Marionetas a medio gas


Por Carmelo Teixeiro
17.01.2007


Tralo acordo do Consello de Ministros do pasado 29 de decembro, (BOE de 30-12-2006), no que se reducen un 50% dos beneficios das regasificadoras de GNL, pódese entender o publicado con por La Voz de Galicia (días 6,7, 8, 10, 12 de decembro e 12 de xaneiro), así como por A nosa Terra (21 de decembro). Os devanditos medios vese que foron instrumentalizados por Reganosa para presionar ao Goberno Central pola redución de marxes, axudados desde Outubro de 2005 pola Consellería de Industria coa proposta de duplicar a capacidade de regasificación, cando o Ministro de Industria convocou a primeira reunión para a revisión do Plan Energético 2002-2011 (onde figuraban 322.500 m3/hora de capacidade de regasificación xunto cunha errata de 400.000 m3/hora). O 30 de marzo de 2006 foi aprobada a citada revisión do PEN 2005-2012 coa cifra de 412.800 m3 por hora, pero só a efectos de planificación, xa que para que Reganosa amplíe a súa capacidade ten que solicitalo, pois na autorización administrativa a Reganosa de 03/06/2002 e na de construción de 13/02/2004 constan 322.500 m3 por hora, cifra similar ao que consomen os catro ciclos combinados de 400 Mw. previstos inicialmente dos cales tres están en construción e o cuarto esta aparcado por FENOSA.

O publicado en La Voz de Galicia e A nosa Terra ten un contido e redacción similar aos elaborados por David Cheda, xornalista que traballa para a empresa INCIS en Santiago de Compostela, contratada desde o 2001 por Reganosa para “traballos de imaxe” nunha campaña de información con inexactitudes e referencias virtuais. O resto de medios non publicou nada, ben porque están cansados das desinformaciones do Sr. Cheda ou ben porque a operación de imaxe estivese prevista só para La Voz de Galicia. Os seus muñidores para ir a máis presión recorreron a instrumentalizar o semanario A nosa Terra, un medio que é portavoz mediático do BNG e ao que non fai ningún favor esta movida sen éxito con titular: “O Goberno Central consente que ENAGAS afogue a Reganosa”, cando a redución das marxes a quen máis afecta é a ENAGAS.

Doutra banda, a pretensión de conectar Reganosa á rede do Estado, roza o esperpento, cando ambos medios defenden que: Reganosa forneza gas natural á central de ciclo combinado de Endesa en Compostilla (Bierzo-León), ou que a planta de Huelva deixe de recibir gaseros para enchufar a rede do estado ao gas natural de Reganosa. La Voz de Galicia de 12 de xaneiro, nas súas páxinas de economía recolle un artigo “asinado en Ferrol”, con indicios de ser un texto facilitado pola oficina de prensa de Reganosa en Santiago, recollendo unhas declaracións do Presidente de Endesa Sr. Pizarro en Ponferrada sumándose á movida de que Reganosa forneza gas para os ciclos combinados a construír en Ponferrada, pero ese mesmo día nun artigo dobre de amplo do diario Expansión únicamente consta a preocupación do Sr. Pizarro polo final das OPAS de Gas Natural e E.ON.

Eses medios ocultaron que as instalacións de Reganosa non teñen autorización de funcionamento e que na súa irregular autorización de construción constan uns condicionados de imposible solución por mor da súa mala localización dentro de Ría de Ferrol. Malia que Reganosa non pode cumprir os devanditos condicionados, directamente ou a través de terceiros, en distintos medios víñase anunciando a entrada en funcionamento para o ano 2006, logo para febreiro de 2007, e en La Voz de Galicia (8 de decembro) di que para a primavera de 2007.

¿Como se pode cualificar o anuncio da entrada en funcionamento como un feito consumado, se non se pode acreditar a cumplimentación dos condicionados da autorización de construción en relación coas distancias de seguridade ás poboacións próximas e coa saída de emerxencia de buques gaseros?.

A Reganosa esa redución de marxes industriais só afectaríalle se chegase a poñerse en marcha, mais de momento esta en construción sen autorización de funcionamento. Esas publicacións, en realidade están presionando para que se autorice o funcionamento, e contrarrestar a ofensiva das asociacións do Comité Cidadán. É de lamentar que haxa publicacións que se presten a dar por feito o arranque de Reganosa omitindo a cita da fonte dos promotores que aportan o anuncio da entrada en funcionamento.

Hai que felicitar ao Goberno Central pola redución de marxes xa que as regasificadoras estaban gañando moito diñeiro (redúcese desde un 15% ao 7%).

La Voz de Galicia
e A nosa Terra publicarom fotos aéreas que Reganosa realiza cun globo dirixido desde terra. É dicir, fotos facilitadas para unir a un contido victimista co obxectivo de presionar a ENAGAS e ao Goberno Central para que sexa autorizada a súa posta en marcha. Non fai falta ser moi entendido para apreciar en ambas publicacións a incerteza de Reganosa, xa que é un mal negocio se non lle deixan verter na rede do Estado o dobre da cantidade de gas natural que ten autorizado. O 13 de febreiro do 2007 finaliza o prazo de tres anos máximo permitido pola autorización de construción de Reganosa. Tralo incendio de Outubro pasado, nun dos tanques en construción para almacenamiento de gas natural licuado, pódese apreciar a primeira ollada que as obras non estarán terminadas dentro de devandito prazo. Sorprende, a parafernalia de determinados medios dando por feito a súa entrada en funcionamento, cando non está autorizada e non é posible cumprimentar os condicionados da autorización de construción sobre distancia ás poboacións próximas (artigo 12 da Directiva Seveso II) e a saída de emerxencia dos buques gaseros (norma EN-1532).

Pese á prepotencia mediática que veñen exercendo os promotores de Reganosa, o Grupo Tojeiro e Caixa Galicia están preparados para un eventual fracaso de Reganosa. O Grupo Tojeiro, do 18% inicial que tiña pasou a un 2,1%, tras cambiar por diñeiro un 15,9% da súa participación por un préstamo recibido de Caixa Galicia. Esta última foi noticia o pasado 06/12/2006 por aumentar a súa participación na petrolera lusa Galp Energia nun 2%, pasando a controlar o 6,6% de forma indirecta a través de Investimentos Ibéricas (posúe o 45%). Dáse a circunstancia de que Galp Enerxía quere comprar activos ao outro gran operador portugués EDP, aínda que anteriormente a Comisión Europea abortou esa operación na que tamén participaba a italiana ENI. En medios lusos considérase que os movementos no sector energético español abren a porta a que Galp intente de novo a compra de EDP, que controla o mercado do gas no veciño país, co que Caixa Galicia no caso de que Reganosa sexa un fracaso, pode manterse nun sector vital como o energético. O resto dos socios da planta de Mugardos, tamén están moi atentos ás fortes transformacións que se están producindo (pode cambiar todo radicalmente a raíz das OPAS de Gas Natural e de E.ON a Endesa), para tratar de estar presentes nun negocio seguro e con futuro. A excepción, é a actitude frívola e ríxida da Xunta de Galicia que, corre o risco de tragarse en solitario o marrón de Reganosa.

Galicia é excedentaria en produción eléctrica, os ciclos combinados a gas previstos de 1.200 Mw son para o negocio de Endesa e Fenosa, pero non son necesarios a curto prazo para Galicia, senón cando desapareza o carbón (máis de 10 anos). Quenes insistan en que Reganosa é estratéxica ou pidan que se aumente a súa capacidade, non lles estrañe que lles chamen “marionetas”, por estar mal informados ou por ser manipulados por Endesa, Unión-Fenosa, Grupo Tojeiro, etc. Se a Xunta de Galicia quere insistir en proxectos estratéxicos está a tempo de optar por outros proxectos que con mais garantía ofrécenlle outros operadores, mediante unha plataforma gasista con catro veces máis capacidade que Reganosa e operativa para o 2010, incluídos varios grupos de ciclos combinados que suman 2.400 Mw. a producir con gas, ademais dunha planta de enerxía solar fotovoltaica de 55 Mw.

Un adianto de tres anos non pode xustificar que Reganosa entre en funcionamento ameazando a vida da poboación próxima na Ría de Ferrol, sacrificando a riqueza marisquera, a potencialidade turística e a riqueza en actividades compatibles cun desenvolvemento sostenible. A Xunta de Galicia debe desmarcarse e buscar operadores con máis solvencia e que cumpran cos criterios ambientais e de seguridade exixibles por España e a UE. Unha proba é que a Comisión Europea non considera prioritaria a Plataforma gasista galega e a causa é que Reganosa vulnera a normativa comunitaria. A Comisión Europea en base ás condicións da decisión 1229/2003 do Parlamente Europeo determina os proxectos prioritarios que poden recibir subvencións europeas, entre esas condicións están o cumprir coa normativa europea de medioambiente.

En poucos anos a península Ibérica quedará saturada de ciclos combinados, podendo darse a paradoja de que aquí sigamos enmarañados co morto de Reganosa. Non se debe perder tempo, nin descartar proxectos con máis futuro e solvencia que permitan a Galicia seguir exportando electricidade. Non facelo agora supon o risco real de que Galicia sexa importadora no futuro. Sería o colmo.

Fonte: Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
__________________________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column