Tragando sabres

O día 2 de Xullo o LNG Rivers, de 288 metros e cargado con 135.000 metros cúbicos de gas natural, tivo problemas para entrar na Ría de Ferrol, onde se atopa a alucinante planta de gas de Reganosa, a poucos metros de Mugardos e da cidade. A mareira e o vento do sur abatíano contra a Punta Coitelada, até que os prácticos lograron subir e iniciar unha perigosa manobra de enfiamento para penetrar na ría.

Aínda que o caso pasou conscientemente desapercibido, aínda é noticia. Porque nunha destas a cousa vai en serio e ese día vainos dar o riso co naufraxio do Prestige, un xogo de nenos comparado coas consecuencias que pode ter un accidente deste tipo.

Reganosa é unha barbaridade ecolóxica e política que se parece moito á Cidade da Cultura, ao Porto Exterior da Coruña e ao topónimo da cidade. Por que ao topónimo? Polas sentenzas, polas soberbias e polas hipocresías. Choven as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza contra o establecemento e a autorización de funcionamento da planta, e os representantes políticos, pois iso, ven chover como se chovese. Non lles soa? É unha vella técnica que valeu para considerar ao alcaldón como un totalitario.

E tamén se parece en que problema é grave en si mesmo, que diría un cursiñista da escola de Marta Harnecker, pero tamén o é porque nunha sociedade civilmente fortalecida, nunha democracia de calidade, non é posíbel que calquera chisgaravís do turno electoral se poña por riba das sentenzas. Acó as sentenzas magréaas calquera delegado provincial de calquera cor. Vaia rexión.

Por Xosé Manuel Sarille , escritor, profesor, cofundador da Mesa pola Normalización Lingüística - Artigo Publicado no semanario A Nosa Terra, 5 setembro 2008. Nº 1.323. Páxina 6.)

_____________

0 Comments:

Post a Comment



Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column