Hoje foi um dia moi duro

Venho de escoitar na Radio Galega a voz de Ramiro Arca Pichel, director económico administrativo de Reganosa. Decia que as mobilizaçons contra a Planta de Gas, estám danando seriamente a image da comarca, convertindo-a numha zona de difícil desenvolvemento de actividades económicas. Engadia que esta image negativa, tem mais custes que o retraso na entrada da ria dos gaseiros pola acçom das pequenas embarcaçons no mar. Hoje foi um dia moi duro. Duro para todas as pessoas que nos mobilizamos no porto de Ferrol pola convocatória do Comité Cidadá de Emerxencia. Duro para a gente do mar que nom puido aceder às súas embarcaçons e veu como conduziam a prisom ao seu patrom maior. Duro foi estar baixo a pressom de forzas uniformadas e armadas que até diante do próprio julgado demostrarom-nos a determinaçom dos que nos governam, de defender os interesses de Endesa, Unión Fenosa, Grupo Tojeiro, Sonatrach, Xunta, Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor, todos eles confabulados para fazer da nossa Ria um lugar moi perigosso para viver. Mas somos cada día mais as pessoas que queremos e temos umha outra image da Ria. Queremos umha Ria saneada e viva. Queremos umha Ria que nom mantenha só 500 postos de trabalho do marisqueo, a curto prazo ameazados pola actividade de Reganosa, senom que sabemos que podem ser até 1500, o que daria um pulo muito importante a esta comarca, e sem dana-la, sem ponhe-la em perigo. Dis que o gas é estratégico para Galiza. Mas a verdade é que de Reganosa vai para Meirama (Fenosa) e para As Pontes (Endesa). Duas empresas que levam expoliando Galiza, tanto tempo e com tantos custes ambientais e humanos, que forom e som vergonha para qualquer pessoa cum mínimo de conciência. É a luita por outra maneira de pensar o mundo, é a luita por outra maneira de produzir, é a luita polo controlo democrático da economía. Por isso nom me creo que a image desta comarca seja negativa. Sera-o para empresários sem escrúpulos. Sera-o para empresários da lei do máximo benefício custe o que custe e caiga quem caiga. Sera-o para empresários como os de Pescanova, caprichossos eles, que nom lhes deixárom fazer a piscifactoria no espaço protegido de Tourinham e já nom lhes valia outra cousa, e fórom para Portugal, vaia o demo com eles! E se Reganosa quere ir detrás faremos festa. Mais bem penso eu que a image que queda cada dia mais deturpada é a da própria Reganosa e a dos políticos que a defendem. Por isso Ramiro Arca está preocupado, porque sabe que ninguém dos deles, desses que se vem nas comidas de negócio, na cancha de tenis, nos campos de golf ou na sauna, aprovam a ubicaçom da planta de gas, simplesmente que como já está feita hai que deixa-la como está! Mas é duro para Ramiro Arca Pichel escuitar coa boca pequena dos seus colegas que a ubicaçom é umha machada, que já deveriam ter sabido que iam ter problemas coa gente. Ramiro, desde hai algumhas semanas, vai nervosso a trabalhar representando a Reganosa, a gente da prensa murmura cando passa, hai comentário de costas a ele, confidéncias nom compartilhadas. Ademais Ramiro sabe que cada vez que entre um gaseiro estaremos aí, para dizer que queremos viver, que som ilegais. E até a súa familia, a súa vicinhanza, companheiros da escola das súas crianzas, se as tem, podem começar a sinala-lo como o perigo, uns dos representantes do perigo, o perigo que ameza a nossa vida, cada día mais real, mais palpável, mais sentido.

Lupe Ces
Ferrol - 31.05.2007
______________

Os muros de silencio

MANUEL RIVAS - EL PAÍS - 25-05-2007

Sabemos que, en verbas de Heinrich Heine, cando os libros se queiman, tarde ou cedo a xente arde tamén. Mais sabemos tamén que os libros, como a xente, atopan xeitos de resistencia. Un dos libros máis prezados nas bibliotecas dos ateneos populares era O home e a terra, do gran xeógrafo libertario francés Elisée Reclus, Eliseo. Nunha das follas limiares, levaba a ilustración simbólica de dúas mans alzadas a soster unha esfera e a carón unha lenda: "O ser humano é a natureza tomando conciencia de si mesma". Talvez pola sona que acadou, talvez pola querenza da xente obreira lectora, que partillaban con A conquista do pan, de Kropotkin, esa obra de Reclus foi unha das máis odiadas polos que andaron á caza do Librepensar. Podemos imaxinar así, o Librepensar, como un ser híbrido, persoa-libro. Ao abrilo, facemos do libro un ser vivo. Mais o proceso tamén se dá á inversa: o libro ábrenos a nós. Fai de nós un corpo aberto. Un corpo que é libro.

ISTO NON É UNHA TEORÍA

Na historia dramática da cultura, houbo xente que enterrou os libros para salvalos. Ás veces, nunha sorte de cadaleito, desenvolvendo así a aprendizaxe irónica da morte que é unha das razóns de ser verdadeiras da literatura. Un dos libros máis soterrados foi precisamente O home e a terra, do Eliseo. Iso foi o que fixo Lafuente, o mozo bibliotecario do ateneo O Resplandor no Abismo, no barrio coruñés da Silva, a quen asasinarían os cazadores de homes-libro.

Reaccionamos con certo complexo cando alguén nos sitúa no eido da arte comprometida. Iso de compromiso non só semella démodé, senón que aínda por riba ao mellor se che aparece Alonso Montero para amoestar dicindo que o que fas é "compromisiño". Mais hai que zafar das silveiras é ir co Compromiso a onde nos leve. Eu teño bastante confianza no tipo este, alias Compromiso ou, en confianza, Compromisiño. É o que está detrás da chamada memory art ou arte que fai memoria.

Unha das grandes iniciativas de memory art foi o proxecto Nexo desenvolvido en Arxentina por Marcelo Brodsky, un artista activo no movemento dos Dereitos Humanos. Significado de Nexo: lazo, ligadura, unión, vínculo; calquera cousa que serve para unir outras, material ou moralmente. Un dos apartados de Nexo denominouse Os condenados da terra. Tomouse do título dun libro de Frantz Fanon, ben senlleiro nas loitas de liberación dos colonizados no século XX. Mais a denominación ten aquí un dobre sentido. O que se mostraba a xeito de instalación eran restos de libros que foran soterrados nos anos da dictadura militar arxentina, entre 1976 e 1983.

Ver as imaxes deses libros, deses ósos e vísceras de libros, é algo que estarrece. Ademais do que nos contan, do que o autor escribiu, os libros contan agora outra historia: a súa biografía. A súa lembranza da morte.

Velaquí a transcripción da nota dun caderno de 1994 dunha das persoas, Nélida Valdez, que enterrou libros para salvalos e de como volveron á vida: "Cando lle contamos aos nosos fillos que no 76 enterraramos libros, asombráronse porque aínda non os foramos desenterrar. Leonardo (16 anos) preguntounos se podían ir buscalos. Gustounos moito que se interesaran polo TESOURO. Recordábamos que estaban entre dous álamos pero non sabiamos cales eran. Así que comezaron a cavar. E seguiron cavando todos os días á volta da escola sen darse por vencidos. Ata que despois de abrir varios pozos, aos tres ou catro días, deron con eles. Os berros de ledicia dos nosos fillos ao encontralos contrastaron coa imaxe dos libros destruídos e todo o que para nós representaban".

O CIVISMO VALENTE DO XENERAL GABEIRAS

Hai libros soterrados baixo terra e tamén os hai soterrados polo silencio. Non porque non teñan interese. Ao contrario. Hai moreas de silencio sobre eles, xusto porque son moi interesantes. É o caso do que leva como un agoiro por título Muros de silencio, e por ben claro subtítulo: Corrupción y amenaza en la Ría de Ferrol, el caso Reganosa, do que son autores Carmelo Teixeiro, Enrique Barrera e Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, e que está editado pola asociación Fuco Buxán.

Falabamos de libros soterrados. Este é un libro que revirita malia o silencio. Que brinca por riba dos balados, das sebes e dos foxos. Velaí está contada polo miúdo toda a historia, a coñecida e a oculta, da gran planta de gas chantada no interior da Ría de Ferrol. O libro pode lerse ás veces como un thriller, como unha viaxe esclarecedora de Sam Spade ao Poisonville (a Cidade Veleno) de Dashiell Hammett. Noutros treitos, lese como auténtica peza do teatro do absurdo.

Como é posíbel que se permitira o emprazamento de semellante complexo no interior da Ría? Dende a razón medioambiental, é un despropósito que non tería lugar en ningunha parte do mundo civilizado. Eu xuro que nunca me crin que for adiante, ata que espertei e Reganosa estaba alí. Por que esa teimosía en metela no medio do hábitat veciñal ao tempo que se cavaba un xigantesco porto exterior? Non se aprendeu nada da experiencia da celulosa na ría de Pontevedra? Por que se ignora a voz do pobo como se a democracia fora unha tapadeira? Este complexo será moi rendíbel para unha empresa, mais é un mal negocio para a colectividade.

Despois de ler Muros de silencio un sente algo así como o desacougo da Ría, convertida agora nunha estación de gaseiros. E lamenta non ter estado, cando cumpría, a carón do xeneral Gabeiras, que tivo o valor cidadán de presidir o Comité en Defensa da Ría. Esa Ría de Ferrol, onde debían estar a facerse os mellores barcos de Europa, porque aí está a sabedoría e as mans que poden facelos. A coraxe galega ten que reactivarse para acadar esa demanda antes de que esvaia a memoria naval. Mais é imprescíndibel a unidade e a vontade dende Galicia para que nos tomen en serio. O que temos agora é un paradoxo cruel: no corazón da ría, baleiramos os tanques de esperanza e enchémolos de gas. A estratexia do suicida.

Enlace co artigo orixinal no xornal El País

__________________

Botarom lixo no meu verde jardim

Comecei a minha faixa, escolhim cores moi vivas e um lenço firme, que terme, como umha vela do vento que zoa quase sempre nas minhas janelas cara à Ria. A minha casa sinala à direita, na outra banda, à planta regasificadora de Reganosa. Por isso ainda que queira, nom podo mais que pensar nela um dia sim e outro também. Sílvio Rodríguez soa na minha cabeça "han tirado basura en mi verde jardin, si descubro al culpable de tanto desastre lo va a lamentar".

Estes días especialmente intensos reconciliarom-me coa minha cidade. Umha cidade que parecia estar resignada a viver enxurrada. Umha cidade que com cada maré adormecia ou acordava ao cheiro dos seus própios escrementos. Mas a minha cidade está viva. Escuitei umha frase que nom sei bem a quem pertence, mas que di "as pessoas nom vivem em sociedade, construem sociedade para viver". A minha cidade está viva porque ante umha ameaça como a que representa REGANOSA construe um movimento cidadá de autodefesa. Um movimento que se ergueu hai mais de seis anos, mas que nestes quatro últimos dias conseguiu um dos momentos mais emotivos vividos a nível colectivo na cidade. As concentraçons no peirao de Curuxeias, a saída dos barcos, o seu regresso co froito recolhido arrincando aplausos e opai! das pessoas que os agardavamos... ainda que ao fim o gaseiro entrou. Ganharom, como soem ganhar-lhe em Ferrol, a quem se organiza contra as injustizas, pola força. Mas é triste pensar que detrás dessas ordes e detrás dessas decissons já nom estám os de sempre, agora estám os de sempre e alguns mais. Triste é reconhecer que alguns som amigos e amigas, ou velhos camaradas militantes noutras barricadas. Triste é escuitar umha frase repetida até fartar "em Ferrol esta-se criando um clima de inseguridade que vai fazer que o empresariado fuxa coas suas inversons a outra parte", e que essa frase nom saia da boca dos de sempre, senom dos de agora. Triste é que o "desarrollismo" dos anos sesenta se instale na Conselharia de Industria, mentres o mundo fai, mais decididamente que nunca, umha condena do modelo económico que o inspirou.

Nom sei que tipo de pactos podem desembocar num despropósito tam grande como é nestes momentos a planta de gás do concelho de Mugardos. Nom sei que tipo de políticas avalam um apoio sem medida a um grupo empresarial que nunca se destacou polo seu contributo ao bem comúm. Nom sei que tipo de políticas avalam um fazer os ouvidos xordos ante tanta voz do movimento cidadá que alerta do perigo para a cidadania. Nom sei que tipo de políticas avalam o considerar que a ameaza da planta de gás queda superada polo interesse estratégico que tem.
Nom sei. Mas o que sim sei é que essas políticas nom me representam, e o dia 27 irei dar o meu voto pola Ria, pola vida, por essa cidade viva e nom escrava dos pactos e os interesses económicos.Esta cidade coa que me reconciliei estes días, onde vemos caras novas e também velhas. Esta cidade onde a soldadura uniu as aristas que levamos cada quem ao lombo, para unir-nos porque está ameazada a nossa vida.

Estou pintando a minha faixa para pendurar da minha janela porque ainda queda muito caminho por andar. E coloquei o livro "Muros de silencio" ao pé da minha almofada, porque Henrique Barrera nolo recomendou hoje como um livro para a luita, que devemos estudar para ordear bem os nossos argumentos e seguir dando o debate por um modelo de desenvolvimento respetuoso coa vida e o meio. Do resto penso que está todo em marcha, quando menos já sei dumha nova cita cidadá no peirau, e umha nova reuniom do Comité de Emerxencia, e umha nova Asemblea Cidadá...
O xacimento romano da fotografia, estava sendo escavado por Patrimonio quando se decidiu construir a planta regasificadora. Os restos do xacimento, agora já desaparecido, estám na actualidade apilados em caixas.


Lupe Ces
Ferrol - 10.05.2007

Carmelo Teixeiro  e Montse Dopico
09.05.2007

Se algún de vos se pregunta o porqué das protestas e boicot dos colectivos de toda a ría de Ferrol ao proxecto Reganosa, nesta entrevista o explican moi clariño. É incríble como o poder das grandes empresas en complicidade coa administración poden poñer en perigo o entorno e a poboación de toda unha zona. Esperemos non ter que acordarnos destas palabras no futuro, pero gardemos os nomes dos que fixeron este proxecto e os que o defenderon, por se acaso.



Carmelo Teixeiro: “Antes o de Reganosa era só un mal proxecto, agora é un tema de cárcere pola ameaza que supón para a poboación”. O Comité Cidadán de Emerxencia da ría de Ferrol pide o cese do Delegado do Goberno e anuncia que seguirá a loitar por un desenvolvemento sustentábel da ría. “As nosas actuacións non só non van acabar, senón que van ir a máis”, explicou o portavoz deste colectivo, Carmelo Teixeiro.

* O buque conseguiu finalmente chegar a Reganosa. ¿Que teñen previsto facer agora?

Seguiremos co que xa estabamos por vía xudicial. Ademais, imos interpoñer un contencioso-administrativo contra a autorización que o Delegado do Goberno asinou o pasado día 4 e que lle permitiu ao buque chegar a Reganosa. E pedir o cese do Delegado por incompetente. A partir de agora isto adquire outra dimensión, pasa de ser só un mal proxecto a un tema de cárcere porque pon en perigo a vida da poboación.

* Reganosa afirma ter todos os permisos: o da Capitanía Marítima, Autoridade Portuaria e Delegación do Goberno, ademais do do Ministerio de Industria para a súa entrada en funcionamento en probas.

A Capitanía Marítima si lle permitiu a entrada na ría, e os nosos avogados estudan accións legais por isto. A Autoridade Portuaria debería ter impedido que chegara a Reganosa, porque tamén ten competencias no interior da ría. O do permiso do Ministerio non é certo, porque a pranta está aínda en obras, por iso só ten autorización de construción, e non de funcionamento. Para que lle concedan a segunda, ten que presentar o certificado de remate das obras e cumprir uns requisitos que non cumpre relativos a saída en caso de emerxencia, distancia respecto á poboación… Só teñen unha acta parcial que lles permite probar un anaco da instalación. Da Delegación do Goberno só hai un papel asinado, que deberán enviar ao Ministerio de Industria, e pretenden despois aproveitarse dos feitos consumados.

* ¿Pode explicar cal é o risco para veciños?

Se hai un accidente, o buque non podería saír da ría polos seus medios e rápidos, como esixe a lei, porque a ría é pequena, e os grandes buques só poden saír e entrar con preamar diúrna. Tampouco daría tempo a evacuar a toda a poboación. A planta debería estar no porto exterior, onde hai un illamento suficiente. O gas natural licuado que leva o buque é líquido a menos de 160 graos. Se se producira unha fuga, mataría a todo ser vivo por frío, queimaduras e asfixia, a medida que fora absorbendo o calor do entorno e vaporizándose. A directiva europea 96/82/CE esixe que este tipo de sustancias perigosas se manteñan a certa distancia da poboación, como establece o regulamento español de actividades molestas, nocivas e perigosas. A planta de Reganosa incumpre a lei ao non gardar a distancia necesaria.

* ¿E para mariscadores e pescadores?

Primeiro, que cada vez que pase o buque impídelles un día de traballo. Segundo, que Reganosa quere utilizar a auga do mar para vaporizar o gas licuado, facer que o líquido volva a ser gas. Este proceso consiste en coller auga do mar, que entra a unha temperatura e sae a outra mais baixa, achegando o seu calor ao gas. Empregaría nun mes o 40% da agua da ría, á que lle botarían unha sustancia para matar toda a vida da auga co obxectivo de protexer as tubarias, evitar a súa obstrución. Ao esterilizar a auga, as especies de peixes e mariscos non poderían sobrevivir, pois quedan sen alimento. A auga da ría renóvase coas mareas, pero hai épocas en que a renovación é moi pequena. Hai outra alternativa, que consiste en darlle calor á auga e facer que un aparato transmita ese calor ao gas, pero isto custa o 1% do gas que se produce, porque hai que pagar o combustible, e Reganosa non quere facelo así.

* Non só o Delegado do Goberno apoia a Reganosa. Tamén o fan Touriño e Feijoo. O conselleiro de Industria afirma que Reganosa conta con todos os permisos e que ademais a planta pon a Galiza nunha posición importante na distribución de gas.

O actual goberno herdou un pacto asinado no Goberno de Fraga segundo o cal a planta de gas se situaría en Punta Promontorio Mugardos, onde está o complexo petroquímico do Grupo Tojeiro. A Xunta participaría no capital de Reganosa cun 10%. Por outra banda, non é certo que sexa un proxecto estratéxico para o país, porque Galiza é excendentaria en enerxía eléctrica e a plataforma de gas non sería necesaria até dentro duns 10 ou 15 anos. Ademais, é unha planta en precario, non rendíbel. Porque o beneficio caeu, e para compensar tería que estar autorizada a producir moito mais do que se lle permite agora.

* Segundo vostedes, o Tribunal Superior anulou as declaracións de impacto ambiental que se presentaron no seu momento. ¿En que situación se atopa iso?

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a declaración de impacto ambiental porque non tiña en conta que hai poboación a 300 metros, a 500 e a 1.500. Esta sentencia foi recorrida pola Xunta e Reganosa ante o Supremo, que tarda moito en responder. Aproveitan a lentitude da xustiza para facer algo que ameaza á poboación.

Publicada no xornal dixital GZnacion

______________________________

Ría de Ferrol, ¡perigo!

A pretensión de instalar unha planta de gas no interior da ría de Ferrol próxima a un complexo petroquímico, esta suscitando unha gran alarma social. Diferentes colectivos, como o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) e a Asociación Socio Cultural Fuco Buxán, veñen denunciando estes perigos desde fai anos. Fuco Buxán elaborou un rigoroso informe no que expón os riscos, e denuncia os silencios das administracións públicas implicadas. O documento recorda que a Comisión Europea enviou un apercibimiento a España exhortándoa a transponer de xeito correcto a Lei Seveso II. Esta lei é de vital importancia á hora de asignar chan para unha instalación de gas natural licuado, como a que se pretende situar dentro da ría de Ferrol, para evitar catástrofes como a de Seveso (Italia) en 1976, de Bhopal (India), en 1984, que provocou máis de 3.000 victimas, e de San Juan de Ixhautepec (México), que causou máis de 500.

A ría de Ferrol posúe unha configuración especial. Os grandes buques, deben entrar coa pleamar diúrna, dado que o calado en bajamar é duns 11 metros. É unha das rías máis pequenas de Galiza. Cunha alta densidade de poboación nas súas costas. Na beira sur está Punta Promontorio, en Mugardos, onde se pretende situar a planta. En Punta Promontoiro atópase xa o complexo petroquímico de Forestal do Atlántico pertencente ao grupo Tojeiro, cuxos depósitos teñen capacidade para almacenar 283.000 metros cúbicos de combustibles, ademais doutros tanques con sustancias químicas perigosas, como metanol, urea e formol. Pola natureza das súas actividades, a este complexo petroquímico élle aplicable a directiva europea Seveso II.

O escaso calado da ría e a configuración da canle que a comunica co océano fai imposible que un buque metanero poida, en caso de urxencia, abandonar a ría polos seus propios medios e á maior rapidez posible.Ante a imposibilidade de saír o buque ata que veña a pleamar, habería que evacuar a toda a poboación de Ferrol, e tratándose dun accidente con gas non daría tempo, polo cal produciríase unha catástrofe con miles de vítimas.Un estudo do ano 1994 realizado pola prestixiosa empresa internacional M.W. Kellogg definía claramente os riscos dunha planta de gas dentro e fóra da ría, descartando expresamente a súa localización en Punta Promontoiro.

Algúns irresponsables declararon que o gas natural licuado non arde nin explota e que non é un produto perigoso sempre que se manteña a 163 graos baixo cero. Afirmación falsa, pois unha fuga de gas natural licuado á temperatura de menos 163 graos mataría por conxelación instantánea a todo ser vivo que atope, roubaría calor do medio ambiente ata converterse nun gas en cuxo momento mesturado co aire pode arder ou explotar. En canto ao gas metano, mesturado co osíxeno do aire dá o tristemente soado gas grisú, que causou miles de mortos na minería. Se se producise a desgasificación rápida dos 135.000 metros cúbicos contidos nun buque metanero, a nube tería varios quilómetros de lonxitude e un volume de 81 millóns de metros cúbicos.

Por outra banda, ao acharse tan preto dunha instalación militar da OTAN -Punta Promontoiro está a 600 metros do Arsenal de Ferrol- convértese en obxectivo tentador para os terroristas. Nunha reunión celebrada en marzo do 2006 polos profesionais de urxencias (bombeiros, ATS...) de Ferrol, estes afirmaron que a localización dunha planta de gas en Mugardos é un risco innecesario de catástrofe cun elevadísimo e terminante poder destrutor, contra a que non servirían de nada os plans de evacuación ou confinamento da poboación. Por conseguinte, unha única solución: desprazar a planta de gas ao porto exterior.

IGNACIO RAMONET
El PAÍS - 02-05-2007

Enlace co Artigo orixinal
___________________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column