Planta de Gas, problema de futuro


21.08.2007


A planta de gas está aí porque os seus promotores son poderosos. As eléctricas (Unión Fenosa e Endesa), xunto co socio subministrador alxerián Sonatrach teñen a decisión, pois aúnan a condición de consumidor e fornecedor principal, e teñen a maioría do capital e polo tanto a decisión. Os outros socios tamén son poderosos, Caixanova, Caixa Galicia e Banco Pastor , e tamén Tojeiro, mira.

Son poderosos para esmagar os intereses de Ferrol e de Galiza, baixo a pretexto de interese público, de ambición estratéxica para a nosa nación. Sono para recibir os apoios dos medios (os editoriais de La Voz de Galicia) da Xunta (!!), un socio menor, xuíz ornamental e parte implicada, para comprar vontades, para calar voces, para seducir pánfilos.

Pero non tanto. Saben eles que, finalmente, as cousas tornarán ao seu sitio e esa instalación desaparecerá da ría. Porque Ferrol irá cos tempos, incorporarase ao mundo cos criterios de modernidade e de benestar. Porque Galiza ao fin ordenará o seu territorio debidamente, porque cada día que abra, haberá un/unha ferrolá máis que non acepte esa presenza imposta e terríbel.

Así, as eventualidades en que basearon a súa necesidade e a súa urxencia, xa hoxe son fume, e agora veñen as posicións prácticas , moderadas , intelixentes e pragmáticas . Pero tópanse cada día coa evidencia de que unha hora de retraso na manobra do buque que trae o gas significa unha espera de 13 e 25 horas nas operacións de descarga; cando entra. E tamén para saír.

E todo iso, gratuitamente, sen necesidade. Coa alternativa de Canelas, no Porto Exterior. Explicábel e explicada, segura, incontestada, mais viábel e máis barata.

Xa sabemos que non son as necesidades do consumo de Galiza as que primaron a nova planta. Que aumenta a produción exportábel seis veces máis ca o consumo galego. Que en realidade metéronos un enclave, si, de poucos postos de traballo e moitas consecuencias, para ver de vender enerxía en Madrid.

E non son tan poderosos, porque precisan da propia competencia para conducir o seu produto. E precisan de que o Estado lles pague o gasoduto á Meseta (outra vez as vías de saída, non vos resulta coñecido ). E non son tan poderosos porque solicitan axudas de todos non para facer país, para construír Galiza, senón para facer negocio privado cos cartos de todos os cidadáns e co sacrificio da xente ferrolá.

Reganosa é, tamén, un precario proxecto empresarial. Como dicía por outras cousas un compañeiro que defendeu este proxecto moito máis do debido e do agardábel: Se tiveramos allo e cebola, e a patroa nos prestara a ola, faríamos sopa, se tiveramos pan

Pero aí está, para darnos qué facer moitos anos, e consumir enerxías (e esperanzas) da mellor xente. Mais esa loita darase, comezando este venres, 24, na marcha de Ferrol a Mugardos.

[*] Carlos Neira Suárez [1950], foi un dos primeiros organizadores do nacionalismo contemporáneo na comarca de Ferrol Terra, tanto no eido sindical, político como no cultural. Foi membro do Comité de Empresa de Astano, concelleiro en Fene e militante da AN-PG, POG, PSG-EG, UG e BNG.

Publicado no xornal dixital GZNacion

_________________________

Reganosa, ser ou non ser

O enclave en Mugardos da pranta regasificadora de REGANOSA, xa en fase de probas por un periodo de tres meses, é algo que ven sendo noticia case tódo-los días. O Comité Cidadán de Emerxencia prá Ría do Ferrol ven denunciando dende hai tempo a serie de presuntas ilegalidades, como pode ser incluso o Plan de Emerxencia Exterior que a empresa presentou como un plus de seguridade, como un alarde de xenerosidade según o devandito Comité comenta, como se a súa elaboración non fose obrigatoria. A pouco que examinémo-lo plano da ría do Ferrol e a situación da regasificadora, teremos que concluir, coas xentes do Comité, que o PEE non vai protexe-la vida dos veciños da ría. Do Real Decreto 1254/1999 do 16 de Xullo –Directiva Seveso II— emana a obrigatoria redacción do PEE, sendo once as empresas galegas obrigadas por esa normativa, dúas delas precisamente na ría do Ferrol, ás que habería que engadir á Autoridade Portuaria, que autorizou varias veces o atraco nun peirao da ría, a metaneiros cargados de gas natural licuado, mercancía peligrosa.

Prá elaboración dos PEE a Administración deberá establece-los mecanismos de consulta á poboación afectada. O público terá de ser requerido pra opinar en: Proiectos de novo establecemento, Planificación do territorio e prá elaboración dos Plans de Emerxencia. A consellería de Xusticia está obrigada a que a poboación reciba a necesaria información dos riscos existentes e da conducta a seguir no caso de accidente, o que non se fixo en nengunha das fases do proiecto. Por outra banda o PEE deberá ser homologado pola consellería ó tempo que informada a Unión Europea, nunca reducido a un listado de teléfonos pra avisar dos accidentes que se poidan producir, que nunca ten valor de prevención. E acordémonos de que o Raminp sigue en vigor, a maiores do Decreto citado que se refire á Normativa Seveso II. Se según éste as autoridades deben velar porque se manteñan as distancias de seguridade, no Raminp establécese unha distancia mínima de dous mil metros do núcleo máis próximo de poboación agrupada.

¿Pero cómo pode un alcalde renunciar a que se cumpra o dito regulamento, como fixo o de Mugardos por escrito do 13.2.2004? O Comité Cidadán de Emerxencia lembra [citando ó T. Supremo] que a Administración Autonómica podería establecer, incluso, unha distancia superior, pero nunca os concellos poden desatende-lo mandato legal nen por medio de ordeanzas, nen de plans urbanísticos. Aí topámonos novamente coa necesidade de exerce-la acción cidadá, por deixadeza da autoridade municipal en asunto que a Administración xudicial parece ter moi claro. Son actuaciós desafortunadas [prás que cabe o calificativo de nulidade radical], nas que os grupos de presión creen estar por riba da lei e onde non faltan políticos que esquecen os seus deberes. O Comité cita unha sentencia do Tribunal Supremo sobre a edar de Aranda de Duero, ilegal por estar situada a menos de 2000 metros da poboación.

Á marxe do que queda argumentado, tódo-los días se producen novas en relación coa desafortunada actuación por ter enclavado unha regasificadora en lugar inadecuado, coa agravante do posible efecto dominó pola proximidade doutras actividades peligrosas. A actuación dos mariscadores que se poden ver seriamente afectados [os seus bloqueos a caceroladas], parece non é comprendida por certos comentaristas que opinan sobre Reganosa, en Mugardos, como un feito irrenunciable. En economía, as ideas deberían ser sempre claras, como unha ecuación, e Mugardos, non hai nada máis que ve-lo mapa, non é o sitio. Pra unha maior información sobre o tema recomendámo-la lectura dos dous últimos exemplares de Tempos Novos, que estudia a fondo toda a problemática relacionada co mal paso denunciado polo Comité Cidadán de Emerxencia. Cando hai unha normativa estatal como o Raminp, dí a revista, é de forzosa aplicación.

---
Xesús López Fernández
Luns, 20 de agosto de 2007
___________

A ría e nosa e non de Reganosa
Adela Figueroa

Sábado, 18 de agosto de 2007


Onte, 17 de agosto, dia da Galiza martir, outro buque gaseiro entrou na ria de Ferrol, para atracar no porto de Mugardos.

Pola mañanciña as barquiñas dos mariscadores conseguiran desistilo do seu intento. Os descendentes do David, contra os Goliats, inmensos e poderosos gañaran esta batalla. Mas as mareas suben e descen unha vez por dia, e o grande barco cheo de gas enerxético agardou o seu tempo. Na rada de Ares ,onde hai bastante calado para un enxeño deste tipo.

Á tardiña voltou facer a manobra de entrada. Velai ven asomando , anunciado polos remolcadores a favor da marea que subiu dabondo para que tamaño buque poidese entrar até o interior da ria de Ferrol. Lentamente as suas cores amarelas e verdes iánse anunciando até mostrar as catro grandes barrigas que cubren a sua cuberta. Un pequeno ronsel fumega desde a sua chaminé. Procede do gas que se licua de xeito natural e que o barco utiliza como combustible.Unha piroga cunha bandeira vermella “Planta de gas fora da Ria” no meio da ria foi o único enfrontamento desta vez.

Calquera que asista ao espectáculo da entrada dun destes buques, pode comprender a insensatez da ubicación da planta regasificadora en Mugardos. Lembramos que os gaseiros so poden entrar ou sair coa maré alta. Fica , pois o buque, inmobilizado por 10 horas, no interior dunha ria densamente povoada, inmenso ,asustador,monstruoso. Non é de somenos importancia os efectos da contaminación que o proceso de reagasificación poida producir na ria. Estes sumaríanse a todos os outros das que xa adoece ( falta de depuradora de augas residuais, funcional, porto carboeiro, residuos da antiga Astano, etc, etc.).Mas o que domina por cima de todo é a sensación de inseguranza polo perigo potencial que implica todo o proceso.

A ria de Ferrol é unha das rias que posee a maior biodiversidade, nomeadamente na zona da sua bocana. Foi unha ria riquísima onde se podia mariscar ate o seu interior. A construción da Ponte das Pias, sen apenas luces que permitisen a renovación das augas, afogou os bancos marisqueiros do fundo da ria e mudou area por lodos nos seus sedimentos.

Muitas actuacións despreciativas da vida e da riqueza, noutrora perdurable, da ria de Ferrol, foranna abafando.

Hoxe veciñas/os de Mugardos, da Asociación de Veciños de Meá, pechados no Concello , manteñen unha loita ejemplar desde hai mais de un mes. Non queren ter diante das suas casas, onde viven, un monstruo gaseiro que descarregue o seu líquido. Que se obtén reducindo á sua tª até -160ºC , a pesión atmósferica. (na pax de ENAGAS dí que tamén se comprime a 80bares de presión) Este será gasíficado incrementado a sua tª e reducindo a sua presión ate alcanzar 600 veces o volume que traia nas barrigas do grande buque.

Este proceso acontece nas veciñanzas do barrio de Meá, no corazón de Mugardos a menos de 100m da casa mais próxima. A estrada pasa a 20 mts dos tanques. Curiosamente un garda de seguranza, prohibiunos parar o coche no arcén diante unha casa habitada a menos de 50 mts dos tanques armacen.Tomounos a matrícula. Só pararamos para saudar a unha veciña!

Que estamos a facer das nosas riquezas? Porque nos estamos a vender hipotecando o futuro da Galiza por menos dun “prato de lentellas”. Poderíase por unha planta regasificadora fora da ria. Teria o mesmo rendimento para alimentar o ciclo combinado das Pontes que tal como está agora. Non precisaria dos recheos feitos en Mugardos que afogan a ria. Non poria en perigo a seguranza da xente e do ecosistema nen o seu medio de vida.

Porque aceptamos esa herdanza do Governo de Fraga? Porque non ten , este governo o valor de enfrentar a situación con honestidade, valor e sensatez, e pechar esa planta , construindo , se for necesario outra fora da ria? Que vale mais: a seguranza da xente e a vida da Ria, ou o diñeiro que esto costaria?.

O meu apoio á loita valente das mulleres e homes de Mugardos que manteñen a tensión contra deste desatino. O meu recoñecemento ao seu sacrificio dia após dia , pondo o seu tempo, imaxinación e recursos ao servizo do ben común. Elas/es forman parte desa sociedade civil organizada que son a garante da democracia. Que lles lembra aos políticos onde está o rego direitiño por donde deberia ir o seu facer a prol da sociedade.Para iso é que lles pagamos e ninguén lles obriga a estar ahí.

Para elas/es a miña gratidao.
---

Adela Figueroa Panisse é presidenta de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.
____________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column