Cinco semanas

28.08.2007

Son cinco semanas, non son “cinco semanas en globo” como a primeira novela do escritor francés Julio Verne publicada en 1863 hai cento corenta e catro anos. Tampouco é unha ficción é unha realidade son cinco semanas as que as veciñas e veciños de Meá levan pechados no Concello de Mugardos en defensa das súas vidas e das nosas vidas, xa que todas elas están en perigo de maneira innecesaria por un proxecto do que se gaba Fraga Iribarne, ex-presidente da Xunta de Galicia e ex-ministro do réxime ditatorial de Franco, o proxecto de Reganosa en Mugardos, argallado entre o empresario Tojeiro e o propio Fraga Iribarne e que recibiron como un regalo envelenado, e non parece que con desagrado, os actuais máximos mandatarios da Xunta de Galicia o Sr. Touriño e o Sr Quintana.

Cando se produciu o tan desexado cambio de goberno na Xunta de Galicia, se paralizaron proxectos herdados do anterior Goberno como máis encoros para produción de enerxía eléctrica, novos parques eólicos, novos piscifactorías en espazos sensible e mesmo se paralizou durante un tempo a chamada Cidade da Cultura( outro dos proxectos dos que se gaba Fraga Iribarne), pero non se paralizou o proxecto de Reganosa que so tiña iniciado a construción dun depósito en pouco máis de dous metros de altura. ¿ Por que, cando os ciclos combinados de Endesa e Fenosa que é para quen se fai Reganosa e non por qué sexa estratéxica para Galicia, non van funcionar ata o 2008, non se acorda trasladar a Planta de Gas á segunda fase de Porto Exterior de Ferrol, acelerando así a súa demorada construción?. Simplemente por covardía política e por confundir o que son intereses das compañías eléctricas, que levan esquilmando Galicia anos e anos e pretendes seguir facendo, co que son os intereses de Galicia que de ningún modo coinciden cos intereses das compañías eléctricas que cada vez obteñen máis beneficios.

Os veciños e veciñas de Mugardos, da parroquia de Meá, están dando un exemplo de como se defende a legalidade e a xustiza ata as últimas consecuencias. Ese exemplo está sendo entendido pola intelectualidade e os/as artistas galegos, moitos deles comprometidos coa desaparecida, a saber por qué, Plataforma Nunca Máis, que lles veñen ofrecendo continuamente o seu apoio. Tamén polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol que xa leva organizado dúas mobilizacións de apoio e de rexeitamento da planta de gas en Mugardos, e que xa está preparando unha mobilización moi importante para o 30 de setembro en Ferrol.

Reganosa ten dúas sentenzas do TSXG en contra , non ten avaliación de impacto medio ambiental, non cumpre o RAMINP en canto á distancia que debe manter ás poboacións que é de 2000 metros como acaba de dicir o TSXG con respecto da EDAR de Ourense e que deberá ser derrubada. Reganosa non cumpre a norma de que un gaseiro poida saír da Ría de Ferrol polos seus propios medios. Reganosa xa sufriu un incendio, que durou dous días, nun dos seus tanques na súa construción e acaba de ter un escape nun dos gasoductos. Reganosa é ilegal e é perigosa e debe ser trasladada fóra da Ría como veñen defendendo desde hai cinco semanas, nun exemplo de dignidade e coherencia, polos homes e mulleres de Méa .

Agora que se está a debater a necesidade de que se aprenda o Himno Galego nas escolas, haberá que debater tamén a ensinanza da defensa da verdade, da legalidade, da xustiza e da vida, tomando como exemplo ós homes e mulleres de Mugardos que loitan pola Planta de Gas fóra da Ría de Ferrol. Seguramente nin eles e nin elas serán conscientes do que están facendo pero que teñan a seguridade de que “ os bos e xenerosos a súa voz entenden” e “ so os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros non os entenden non”.

Desde a Asociación veciñal de Esteiro “ Fontelonga”, tedes o noso total apoio.

Nota.-
Este artigo de opinión, da Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga" foi enviado por tres veces ao xornal comarcal Diario de Ferrol e non foi publicado. A primeira vez que se enviou foi o pasado 28 de Agosto.
________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________

Gas licuado

Do Courel a Corrubedo IV. Gas licuado
Xosé Manuel Beiras [*]
Luns, 03 de Setembro do 2007

Agora outra catastrofe paira no ar sobre a vida da ría ferrolán e os seus habitantes. Compre impedir que poda chegar a consumarse. Compre clausurar a planta de gas e trasladala ao porto exterior da ría.

En países, sociedades e culturas como a nosa, industria e industrialización funcionaron adoito e inda arestora funcionan primordialmente como unha mitoloxía, e non como unha civilización. O mito, dicía Barthes, "é sempre un roubo de linguaxe". A civilización industrial é unha realidade histórica : a sua conversión en mito, a sua mitificación, transfórmaa nunha orde natural inalterábel -o mito "transforma a historia en natureza". Ese roubo fai desaparecer o sentido do conceito encerrado na palabra, e convírtea nunha mera forma, nun fetiche que oculta e sustitue á realidade -de xeito análogo a como a "pantalla mediática", na comunicación de masas, oculta e sustitue a realidade e o sentido dos acontecementos.

Este sarillo de matinacións suscitóumo antonte a leitura dunhas probas de imprensa. Textos meus en proceso de reedición. Con tal motivo descubrín -esquecérao por completo- que, hai trinta anos nada menos, xa arremetera eu contra a conversión en mito da industrialización da Galiza. Dicía eu xa daquela cousas como esta: "Cada país, cada formación social en cada fase histórica, require a fabricación e o manexo de mitos acaídos á sua idiosincrasia e ao tipo de estupefaciente que millor poda afastalo das reivindicacións fundamentais -perigosas decote, mesmo por séreno, para os poderosos. Ao noso, por ser periférico e subdesenrolado, tocoulle, entre outros, o da industrialización". Ou como estoutra: "A imitación do modelo de sociedade industrial que leva acobillada toda a irracionalidade do sistema económico vixente, únicamente pode facer seguir a sangrar o noso potencial económico a prol dos favorecidos de sempre".

Penso que o acontecido dende aquela confirma a validez da diagnose e o vaticinio -pesia seren meus. Onda nós, o mito da industrialización funcionou coma o espellismo dun oasis para os camiñantes no deserto : aturamos tódolos custes e penalidades para acadalo, mais nunca demos chegado a il porque se alonxaba conforme camiñabamos. Utilizouse coma un engado para chucharnos o sangue, as enerxías e os recursos -o das enerxías relatéivolo días pasados. Entramentras, na prática, o que se fixo foi na direición inversa: desindustrializarnos, demoucar os nosos ramos industriais máis circios e estratéxicos, e provocar unha hipertrofía dos servizos e a especulación -a famosa "terciarización" da nosa economía, cada vez máis fráxil e dependente. Pero nunca apostar por outro modelo alternativo e non periclitado, por outro conceito de "industria" e de actividade "industrial". O caso estaba en manternos amarrados ao tiovivo das funcións subsidiarias do progreso dos outros, da "extraversión" da nosa economía. E que interiorizásemos ese destino como fadalmente proprio, até o ponto de rifarmos entre nós, se for preciso, na preservación das pezas chave dese tiovivo infernal. Pois iso, mesmamente iso é o que fixemos no asunto Reganosa en relación coa central das Pontes. No canto de reformular o futuro "industrial" desa comarca, convirtímonos en adalides da supervivencia da central termoeléctrica -ou sexa, do rodopio de enclaves mineiro, enerxético e metalúrxico que xa vos espriquei. Inda que fose a custe de pórmos en perigo o ecosistema da ría ferrolán e a seguridade física dos cidadáns que a habitan. Vexámolo, logo, para deixar as cousas en claro.

A mina, primeiro. Resulta curioso, inda que seica nunca chamou a atención, o feito de que a esplotación dos xacementos galegos de lignitos pardos -As Pontes e Meirama- se encetase cando, no centro do sistema, xa ía moi adiantada a crise do ciclo histórico da mineiría do carbón como recurso enerxético fundamental da civilización industrial baseada na metalurxia do ferro. Mesmo tamén do seu emprego para a sua transformación en enerxía eléctrica. O primeiro fenómeno comenza hai máis de meio século, en paralelo co progresivo desprazamento do aceiro polo aluminio, e portanto da siderurxia en altos fornos pola metalurxia do aluminio meiante a electrolise. Precisamente a criación da CECA -Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro- como precedente da CEE -Comunidade Económica Europea (1957)- é a resposta das principais potencias do capitalismo industrial na Europa continental para amañaren a xestión desa crise. O segundo fenómeno sobrevén a seguida, co apoxeo do petróleo como recurso a baixo custe -a prezos irrisorios para os subdesenvolvidos paises produtores.

Pois aínda pasarán dous decenios antes de que se aborde, a finais dos anos setenta, a esplotación dos lignitos galegos para producir eleitricidade. Certo que, polo medio, xurdira a famosa crise do petróleo, polo acordo da OPEP de elevar bruscamente os prezos. Mais o factor determinante é outro. O grupo Barrié, concesionario de Meirama, ademáis de ter o virtual monopolio da distribución de eleitricidade no mercado galego, xa era o propietario de Alugasa (Aluminios de Galicia). E o INI, titular dos xacementos das Pontes -que esplotaba a baixo ritmo para producir abonos nitroxenados- embarcárase con Alcan e Pechiney no proxecto do complexo alumina-aluminio de San Cibrán -ao que tamén se apuntou Alugasa. Coa esplotación dos lignitos de Meirama e As Pontes para as correlativas centrais térmicas Galiza convirtiuse de sócato na primeira produtora peninsuar de carbón. Xa non o eran Asturias nen León coas suas minas de antracita e hulla. Érao Galiza cos seus lignitos pardos, con altos contidos en impurezas de xofre, e pola mesma gravemente contaminantes da atmósfera ao seren queimados in situ a esgalla. Mais Galiza ficou sistemáticamente á marxe -ou ao sumo na marxe- dos planos anti-crise do goberno español para a mineiría do carbón. E tamén, portanto, de calquer caste de previsión para a continuidade das duas centrais cando os lignitos se esgotasen. No tocante ao goberno autónomo, os compromisos fraguiáns para a viabilidade das Pontes valeron para o que adoitaban valer: máis fume ca o emitido pola xigantesca cheminea, só que con outra caste de contaminación -a dos estupefacientes mediático-propagandísticos consabidos.

Paralelamente, irrumpira no cenario enerxético outra fonte en constante expansión : o gas natural. Con duas modalidades de transporte do lugar da extracción ao de destino para o consumo. Unha, os gasodutos. Outra, a licuación en orixe, transporte en buques gaseiros, retorno ao estado gaseoso en plantas regasificadoras estratexicamente situadas -e dende alí, distribución por terra en ramificacións de tuberías ad hoc. Nos primeiros mapas de anteproxectos de estacións regasificadoras figuraba localizada unha delas en Galiza, no golfo Ártabro. Non así en Asturias nen Euskadi. Porén, noutros subseguintes, a "galega" desaparecía, mentras o goberno vasco emprendía pola sua conta a construción dunha no porto exterior de Bilbao. Ian decorrendo os anos noventa, e nen o goberno español nen o galego daban un só paso a prol da hipototética planta galega. Os lignitos das Pontes ían camiño da extinción, comezábase a importar carbón para ralentizar a esplotación da mina, e Galiza levaba trazas de ficar fóra da rede de plantas regasificadoras, co cal o ciclo combinado con gas para a continuidade da central das Pontes volatilizaríase literalmente. E xa se sabe : peche da central, obreiros á rua, e máis tódolos etcéteras -ou queimar a mazo carbón de importación ao custe que fose en prezos e contaminación. E entrou a vertixe nos eidos político e sindical máis implicados no problema.

Ora, a carencia de decisión do poder político foi suplida por unha audaz decisión empresarial: tomou a iniciativa e emprendeu en solitario a aventura de conquerir unha planta regasificadora pola sua conta. Naturalmente, cos criterios e obxetivos do capital industrial privado, e non cos do interés público e o benestar social -e coa coñecida estratexia da anticipación, a presión e os feitos consumados. Así que un proxecto de relevancia colectiva para a política enerxética e industrial galega convirtiuse nun exclusivo e excluínte asunto de negocio lucrativo privado. Conseguintemente, as variábeis externas alleas ao cálculo de rendibilidade dun negocio -deseconomías externas, impactos sociais e ambientais, seguridade cidadán- ficaron excluídas de consideración: millor dito, pasaron a ser exclusivamente atrancos e interquinencias a superar meiante os procedimentos usualmente empregados polo capital neses casos. Incluída a habelenciosa conversión en dóciles aliados dos representantes políticos e sindicais dos previsibeis perxudicados polo colapso das Pontes se o proxecto "regasificador" fracasaba -e non, claro está, dos damnificados se o proxecto ía adiante nas condicións e emprazamento impostos polo interés do capital emprendedor.

Así chegamos á fase actual do conflito antre Reganosa e os cidadáns da ría ferrolán, ou viceversa. Mais, ollo: non é un conflito co proxecto dunha estación regasificadora. É un conflito coa sua ubicación e coas inadmisíbeis condicións da sua instalación. É unha reacción de autodefensa popular fronte á agresión que supón aos recursos, a meios de vida e traballo, aos ecosistemas da ría. Fronte á ameaza que constitue esa bomba potencial de gas licuado para as vidas dos habitantes de toda a redonda. Contra a arbitrariedade, a violación das leis e o desprezo aos dereitos e intereses do común cidadán con que se levou adiante o proxecto. Contra a deserción dos responsábeis políticos da obriga de defenderen a seguridade e o benestar dos cidadáns que os elixiron precisamente para iso. Contra a imposición dos criterios e intereses lucrativos empresariais privados por riba das implicacións sociais que, conforme di a Constitución, deben restrinxir o exercizo da propriedade privada. Cando do Prestige, os cidadáns tiveron que suplir, coa sua autodefensa, a deserción do poder político das suas obrigas. Só que daquela tratárase inicialmente dun "accidente". Agora trátase de actuacións feitas a mantenta. Daquela a catástrofe consumárase. Agora outra catastrofe paira no ar sobre a vida da ría ferrolán e os seus habitantes. Compre impedir que poda chegar a consumarse. Compre clausurar a planta de gas e trasladala ao porto exterior da ría. Non é un problema local: é cousa de todos nós, cidadáns galegos libres e exercentes como tais.

[*]
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, político e economista, naceu en Santiago de Compostela o 7 de abril do ano 1936. Na IX Asemblea do BNG foi elixido Presidente do Consello Nacional (CN) desta formación, e o seu voceiro no Parlamento de Galiza. Na actualidade, logo de abandonar a presidencia do CN, encabeza unha corrente interna denominada "Encontro Irmandiño" Continúa ademais á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago.
______________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column