIATION FOR THE STUDY OF PEAK OIL AND GAS – ASPO]

A ASPO é uma rede internacional de cientistas e investigadores que se debruçam sobre a questão do Pico de Hubbert.


Esta associação tem como objectivos:

  • Estudar a disponibilidade de Petróleo e Gás na Natureza;
  • Modelar o esgotamento, tomando em devida conta a economia, a tecnologia e a política;
  • Divulgar este tema crítico e alertar para as consequências para a Humanidade
http://www.aspo-portugal.net


(3). Stockholm International Peace Research Institute.

(4). Arithmetic, Population, and Energy. Dr. Albert Bartlet [*]
Arithmetic, Population, and Energy. Dr. Albert Bartlet [**]

______________________

Enlace co artigo orixinal en Galiza.indimedia.org
________________

Video: Aritmética, Poboación e Enerxía
Z.Zar
52 min 41 seg - 22-xaneiro-2007
http://ninuclearniotras.blogspot.com
________


___________________

Os fundamentos esquecidos da crise enerxética. Crise enerxética. Cenit petroleo. Enerxía nuclear. Sostenibilidade. Enerxías ... todos » alternativas. Crecimento sustentábel. Máis info tamén en www.ninuclearniotras.blogspot.com e www.crisisenergetica.org

O movimento polo decrecimento [Armando Jaen]
http://www.terra.org/articulos/art01372.html

O desenvolvimento no modelo económico actual xera pobreza, ignorancia, insolidaridade, consumismo, uniformidade, violencia... e por suposto: É insostíbel.
http://decrecimiento.blogspot.com

O paradoxo de Jevons
http://es.wikipedia.org/wiki/Paradoja_de_Jevons

___________________

O centro dos meios independentes -CMI - IMC- é unha rede mundial para unha información independente dos medios convencionais, co fin de difundir a información a nivel mundial. Que traballa pola solidariedade entre os pobos e as comunidades e fai que as noticias que se producen no mundo non sexan controladas polas grandes multinacionais da comunicación, evitando deste xeito a manipulación e intoxicación informativa. Un medio alternativo de comunicación para as persoas e colectivos que traballan por un mundo mellor, para a emancipación da humanidade.

Documentació do Proxecto Global

CMI Indymedia
Indymedia é un colectivo de organizacións e medios de información independentes, centos de xornalistas comprometidos coa verdade e a democracia, para informar e compartir as noticias a nivel mundial, sen os filtros das grandes corporacións mediáticas.
http://www.indymedia.org/
http://galiza.indymedia.org/
_________

Artigo e Información de:
manxopar@gmail.com

Reganosa ve como lle furan os pés


Por Perfecto Conde
08.06.2007

Despois da exitosa manifestación que houbo en Ferrol o día 3 para protestar contra a instalación da planta regasificadora de Reganosa no medio e medio da ría, os poderes fácticos tardaron pouco en volver a enseñar os dentes. Primeiro saíu Enagás dicindo que sería conveniente estabrecer un gaseoducto entre Mugardos e Ponferrada. Para que digan que Enagás está contra Reganosa. ¿Por que aínda hai quen se empeña en esquencer que os cans non comen carne de can?

E, acto seguido, apareceu o presidente de Fenosa, Pedro López Jiménez, opinando que grazas a Reganosa Galiza terá gas. Podía dicir grazas a Enagas, a Caixagalicia, a Sonatrach, a Caixavigo, ao Banco Pastor ou a quen sexa. Tras deles, subiron á palestra dous "xenios" de Reganosa que aportaron algúns datos relevantes para a evolución científica do momento. Un deles, Manuel Alonso, director técnico da planta, seguramente para non ficar curto nin pregizoso, pronunciou a frase da semana. "Hemos llevado la seguridad hasta sus últimas consecuencias", dixo. E seguramente ten razón. Ata a consecuencia, por exemplo, de empregar buques gaseiros que foron botados en 1980 e que teñen, polo tanto, 27 anos e deberían estar fóra de servizo para considerárense seguros. Tal foi o caso do metaneiro arxeliano Mourad Didouche, que entrou no peirao de Reganosa o 30 de maio. Da súa quinta tamén era o Prestige e xa se sabe o que pasou.

Segundo esta lumbreira da seguridade marítima e ambiental, a probabilidade de que haxa un accidente que afecte á poboación limítrofe está marcada por un rango de un entre un millón. Algo é algo. Os de Reganosa van evoluíndo. Hai pouco aínda dicían que non existía nin o máis mínimo risco.

Pola súa parte, a responsábel do laboratorio de Reganosa, María Rey, foi igual de atrevida. Segundo ela, a auga que utilizará a planta será devolta á ría aínda "máis fría" do que entrou polo que se mellorarán as condicións biolóxicas da contorna. Vaia ho, mira por onde a regasificadora de Reganosa o que vai ser é o frigidaire da ría de Ferrol. Que se preparen Bastida e os demais mariscadores que aínda han ter que poñer traxes de neopreno para apañar as ameixas.

Todo isto podía ser divertido senon fora simplemente patético. Os agit-prop de Reganosa xogaron ata agora con demasiada vantaxe e deben seguir coidando que todos somos parvos. Durante anos tiveron do seu lado a inmensa maioría dos medios de comunicación que mesmo xogaron sucio para presentar só a cara amábel dun proxecto que case ninguén quería que se instalase onde se instalou. Para maior paseo trunfal, lograron poñer do seu lado a práctica totalidade do poder político –Partido Popular especialmente, pero tamén BNG e PSOE– coa falacia inadmisíbel de que, por tratarse dunha instalación industrial estratéxica, había que tragala como fora. Vaia estrategas que temos. Segundo isto, haberá que seguir tragando tamén a Celulosa de Pontevedra, os arxentinos terán que tragar as celulosas de Uruguai e ata se cadra nós temos que tragar a guerra de Irack por ser estratéxica para Estados Unidos.

Pero pasou o que tiña que pasar. Como dícia Cela, o que resiste gaña. E os de Ferrol resistiron, como case sempre souberon facer, ata que á barreira do silenzo non lle quedou máis remedio que rachar. E comenzou a rachar por todas as costuras. O BNG pagou cara a súa traizón política á resistencia contra Reganosa baixando de seis a dous concelleiros o 27M, e a Esquerda Unida de Iolanda Díaz aproveitou para subir de dous a catro pola conta de Reganosa, polo menos en gran parte.

Polo tanto non é de extrañar, despois do éxito da manifestación do 3 de maio, da rendabilidade mediática que lle brindou á protesta a detención do patrón maior Bernardo Bastida e das iniciativas constantes que está levando a cabo o Comité Cidadán de Emerxencia, que a intelligentsia reganosista se apreste a afrontar unha das máis duras batallas da guerra que xa empezan a saber que poden non gañala. E que ata a poden perder. De entrada empezaron a perdela nos mass media. Xa é só o grupo El Correo Gallego o que cacarexa descaradamente os seus argumentos, principalmente a través de columnas editoriais de estilo atrabiliario que un xa había tempo que non lía en ningún sitio da prensa europea.
En fin, que a Goliat Reganosa saíulle un David que empeza a furarlle os pés. Que non son de barro, dende logo.

Fonte: perfectoconde.blogspot.com
_________________

Contrario ao manifestado por REGANOSA nos medios de comunicación (ano 2001), o sistema para regasificar o gas natural licuado (GNL) na súa planta de gas será de tipo aberto (ORV) o cal necesitará inxentes cantidades de auga de mar (máis de 300 millóns de litros ao día). Con obxecto de eliminar as incrustaciones biolóxicas que danarían os sistemas e equipos da planta, a auga de mar impregnarase con hipoclorito sódico. Este biocida utilízase xa que logo para MATAR a todo organismo mariño que circule por este sistema de regasificación eliminando, deste xeito, as larvas e ovos das próximas xeracións do peixe e moluscos da zona así como tamén o diminuto plancto que forma a base da súa cadea alimentaria. A zona de verteduras converterase nun área con degradación permanente pois a auga retornará estéril, contaminada e ademais moi fría, engadindo así un factor máis de agresión á fauna e flora mariña da ría.

A estas conclusións chegaron a NOAA (National Oceanic and Atmospheric Administration), a CCA (COASTAL CONSERVATION ASSOCIATION) e a EPA (ENVIRONMENTAL PROTECTION AGENCY), así como científicos das universidades de Pisa e Bolonia en Italia e os de Lusiana en Lafayette (EE.UU.) nos estudos que realizaron sobre este sistema ORV de regasificación.. Por esta razón as plantas de GNL xa situadas na costa de EE.UU. e as novas en proceso de aprobación, non usan este sistema. Os organismos antes citados así como os científicos e asociacións medio ambientais tampouco están de acordo co seu uso en alta mar e actualmente están librando unha batalla política e legal para evitar que se autorice o uso deste sistema nas plantas Offshore. A doutora Susan Mopper, directora de Tecnoloxía do Medio Ambiente e Ecoloxía da Universidade de Louisiana en Lafayete, que escribiu un magnífico artigo sobre os efectos deste sistema, bautizou a área das verteduras da auga de mar de regasificación do GNL como "zona morta".

Consecuentemente, os gobernadores dos estados ribeiregos de EE.UU. como California, Lusiana, Alabama e Mississipi xa vetaron algunhas plantas regasificadoras solicitadas para operar en alta mar porque pretendían usar este sistema de regasificación con auga de mar. Ante estas decisións gobernamentais algúns promotores de regasificadoras de GNL xa notificaron que modificarán o sistema de regasificación polo de tipo combustión mergullada (SCV) que utiliza o propio gas para regasificar o GNL. O problema é que é moitísimo máis custoso xa que perderían de gañar millóns de euros ao ano ao utilizar o gas do seu negocio para a regasificación do GNL. Xa que logo a razón de utilizar a auga de mar é de tipo económico aínda que, loxicamente, non están de acordo os ecoloxistas e por suposto os mariscadores da ría pois ven ás súas empresas e traballo nun serio perigo.

Pola súa banda, Reganosa informa que "o funcionamento da instalación non afecta á calidade da auga nin da fauna mariña da ría, segundo os informes elaborados por un equipo de científicos das universidades de Santiago e de Vigo, coa participación da Estación de Bioloxía Mariña da Graña". Eu lin o informe e non di iso. O lector estará de acordo comigo se lese este informe. Nel pódese ler, entre outras cousas o seguinte: "o único efecto importante podería ser o achegue de contaminantes (antifouling ou biocida) ao sistema que tería unha influencia negativa sobre as comunidades biolóxicas e os bancos marisqueiros circundantes", "A auga de mar de saída do sistema será estéril sen fitoplacton, larvas e outros zooplánctontes", "A utilización do cloro do sistema antifouling durante o paso de auga das instalacións provocará unha esterilización da auga do mar e en consecuencia un lixeiro empobrecimiento do placton nas áreas circundantes, incluíndo as larvas presentes nel", etc.

Ao non cuantificarse no informe os danos, non debería, na miña opinión, ser aceptado como válido nin ser considerado como "favorable" por parte da Administración medio ambiental de Galicia. Non cabe dúbida de que os biólogos e expertos en ecoloxía de EE.UU. e Italia e os que elaboraron o informe (así como os que aprobaron a Avaliación de Impacto Ambiental destas verteduras) estudaron en libros diferentes. Espero que o noso probable e futuro alcalde de Ferrol, Sr. Irisarri, cumpra coa promesa de ir ata o fondo neste asunto das verteduras da auga de mar de Reganosa, xa que afectan á súa ría e aos seus mariscadores. Non é soamente un tema do municipio de Mugardos.

Manuel Afonso Domínguez, é profesor de Plataformas Offshore da UDC, membro do Colectivo Universitario Opositor á Planta de Gas da Ría de Ferrol - www.f-cape.org
____________

A planta de gas, unha fraude

Carlos Neira Suárez
05/06/2007
A planta de gas, unha fraude

A manifestación do domingo pareceu descorrer un súpeto problema que solprende a demasiada xente, en particular a medios de comunicación agora de ollos abertos coma se acabaran de chegar; e non tal: é un asunto antigo, movido, e dabondo craro e dilucidado coma pra poder asegurar eu con pleno convencemento que ningún dos axentes implicados, a calquera nível, pode hoxe alegar inocencia ou descoñecemento.

Eu, disconforme con todas as alegacións favorables a ese proxecto no meio da ría de Ferrol, teño que estalo tamen coa insuficiencia dos resumes que as partes opositoras ---ou a opinión publicada—veñen en dar, por varias razóns.

Como moi ben defendeu en principio Xaime Bello, Alcalde de Ferrol daquela, a planificación aceptabel pra os dirixentes locais apoiabase no trinomio porto exterior-pranta de gas-depuradora, que era indispensabel pra recuperar o grande tesouro natural e produtivo que a ría significa. Quén pode casar a ubicación desta industria dentro dun lóxico plano de futuro da cidade e o seu entorno?

Ise, o dereito a planificar o futuro por parte dos cidadáns é o que primeiro foi violentado polos promotores da pranta e os seus pánfilos ou malintencionados defensores. O lóxico plano que defendeu a Corporación local de Ferrol ata hai pouco tempo, foi tamen a posición da organización comarcal do BNG, pesia as posicións de localismo municipal de Mugardos e sectorial de As Pontes. Ata que, con desafíos continuos, con incumprimentos flagrantes das decisións colectivas, e finalmente coa desautorización inaudita das posicións dos antigos dirixentes locais ao respeito, o BNG ficou aliñado directa e insensatamente ao lado do proxecto Reganosa, contra a xente e contra o futuro.

E aí está, en periplo vicioso e hipócrita, o argumento máis actual a favor da pranta en Mugardos: agora que xa está, qué lle imos facer, hai que deixala.

Romperon o modelo de Ferrol e a sua ría, promoveron e adxudicaron porque sí, un polígono industrial privado e imprevisto no medio das vivendas do sur da ría. Encheron 100.000 m2 de mar ¡¡menos mar, é a consigna¡¡. Meteron nela un tráfico indesexábel e innecesario. Aportarán variacións sequera térmicas a unha boa cantidade de millóns de m3 de auga cada día. Collerón para atrás cando todo o mundo colle para diante: as industrias nos polígonos e as máis pesadas lonxe dos núcleos urbáns (Barcelona, Sagunto, Valencia, Xixón….a propria Coruña) Todo para encher os petos dun advenedizo no sector enérxetico, que, logrado o negocio, xa non é a referencia da empresa Reganosa.

Antigalegos

E todo porque –din--, Galiza precisa desa enerxía, pondo aos opositores no rol de insensatos antigalegos, coma se non houbera alternativa, crara, concreta, indiscutible.

E ante iso, preséntase a Ferrol coma conflictivo –mira ti¡¡--, càrgase contra a parte mais feble, recoñécese unha ubicación errónea, descóbrense insuficiencias empresariais de non doada resolución, e reacciónase con prepotencia e indignación hipócrita. Unha situación particular que sabe o demo como terá de satisfeitos aos que usaron o poder en sentido contrario a aquél pra o que foron escollidos.

E o BNG, mira, a percorrer o deserto da derrota electoral en Ferrol, nen conserva a alcaldía de As Pontes, fica resentido para moito tempo, e todo iso a cambio dun concelleiro mais en Mugardos. E, por se non fose isto ben entendido, os grandes abucheos para os dirixentes responsabeis ao ser nomeados na praza de Armas.

Pra colmo, o castigo –merecido--, non é equitativo. Non hai pitadas para Irisarri, con responsabilidades da xestación do proxecto da pranta. O PSOE navega na contradicción, con partidarios e detractores formando parte das corporacións electas, mentras o BNG ten fóra aos máis firmes opositores á pranta.. E PSOE, e mesmo EU, tampouco non pagan as suas posturas sobre a continuidade de ASTANO como construtor de barcos.

Eu nesa manifestación non puiden sentir satisfacción por ver abucheados aos que nos combatiron no seo do BNG, sería mísero o pequeno e serodio trunfo, pero lembrei a enteireza, a coerencia e a honestidade das persoas que dende o Concello de Ferrol tiveron a posición desexabel e democrática, e que acabaron fora: Lastra, Sabio, Cuétara, que sei eu que farán todo o posibel pra restituirlle a Ferrol o que é da cidade e das suas xentes.

Ao igual que pasa con ENCE en Pontevedra, os fillos, os netos, ou os inmediatos dirixentes serán quen de tirar da ría ese emporio caprichoso e inexplicabel. A Comisión Cidadán e a resposta das xentes de Ferrol así o mostran.

[*]
Carlos Neira Suárez
Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa.
_______________

Conservadorismo

O pensamento conservador convertiu, na boca de Sarkozy, "liberdade, igualdade e fraternidade" en "esforzo, traballo e mérito" -cómpre traducir "privilexios"-. Na esquerda resulta máis funesto aínda. Dá boa conta a trama de Reganosa, que tivo a ben apoiar a Xunta e mesmo o sindicalismo nacionalista.

Ai estivérom, nos cartazes, nos dípticos, nos mitins... muitas, muitas mulheres. Postas por lei, por decreto. Pois sim, foi o jeito de que aparecessem por fim, de que as fossem buscar, de que as tivessem em conta, ainda que quedaramos a fim de contas com poucas alcaldesas, boas e malas, preparadas ou incapaces, honradas ou corruptas, como os alcaldes, mas é umha questom de democracia. Esta vez o conservadorismo ficou mais calado. "É que elas nom querem" repetiam campanha trás campanha. Esse conservadorismo baseado na aceptaçom das cousas como estám, do pessimismo dos feitos consumados. Esse conservadorismo vital na direita e carcinoma letal na esquerda. Esse conservadorismo que vem de falar pola boca de Sarkozy convertendo a "liberté, igualité e fraternité" em "esforço, trabalho e mérito", valores todos eles imprescindíveis, mas que na boca da direita ou do conservadorismo, traduzem-se em privilégios para os que desde sempre tivérom "méritos" sem "esforço" a conta do "trabalho" dos demais. De verdade alguém cre que as desigualdades som um problema de falta de trabalho, esforço ou méritos?

Comentava que o conservadorismo na esquerda é letal. Estas palavras, andam muito da mam por Ferrolterra desde que se permitiu umha prova com gaseiro na planta de REGANOSA . "Agora já está feita!" "Umha vez que se puxo ai hai que apandar com ela!" "Nom morre a gente em acidentes de tráfico?" Tudo isto funcionando como pás de areia que intentam tapar umha das maiores tramas de corrupçom político-empresarial dos últimos anos. Umha trama (documentada em Muros de silencio, trabalho editado pola asociación Fuco Buxán) que vai desde verquidos contaminantes e recheios ilegais na Ria de Ferrol, negócios de carburantes que já estám nos julgados, até documentos oficiais manipulados e pactos secretos entre representantes públicos e empresariais sem escrúpulos. Umha trama que tem a sua origem no Grupo Tojeiro, que se fixo possível pola total identificaçom e cumplicidade do governo de Fraga Iribarne, mas que abrangue cos seus longos tentáculos a sectores que defendem visons produtivistas, antiecológicas e perigosas para a populaçom, com presença na Conselharia de Indústria, nas organizaçons políticas que sustentam o actual Governo da Xunta e mesmo no sindicalismo nacionalista. Nom podemos descuidar tanto a nossa casa! Esse conservadorismo letal polo que campeam sem problemas as políticas neoliberais e contra o que se levanta com muito "esforço" um movimento de resistência civil que soma o "trabalho" de mais de 50 organizaçons e que tem o "mérito" de conseguir romper nos últimos dias os muros de silêncio.

Lupe Ces
Ferrol - 05.06.2007

TEMPOS Novos - nº 121, Xuño, 2007
_______

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column