Por X.L. Méndez Ferrín [*]
15.10.2007

Hai unha semana lía no grande xornal madrileñista de Arteixo unha noticia de oito ou dez liñas nas que se daba conta de que un barco gaseiro entrara na ría de Ferrol para despachar a súa mercadoría na planta de Mugardos e que, en consecuencia, trescentas persoas, ben contadas ao parecer polo corresponsal anónimo, nin unha máis nin unha menos, se manifestaron contra tal tránsito e contra tal actividade insalubre e perigosa para a seguridade dos seres humanos. Estas poucas liñas facían mención lacónica de que un grupo de veciños (non mencionaba o protagonismo dos de Meá ou Mehá) leva 76 días de encerramento na casa do concello de Mugardos en protesta contra a emprazamento da planta regasificadora do, ao parecer todopoderoso, señor Tojeiro dentro da Ría. Parco pero certo. Ora si, no mesmo número do mesmo xornal coruñés de que falamos, vimos que a información de poucas liñas sobre a planta de Reganosa viña seguida de oito ou dez páxinas completas, entre as cales unha de publicidade aberta da citada Reganosa , pre-enchidas de brillante prosa e brillante despregue fotográfico sobre a candidatura da parte dazaoitesca de Ferrol á condición de Patrimonio da Humanidade, que é cousa que nunca certei a saber en que consista. (Deixemos, por hoxe, sen considerar o desprezo que os políticos de Ferrol demostran, desde sempre, polo seu casco histórico medieval, máis ben invilecido, e que só teñan ollos para o Ferrol militar borbónico e producto do Despotismo Ilustrado).

Tamén eu gosto do Ferrol do século XVIII, home non. Pro iso non me impide observar que o xornal de que falamos utilizou a imaxe e o esplendor da enxeñaría e a arquitectura neoclásica emanada da razón cesarista borbónica para ocultar que o medio ambiente, a salubridade e a vida das persoas están ameazadas realmente pola planta regasificadora de Reganosa dentro da Ría cando onda no Prioiriño Pequeno (o de "Chico" vén do Ministerio da Mariña, Madrid tamén) hai sitio dabondo para a súa instalación. A beleza, a proporción, a severidade, a grandeza do espírito militar neoclásico constituiron no seu día atributos a un tempo utilitarios e belos, por non dicer funcionais, dunha cidade-enclave estretéxico do Despotismo absolutista. Hoxe, ese Ferrol de pedra clasicista está a servir como pantalla de distracción destinada a ocultar o Ferrol e os núcleos de poboación da ría que leva o seu nome onde que viven seres humanos que se sinten ameazados por unha fábrica de gas que pode ocasionar unha catástrofe. Se eu fose profesor de xornalismo, sen dúbida daría unha clase práctica sobre manipulación da opinión baseándome nas páxinas do xornal que provocaron esta columna. A Historia da Arte ao servizo da ocultación da realidade, titularíase a lección.

Lean o libro Muros de silencio. Corrupción e ameaza na Ría de Ferrol, por Enrique Barrera Beitia e Manuel Ángel Rodríguez Carballeira. Procúrenno na Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol porque é duro de o atopar por aí xa que, dalgunha maneira, é un libro prohibido polo poder realmente existente. Demasiados intereses políticos e económicos pesan sobre o asunto da gaseira de Mugardos. De momento, a colusión entre PP, PSOE e BNG coincide en todo co espírito demostrado no Hórreo por estas tres forzas para designar un Valedor do Pobo de quen imos ter que velarnos.

[*] Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 7 de setembro de 1938) é un escritor galego amplamente recoñecido como o máis importante e representativo da literatura galega contemporánea.
___________________

Os Medios e Reganosa

Por Zerovacas 03.10.2007

O conflito de Reganosa e o tratamento que recibe nos medios de comunicación volve poñer sobre a mesa o debate sobre a facilidade con que os medios poden ser manipulados e controlados, e as estratexias que empregan para ocultar a realidade e para desinformar sobre un asunto público determinado. Dous de cada tres ferroláns están en contra de que Reganosa opere no interior da Ría e apostan polo seu traslado ao Porto Exterior. A gran maioría dos votantes dos tres grandes partidos (PP, PSOE e BNG) coinciden no seu rexeitamento á planta, malia a que os tres coinciden en calar sobre o tema e defenden a construción da regasificadora nos terreos de Tojeiro, en Mugardos. E así e todo, o tema é invisible nos medios, é ocultado detrás de muros de silencio. La Voz de Galicia, a TVG, El Correo Gallego, La Opinión, El Ideal Gallego..., todos a unha, loitan por facer desaparecer as protestas da cidadanía, igual que algún goberno intentou facer desaparecer dos medios a marea negra do Prestige. Hai moitos intereses no medio, e todos esperan sacar tallada.

¿Poden os cidadáns confiar nos medios de comunicación? ¿Cumpren os xornalistas a súa función de espazo de debate dos problemas públicos, de voceiro dos distintos puntos de vista e opinións presentes nunha sociedade? Os medios de comunicación atravesan unha crise de credibilidade, debida a varios factores: en primeiro lugar porque se negan a escoitar aos seus lectores, non aceptan outro tipo de comunicación que non sexa a unidireccional de arriba a abaixo; a audiencia cambiou e os medios non, os medios seguen falando, pero aínda non aprenderon a escoitar. En segundo lugar pola súa superficialidade e presentismo, baseados nun modelo de xornalismo de declaracións, en informacións de escasa densidade e profundidade.

Pero a crise de credibilidade chega, sobre todo, pola cercanía e submisión dos medios ao poder: os xornais nútrense de informacións institucionais, fan prevalecer ás fontes oficiais sobre as individuais ou críticas, e a meirande parte da información está preparada de antemán, a partir de pseudoeventos. Prodúcese un proceso de converxencia discursiva entre o discurso oficial e os medios de comunicación, que reproducen a retórica dos gobernos e dos grandes poderes empresariais, facéndose evidente a dependencia. Os medios de comunicación son empresas, forman parte de grandes grupos empresariais, e poñen os seus intereses económicos por diante da súa función pública. Como grandes empresas son ademais naturalmente conservadores nos seus posicionamentos ideolóxicos. A sociedade de información escolleu ás macroempresas de comunicación coma dirixentes, ideolóxica, política e economicamente. En consecuencia, a información ficou reducida a un negocio e a unha arma de presión.

Iso é o que provoca o inicio do asalto cidadán aos medios. Os cidadáns comezaron a percibir que os medios de comunicación estaban cada vez máis lonxe dos seus problemas e preocupacións, que as decisións editoriais tomábanse cada vez máis lonxe igualmente, que os xornalistas cada vez contaban con menor autonomía, e que a credibilidade e a transparencia dos medios cada vez quedara máis debilitada.

Agora, nos blogs, nas redes de información e nas comunidades virtuais escóitanse as voces dos cidadáns e dos políticos libremente, sen a intermediación dos grandes grupos de comunicación. Agora xa non é necesario atravesar gatekeeper ningún. O obxectivo deste proceso é descentralizar o debate, multiplicar os centros de poder e axentes políticos, para combater a concentración de influencia en mans dos partidos, grandes empresas, lobbies e grupos de interese institucionalizados ou apoiados nunha forte base económica. A rede facilita a organización e a comunicación interna dos colectivos de cidadáns críticos, a posta en común de informacións de interese e o debate de propostas. Asemade, fortalece a influencia que exercen sobre os medios e, sobre todo, a visibilidade social destes grupos, e a súa comunicación con outros grupos, co seu entorno e coa sociedade no seu conxunto.

Ao igual que os medios de comunicación tradicionais, os partidos políticos galegos non comprenden a rede, porque non comprenden e non escoitan á sociedade. Afeitos a pensar en medios puramente unidireccionais e a un férreo control das mensaxes emitidas, os políticos atópanse en Internet cun medio diferente, con sorpresas inesperadas, un medio no que a maioría das variables caen fora do seu control. Non entenden un medio no que a base é a capacidade de conversar, de convencer, non as primarias técnicas de marketing empregadas até agora.

Na rede estanse rompendo os muros de silencio erguidos polos grandes medios de comunicación e polos grandes partidos. Blogs, medios electrónicos, estanlles dando voz aos cidadáns, están axudando a manter vivo un debate que moitos querían soterrar. Durante algún tempo caéramos nunha espiral de silencio, na que malia unha opinión case unánime da cidadanía a prol do traslado da regasificadora ao Porto Exterior, dábase por suposto que o tema non xeraba controversia. O proceso da espiral de silencio ten lugar cando nun intre determinado unha posición sobre un asunto é percibida pola sociedade como maioritaria. Esta posición maioritaria pode non ser real e ser simplemente unha percepción xerada polas estratexias dos medios de comunicación. Isto leva aos seus partidarios a manifestar publicamente as súas opinións e aos seus detractores a manter silencio, evitando dar a súa opinión, até que nun proceso de espiral o punto de vista apoiado mediaticamente chega a dominar a escena pública, mentres que o outro desaparece da conciencia pública ao enmudecer os seus partidarios. Superado o control mediático, a espiral comeza a a perder forza e a rachar. O pobo fala.


[*] Marcos S. Pérez Pena é xornalista e investigador en comunicación, manten o Blogue Zerovacas, foi Director do xornal dixital GZnacion. Doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese 'Prensa e Transición Política en Galicia. A contribución dos xornais ao proceso de construción identitaria'. Traballou na sección de Cultura do dixital Vieiros. Na actualidade colabora na revista mensual Tempos Novos e prepara dous libros.

Fonte: Zerovacas - zerovacas@gmail.com

Enlaces
:

_______________________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column