Reganosa e o xeneral Gabeiras

Se non leron vostedes o libro Muros de silencio. Corrupción y amenaza en la Ría de Ferrol. El caso Reganosa, fagan o favor de lelo. Está editado pola Asociación Cultural Fuco Buxán –lembren o poema Carta a Fuco Buxán, de Celso Emilio Ferreiro: "Aprende a andar ergueito, aprende a falar forte, aprende de tal xeito que nunca máis esquezas o teu norte"– e son os seus autores Carmelo Teixeiro, Enrique Barrera e M. A. Rodríguez Carballeira. O libro incorpora ademais un limiar realmente emotivo ou, se mellor o prefiren, conmovedor. Asínao Patricia Gabeiras, filla do xeneral de División José Gabeiras Montero –ferrolán de pura cepa, como o seu primeiro apelido–, quen fora xefe do Estado Maior do Exército e quen contribuíra decididamente, como militar demócrata, a frustrar o golpe de Estado fascista do 23-F. Patricia Gabeiras confesa no prólogo do libro o forte amor do seu pai pola terra que o viu nacer, e así se explica que este "home valente" –así o describe tamén a súa filla– aceptase ser, xa retirado e á idade de 85 anos levados con extrema lucidez, "presidente honorífico" do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol que se activou, transversal e democrático, para lle facer fronte, coa palabra e a razón en alto, ao atentado ecolóxico, paisaxístico e socioambiental que significa instalar unha planta de gas en pleno corazón, en plena alma viva e humanizada, fondamente humanizada, da Ría de Ferrol. O xeneral Gabeiras actuou de facto como presidente activo do Comité e até o seu pasamento, producido en xaneiro de 2005, dirixiu el mesmo diversas iniciativas artigos xornalísticos incluídos– encamiñadas a establecer a razón –tamén mediante a documentación e a denuncia– diante do bárbaro dislate posto en marcha. ¿Alguén pode entender esta violación física en plena "pel sensitiva" (Otero Pedrayo) da ría e das terras de Ferrol? ¿Por que non se instalou a planta de gas –por suposto, necesaria para Galicia– no Porto Exterior? A forza do amor do xeneral Gabeiras non pode, neste caso, ser inútil.

Miguel Anxo Fernán Vello
27.06.2007 - Galicia-Hoxe

Enlace co artigo rixinal
__________

0 Comments:

Post a Comment



Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column