Tragando sabres

O día 2 de Xullo o LNG Rivers, de 288 metros e cargado con 135.000 metros cúbicos de gas natural, tivo problemas para entrar na Ría de Ferrol, onde se atopa a alucinante planta de gas de Reganosa, a poucos metros de Mugardos e da cidade. A mareira e o vento do sur abatíano contra a Punta Coitelada, até que os prácticos lograron subir e iniciar unha perigosa manobra de enfiamento para penetrar na ría.

Aínda que o caso pasou conscientemente desapercibido, aínda é noticia. Porque nunha destas a cousa vai en serio e ese día vainos dar o riso co naufraxio do Prestige, un xogo de nenos comparado coas consecuencias que pode ter un accidente deste tipo.

Reganosa é unha barbaridade ecolóxica e política que se parece moito á Cidade da Cultura, ao Porto Exterior da Coruña e ao topónimo da cidade. Por que ao topónimo? Polas sentenzas, polas soberbias e polas hipocresías. Choven as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza contra o establecemento e a autorización de funcionamento da planta, e os representantes políticos, pois iso, ven chover como se chovese. Non lles soa? É unha vella técnica que valeu para considerar ao alcaldón como un totalitario.

E tamén se parece en que problema é grave en si mesmo, que diría un cursiñista da escola de Marta Harnecker, pero tamén o é porque nunha sociedade civilmente fortalecida, nunha democracia de calidade, non é posíbel que calquera chisgaravís do turno electoral se poña por riba das sentenzas. Acó as sentenzas magréaas calquera delegado provincial de calquera cor. Vaia rexión.

Por Xosé Manuel Sarille , escritor, profesor, cofundador da Mesa pola Normalización Lingüística - Artigo Publicado no semanario A Nosa Terra, 5 setembro 2008. Nº 1.323. Páxina 6.)

_____________

Por Humberto Fidalgo
Venres, 20 de Xullo do 2008

Por terceira vez, o máis alto Tribunal de Galiza dicta unha sentenza contra a instalación da planta de REGANOSA no interior da Ría de Ferrol.

Esta sentenza anula a modificación do PXOM de Mugardos que en 2003, realizou o goberno municipal para permitir a construcción da planta de gas. O Tribunal fundamenta esta anulación na falta da correspondente Declaración de Impacto Ambiental (DIA). O contencioso fora interposto por diversas asociacións veciñais de Ferrol, Mugardos e Fene pertenecentes ao Comité Cidadán de Emerxencia. Unha importante vitoria legal que vai afectar a todas as fases do procedemento administrativo, deixando sen fundamento as autorizacións que con posterioridade lle otorgaron a REGANOSA.

Pero o calado da sentenza aínda é maís fondo, xa que pon en evidencia a corrupción continuada que leva anexa esta planta de gas. O TSXG anula con esta sentenza a recualificación duns terreos que pertenecían ao grupo industrial Tojeiro e que con posterioridade a recualificación, foron vendidos a REGANOSA con unhas extraordinarias plusvalías de máis de 30 millons de euros para o grupo Tojeiro. Estes cartos, recursos públicos, procedían do sistema das retribucións ás instalacións gasisticas. O xestor de todo este proceso foi Xosé Antonio Orza, ex-conselleiro de Economia durante 16 anos nos gobernos de Fraga e, simultaneamente socio do Grupo Tojeiro.
Qué pode pasar apartir de agora?

Evidentemente a planta de gas está a funcionar en un estado de precariedade e inseguridade xurídica alarmante. Sería de esperar que un goberno coherente e responsábel ante tal insistencia da Xustiza e da poboación actuara con determinación e se desmarcara do que non é máis que un "trapallada" e un caso claro de corrupción, coa agravante de ser unha instalación moi perigosa cuxo funcionamento pon en risco a saúde e a vida de miles de persoas e a toda a Ría de Ferrol.

Pero atendendo ás actuacións da Xunta coas sentenzas anteriores de 2004 e 2006, moito nos tememos que esta poida seguir o mesmo camiño e que sexa recurrida ante o Tribunal Supremo de Madrid. Un evidente menosprezo a o noso Tribunal Superior e ás nosas institucións de autogoberno. As presións económicas dos potentes grupos industriais e financieiros que constitúen REGANOSA deben ser fortes. É máis que posible que a esta sentenza a traten de varar durante anos nos lonxanos lameiros de Madrid, mais a teimuda loita dos opositores aplanta de gas non vai cesar até que o goberno acate e execute as sentenzas e van tres. Cantas necesitará?


Humberto Fidalgo, secretario de ADEGA-Trasancos e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

Hai alternativas a Reganosa

Por Manuel Cendán
23/07/2008


Manuel Fraga e o PPdeG crearon o problema localizando a planta de gas en Mugardos. Determinados grupos de presión internos do PSdeG e do BNG pretenderon consolidar unha situación ilegal e non legalizable. Así, polo tanto os tres partidos galegos teñen que dar unha solución política á veciñanza de Ferrolterra. Isto só pasa pola saída de Reganosa fóra da nosa ría.

A inseguridade xurídica que pesa sobre Reganosa, reforzada ademais coa recente sentenza do TSXG que anula a modificación do PXOM de Mugardos, ao carecer a regasificadora da obrigada Declaración de Impacto Ambiental favorable, imposible dentro da ría ferrolá; o risco dun posible accidente que afecte á poboación (lembremos que o pasado 2 de xullo o LNG Rivers tivo que virar en redondo dada a súa proximidade á costa, e iniciar unha nova manobra de entrada á ría de Ferrol); xunto co rexeitamento social que xera polos seus efectos sobre a seguridade e o medioambiente; supón unha instalación que sempre estará en precario.

Mais, o apoio político á actual Reganosa atranca outros proxectos alternativos, viables e de interese para o país. Desde o Comité Cidadán seguen a propoñer que volva ao seu emprazamento orixinal, no Porto Exterior de Ferrol, que para iso foi construído, ou ben que se opte por unha plataforma OffShore. Recentemente, a Ministra de Fomento visitaba a construción dunha Terminal LNG, encargada en Cádiz para ser situada a nada menos ca dezasete quilómetros da costa adriática, ante a negativa da cidade italiana de Brindisi a tela a carón.

Tamén teño coñecemento de que o proxecto do “Superporto e Refuxio Ártabros”, continúa a súa tramitación ante os correspondentes Ministerios, apoiado por diversos grupos empresariais, incluso internacionais (véxase páxina web www.artabros.es). Este proxecto, de concretarse, non só daría resposta aos problemas da seguridade marítima galega pola súa proposta de Porto Refuxio e Base de Salvamento e Loita Contra a Contaminación Marítima, senón que tamén ofrece alternativas e/ou solucións aos problemas medioambientais e de seguridade de Reganosa.

O Superporto e Refuxio Ártabros merece ser estudado en serio, dado que este proxecto cumpre co requisitos medioambientais; Cumpre co RAMINP, ao estar situada a máis de 2 Km. de calquera núcleo de poboación e ademais dispón da barreira natural de A Bailadora; Cumpre a Directiva Europea Seveso II; Ten vía libre e directa ao mar aberto, para que o buque poida ser evacuado por si mesmo en caso de accidente; Propón un sistema de vaporización en circuíto cerrado a diferencia de Reganosa, polo que non dana a vida mariña e marisqueira; Achegaría catro veces máis gas ao sistema ao propoñer unha planta de gas de 10 bcm; e finalmente, tería un almacenamento de gas licuado somerxido de hasta 50 bcm que posibilitará rebaixar o custe do gas.

Ártabros de ser aprobada como una ampliación do Porto de Ferrol sería unha aposta polo País. Situaríanos na vangarda portuaria mundial, aportaría ese porto refuxio tan necesario para as nosas costas. Sería o pulo necesario para a reindustrialización da comarca ferrolá e que o Plan Ferrol non acaba de concretar; e aportaría a regasificadora que os nosos gobernantes din que Galicia necesita, sen problemas de seguridade nin ambientais.

É dicir, as Administracións Públicas e os partidos galegos teñen varias alternativas. A Xunta de Galicia e o Goberno Central deberan proceder a propoñer o seu traslado. Non teñen outra alternativa, e non poden seguir a frear outras iniciativas empresariais. Por iso non se entenden que estean entrampados nun indecoroso apoio á permanencia en Mugardos da regasificadora. As empresas socias de Reganosa (Endesa e Fenosa, fundamentalmente) deberan iniciar negociacións para construír a planta de gas fóra da ría de Ferrol.

Hai alternativas para o desenvolvemento sostible. Pero, en todo caso, todas pasan pola planta de gas fóra da ría de Ferrol.

Enlace orixinal en Vieiros
[Recomendamos ir ao sitio orixinal onde hai máis de 100 comentarios]

Blog de Manuel Cendán: Bitácora do Nordés
http://nordes.wordpress.com/
____________

A degradación da Ría

Aparecía estes días a noticia de que a Empresa Nacional de Celulosas (ENCE) podería instalarse nos portos de A Coruña ou Ferrol. Diante de esa información, o Alcalde da Coruña respostaba con contundencia: “Lo voy a tomar como una broma”. “Ni A Coruña ni el puerto de Ferrol” son emprazamientos viables. Mentres, o Alcalde de Ferrol se limitou a sinalar que era un “error”. Parecía expresarse máis como Presidente de Portos de Galicia que como Alcalde da Cidade. Non escoitamos a voz de ningún outro alcalde da comarca.

Pola súa parte, o Vicepresidente da Xunta manifestou que “estas cousas hai que traballalas en silencio e con eficacia…”. ¿Como fixo Reganosa? ¿Como se non houbera que contar cos cidadáns? Pero a noticia xa non é nova. Vexamos o que no 1997 se escribía: “A idea de sacrificar unha ría, concentrando nela ás industrias das cales a súa viabilidade implique unha certa degradación ambiental sería unha decisión de ordenación do territorio a gran escala… ”

“De feito, nos últimos anos as únicas grandes industrias instaladas ou en proxecto na zona costeira de Galicia son instalacións de alto impacto ambiental: o complexo Alúmina-Aluminio de San Cibrao, a incineradora de residuos, as dúas fábricas de pasta de papel proxectadas nas Pontes e Ferrol, etc.”

“En canto ás posibles zonas candidatas para un uso eminentemente industrial, parece obvio que a ría de Ferrol é a que reúne máis características idóneas… ”O autor do libro “Elementos para unha ordenación integral dos usos de medio litoral de Galicia” é Ernesto Penas, con prólogo do ex Conselleiro de Pesca, Sr. Landín da Xunta de Fraga. ¡Decidiran sacrificar unha ría, a nosa! Tal e como actúa a Xunta hoxe, parece incrible entender que eses textos non foran pactados entre aquel goberno e a oposición, porque se está a seguir o guión trazado. Esa é a base da instalación da planta de Reganosa, na que a Xunta do PSOE e BNG segue a orientación do PP.

Pero no noso caso, o perigo real xa é a Planta de Gas, unha bomba. Perigo para a vida e para a Ría, e agora pretenden ir máis aló, multiplicando por dúas veces e medio a súa capacidade regasificadora, multiplicando á súa vez os millóns de toneladas de auga que retornaría morta e máis fría. E o número de gaseiros que entraría no seu interior, que podería pasar dunhos corenta a máis de cen. Súmase, ademais, ese transporte de gas en camións, que faría das estradas outro lugar perigoso. E aínda máis, a pretensión da Autoridade Portuaria de dinamitar os fondos do canal da Ría, coa escusa de facilitar a entrada de gaseiros, cando xa existe un porto exterior, e sabendo que en ningún caso se pode cumprir a norma pola cal os gaseiros teñen que saír con toda urxencia nunha situación de emerxencia.

Unhas e outras ameazas, e a existencia dun perigo permanente por parte de Reganosa, fan que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, inicie un calendario de mobilizacións comarcais, seguindo o próximo 8 de xuño coa manifestación na defensa da Ría e para esixir: “Planta de Gas fóra da Ría”.

Non debemos esquecer que, se agora pretenden trasladar a ENCE de Pontevedra, é porque os seus cidadáns levan anos pelexando para conseguilo. ¡E teñen razón! As consecuencias de aquela instalación están a vista, indo a Pontevedra, visitando a ría, falando cos mariscadores, e respirando aquel cheiro infernal. Basta xa de agresións, defendamos a vida, a ría e a cantos de ela viven. Mobilizarnos é unha obriga moral e de supervivencia.

ALTO Á AGRESIÓN. ¡BASTA XA!

RAFAEL PILLADO
30.05.2008


Foto: Luis Polo no Diario de Ferrol

Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da Asociación Cultural "Fuco Buxán" e membro desde hai oito anos do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
__________

Un ano despois de que un buque criogénico de Gas Natural Licuado, GNL, o "Espírito de Galicia" entrase na ría de Ferrol protexido desde a costa polas forzas antidisturbios, estreouse en Xixón "O salario do Silencio", un "Documental de compromiso social" como así o denominan os seus autores Mabel Rivera e Enrique Banet. Un proxecto que aposta con decisión polos cidadáns, polo medio ambiente, o urbanismo sostible, pola ecoloxía respectuosa co medio xunto a unha explotación racional dos recursos e a súa repartición solidaria. Con esta formulación, de entrada, xa se pode asegurar que o documental carece, non só de calquera financiamento oficial dos que se din representar aos cidadáns, senón que conta co seu rexeitamento e un organizado "Silencio" ao redor da súa existencia e contidos. E, precisamente, é o Silencio o que pretende romper o documental ao narrar a loita que desde 2001 vén mantendo o Comité Cidadán de Emerxencia, CCE, contra o poder económico, o político e as institucións que din ser e terse polos xenuínos representantes dos cidadáns cando, habitualmente, están xustamente en fronte ou detrás ou ao mando das forzas antidisturbios creadas e encargadas de manter a orde e o "Silencio" ou cando non están dando leña como é habitual e criminalizando aos movementos sociais como unha medida máis de represión, precisamente, de "os nosos" representantes.

A proxección do documental e as charlas impartidas en Xixón están relacionadas co plan previsto de situar outra regasificadora no porto do O Musel de Xixón, no interior da bahía, con dous tanque de 200.000 m3 cada un, ampliables a outros dous tanques máis e a construción de ata 11 centrais de ciclo combinado nunha rexión, como Asturias, que xa exporta máis da metade da enerxía eléctrica que produce; algo similar ao que está sucedendo en Galicia.

O documental percorre a dura historia que precede ao proceso da instalación da Regasificadora en Mugardos e continúa coa denuncia das irregularidades cometidas, e que se seguen cometendo, pero agora de forma cruenta porque os perigos e prexuízos que a súa instalación e funcionamento supón no corazón da ría de Ferrol son reais e non só un proxecto.

O documental é un intento lúcido de dar a coñecer e facer chegar aos cidadáns todos os aspectos relacionados con semellante despropósito, é un intento de romper o Silencio, de informar.

Durante o desenvolvemento do proxecto e a construción da Regasificadora, houbo mobilizacións sociais pero non todas acordes e unánimes. Tamén houbo enfrontamentos. Reganosa enviou a un grupo de azafatas que percorreu as poboacións máis afectadas, casa por casa, facendo unha enquisa e tomando nota dos desempregados que había en cada domicilio e insinuando a posibilidade dun futuro laboral mellor. Quen llo creron, naturalmente apoiaron entón o proxecto de principio a fin e, ademais, ían atopar emprego. Quen non só non o creron, senón que ademais viron que a Regasificadora suporía un detrimento para o ecosistema da ría e o rexeitamento para calquera nova empresa ou actividade que quixese establecerse na zona e a fuxida paulatina das existentes, evidentemente rexeitaron o proxecto. Algo parecido sucedeu coas propiedades e coas expropiacións que tamén ocasionaron problemas entre veciños.

A incerteza, a necesidade, a pouca información e sobre todo a desinformación e o "Silencio", xogaron un papel importante no proceso. Pero aínda queda por engadir ao complicado do conflito a actitude dos partidos políticos do PP, PSOE e BNG que claudicaron, un tras outro, salvo honrosas dimisións dalgún militante, que si se produciron, pero non moitas. Tamén houbo expulsados, algo que debese ruborizar aos partidos responsables e sen esquecer as destitucións políticas ordenadas polos políticos destes partidos de modo case "manu militari" executadas sobre os cargos públicos que se atreveron a discrepar ou a non aprobar as decisións ditadas en favor do poder económico.

Pero, en cambio, no movemento cidadán si houbo novidades e sorpresas. As contradicións e os enfrontamentos antes mencionados entre veciños non puideron ocultar a realidade do problema. Durante 111 días medio centenar de persoas permaneceron encerradas no concello de Mugardos, á beira da Regasificadora en construción, desde finais de xullo ata mediados de outubro. A solidariedade antepúxose a calquera diferenza superflua anterior. O peche converteuse nun lugar de convivencia e de comunicación. rompeu o "Silencio" tan ben gardado polas autoridades e polos partidos políticos ao servizo do poder económico. Finalizado o peche, a experiencia foi tan positiva que todos os protagonistas buscaron outro lugar onde seguir compartindo e discutindo os problemas aínda pendentes da comunidade. Coma se dun milagre tratásese, as desconfianzas e receos entre veciños foron diluídas, superadas, coa convivencia do peche no que moitos máis querían participar sen que houbese espazo para todos. Seguramente esta é a semente que comparte e onde nace "O salario do Silencio" cando con este achegamento de tantos días de peche no concello de Mugardos, os cidadáns ao compartir os seus problemas tamén compartiron a súa solidariedade e romperon o "Silencio" que as institucións, as autoridades, os medios de comunicación e os partidos políticos habíanlles imposto e negáronlles.

Só coa convicción, a técnica e a profesionalidade foi posible realizar "O salario do Silencio" para romper a desinformación e a ignorancia e aventar aos catro ventos que outra sociedade un pouco máis democrática, moito máis democrática, si é posible.

Miguel Angel Llana
Rebelión - 19-05-2008

________
Nota. Datos técnicos:
Xénero: documental de compromiso social.
Duración 55 minutos.
Dirección, cámara e dicción: Enrique Banet
Produción, documentación e locución: Mabel Rivera
Rodada en exteriores de Mehá, Mugardos, Fene, Perlío e Ferrol.
www.namchefilms.es
produccion@namchefilms.es

"O salario do Silencio" é unha produción independente. Os beneficios que se obteñan da súa distribución en DVD irán destinados á Confraría de Mariscadores da ría de Ferrol.

Compras do DVD:
http://www.namchefilms.es/namchefilms_000022.html

Enlace co artigo orixinal
________________

Mabel Rivera e Enrique Banet, produciron e realizaron o documentario "O Salario do Silencio". [Trailer]





_____________

Reganosa é unha planta regasificadora de Gas Natural Licuado, GNL, situada en Mugardos, ao fondo da Ría de Ferrol. Os buques de GNL teñen que facer un percorrido pola Ría de cinco km até Mugardos, mais en toda a Ría só 150 metros de ancho teñen calado suficiente para este tipo de buques. A entrada só pode realizarse a unha hora determinada da pleamar e con mar e vento en calma. O barco é conducido, de modo case acrobático, por catro remolcadores, dous tiran do gasero pola proa cara ao interior da Ría e outros dous na popa tiran en sentido contrario para reter e servir de temón ao barco impedindo que se atravese ou encalle. Estes barcos teñen unha manga de 50 metros e a normativa esixe que a canle navegable teña de ancho, como mínimo, cinco veces a manga, é dicir, 250 metros, mentres que a sinuosa ría de Ferrol só ten 150 m como máis arriba se di.

Cando unha actividade, como é a instalación e localización dunha regasificadora, exponse como negocio e o seu fin primordial só é o negocio, a confrontación cos intereses sociais xorde de inmediato. E non se trata de estar de acordo ou de oporse a determinadas tecnoloxías, nin a determinadas fontes de enerxía, senón ao procedemento e aos medios utilizados que afectan, sen miramientos, ao conxunto da sociedade [A conveniencia da regasificadora sería outro tema non menos discutible].

As medidas de seguridade e o respecto ás leis relacionadas con este tipo de actividades tan perigosas quedan subordinadas ao negocio do gas. A complicidade necesaria e directa dos poderes públicos: municipal, autonómico e do goberno central, e a do resto dos poderes, é máis que evidente. O mesmo que a dos partidos políticos PP, PSOE e BNG que, como neste caso, teñen un protagonismo clamoroso. Todos eles sitúanse con e á beira do poder económico e fronte a decenas de organizacións de cidadáns.

Nas xornadas celebradas en Xixón, Asturias, sobre as Regasificadoras centráronse primeiro, na de Mugardos xa en funcionamento e, despois, na que está en proxecto para o porto de Xixón, no Musel. Mabel Rivera e Enrique Banet revelaron cuantiosos datos sobre a historia de Reganosa, tanto na charla que impartiron, na proxección do documental "O salario do Silencio" como nas declaracións posteriores que realizaron. Sen esquecer a conferencia tan documentada que impartiu Manuel Amorim, profesor da Escola de Enxeñeiros Navais de Ferrol.

Aínda que os sucesos crúzanse e se solapan no tempo, a cronoloxía é tan triste como lamentable, pero así de reveladora:

1990. ENAGAS, que entón era unha empresa pública, inicia o proxecto dunha regasificadora no Noroeste, en Galicia, ante a perspectiva -negocio- de que ENDESA xunto con FENOSA poidan construír centrais eléctricas de ciclo combinado; prevían entón que as minas de lignito estarían esgotadas para o 2007.

1994. Elabórase unha Declaración de Impacto Ambiental favorable para poder instalar unha planta regasificadora no porto exterior que, ademais, serviría para porto de carbón, chatarra e outros tráficos perigosos.

Aínda que o proxecto inicial contemplaba un peirao de abrigo de 750 metros só se construíu menos da metade.

No medio de todo isto, o empresario Roberto Tojeiro, co apoio dalgún político con intereses empresariais oponse á construción do ferrocarril que podería servir para o transporte do carbón para as Centrais Térmicas de ENDESA situadas nas Pontes, monopolizando así o transporte por estrada en proveito propio.

1996. Baixo o goberno do PP de Aznar privatízase ENAGAS e o proxecto gasístico para o Noroeste, o de Galicia, abandónase. O negocio agora é outro, pero só de momento.

1997. O empresario Tojeiro aproveita a oportunidade para lanzar o proxecto de planta regasificadora, privada por suposto, ao amparo da planeada ampliación dos peiraos de Forestal do Atlántico cuxo recheo excede o previsto e solicitado, incumprindo así gravemente a lei de costas. Pero ninguén di nada e todo segue adiante coa complicidade das autoridades competentes tuteladas polos partidos políticos no poder ou na oposición.

1999, xuño. Como cabería de esperar, iníciase o recheo ante a sorpresa dos veciños. E, finalizado o recheo, subscríbese un pacto secreto ["Pacto á Siciliana"] entre Fraga e o grupo do empresario Tejeiro no que se garante, como non, a rendibilidade da Plánta Regasificadora no caso de que as previsións de negocio non se cumpran. É dicir, privatización de beneficios e socialización das perdas e dos prexuízos ao medio ambiente, á seguridade das persoas e aos seus bens.

1999, agosto. O Xefe do Estado Maior da Zona Marítima do Cantábrico, Pedro Español Jofre de Villegas, é destituído e enviado á Reserva por presentar un informe ao Ministerio de Defensa afirmando que o proxecto da Planta de Regasificación afectaba á seguridade do Arsenal Militar situado na zona. Posteriormente Federico Trillo, ministro de Defensa, negou en máis dunha ocasión, a existencia de tal informe.

2001. Comézase a falar da construción da planta Regasificadora. Forestal do Atlántico, S.A. consegue a autorización para ampliar os seus peiraos. Realizan a tramitación e obteñen de inmediato a declaración favorable de Impacto Ambiental aínda que é anulado posteriormente polo TSXG e ratificado posteriormente polo mesmo Tribunal en 2004.

O Presidente da Autoridade Portuaria, Guillermo Romeu Caramelo, oponse á instalación da Planta Regasificadora no zona de recheo realizado na Ría porque incumpre a Lei de Costas e advirte que retirará a concesión. A represalia non se fai esperar e é cesado fulminantemente sen máis argumentos.

Os movementos sociais non se fixeron esperar, este mesmo ano o Comité Cidadán de Emerxencia, CCE, iniciou as súas mobilizacións en contra da localización da plánta Regasificadora en Mugardos.

2004, febreiro. Reganosa consegue o permiso de construción e pouco despois inicia as obras. En agosto de 2007 comeza o funcionamento da Regasificadora, non sen que antes a mobilización das embarcacións de pesca da ría de Ferrol bloqueasen a entrada na boca da ría durante varios días, ata que o día 9 de agosto e coa presión desproporcionada da policía antidisturbios, entrase o primeiro buque gasero. O "Espírito de Galiza" [Galicia Spirit], como así se denominaba este primeiro buque; todo parece que á afronta haxa que sumar a burla.

Un ano despois, 20 buques criogénicos duns 150.000 m3 cada un con GNL percorreron os cinco km da ría de Ferrol para transvasar a súa carga aos dous tanques da Regasificadora cunha capacidade total de 300.000 m3 de GNL.

Mentres, están pendentes 12 procesos xudiciais, 3 demandas ante a Unión Europea e 2 na Fiscalía, todas elas relacionadas coas graves irregularidades de funcionamento e localización de plántaa Regasificadora de Mugardos. As autoridades actuando á marxe da lei, presumiblemente claro, o mesmo que os partidos políticos.

Por actuacións ou procedementos similares, noutras zonas de Galiza, e por outros motivos, medio centenar de organizacións sociais de todo tipo crearon un movemento cidadán fronte aos partidos políticos e fronte ás institucións con obxecto de manter as mobilizacións por toda Galiza baixo os lemas "Galicia non se vende", "Goberne quen goberne Galiza non se vende" ou o da proposta de "Terra viva e vida digna para todos". En todos os casos son as organizacións sociais dos cidadáns as que se enfrontan ás institucións e aos partidos políticos que din e considéranse os seus representantes, pero a realidade é que estes enfrontamentos son o denominador común entre os cidadáns e os seus mencionados representantes.


Miguel Ángel Llana
Rebelión 17-05-2008
http://www.rebelion.org/

Enlace co artigo orixinal no xornal dixital "Rebelión"
__________

Carta perdida: A catástrofe de Reganosa


A catástrofe de Reganosa

Algunhas cadenas de televisión nos ofrecen a cotío reportaxes documentais de graves acidentes, baixo os títulos de “Grandes Catástrofes” ou “Segundos Catastróficos”, nos que, unha vez estudiadas as circunstancias dos desastres polos especialistas correspondentes, aparece case sempre como causante a concatenación de feitos que, aisladamente resultarían inofensivos.

Un pedazo de ferro aparentemente inofensivo, esquecido nunha pista dun aeroporto, ocasionou o desastre dun “Concord”: Un neumático do tren de aterraxe estalou, a llanta da roda ó tocar no chan fixo saltar chispas que, dalgún xeito, prenderon lume nun depósito de combustible.

Nunha cidade de Norteamérica, o contacto entre dúas tuberías de distintos materiais provocou unha pequena corrosión teóricamente imposible. A corrosión perforou a tubería de combustible, que durante moito tempo espallou gas polo subsolo da cidade; o cheiro alertou ós cidadáns, mais ninguén atopou a causa. Un día de moito calor produciuse unha serie de explosións que case borraron do mapa á cidade enteira.

Un inestable vaso plástico de café, verteu o seu líquido nos controles dun gran avión: O inofensivo café filtrouse polo medio dos conductores eléctricos e fixo curtacircuito entre dous terminais, provocando o sinal erróneo de avaría nun dos motores, inducindo ó piloto a desconectalo. Pouco despois, sucedeu o mesmo co segundo motor, o que obligou ó piloto a desconectalo tamén e tentar unha aterraxe de emerxencia que rematou en desastre total.

Noutro avión, algún operario esqueceu un pedazo de cinta plástica utilizada para protexer os sensores nas operacións de limpeza. Os sofisticados circuitos electrónicos, faltos da sinal dos sensores, transmitiron informacións erróneas e contradictorias de altitude e velocidade. Os pilotos estiveron voando practicamente a cegas durante certo tempo, e o desastre foi o resultado final.

Despois dos minuciosos estudios para averiguar as causas destes e outros accidentes, a conclusión final establece como desencadenante dos feitos a estupidez humana e moitas veces os intereses económicos.

Segundo estas conclusións, un desastre na estación regasificadora de Reganosa no pode tardar, tendo en conta que xa se produciron os primeiros fallos debidos á estupidez humana: o emplazamento da planta, pola teimosía de Fraga e Tojeiro; o consentimento das Autoridades e dos Políticos, polos intereses económicos; a apatía resignada dun pobo afeito a aturar todas as desgracias que lle botan enriba.

A cadea de despropósitos xa comezou. É cuestión de tempo que se vaian engadindo os seguintes elos: unha válvula atascada, unha tormenta imprevista, unha “agulla rocosa” no canal…

¿Pesimista? Non. Hai cousas que se ven vir.

Amadeo Varela Rodríguez
avarela36@mundo-r.com

Por Miguel Fernández y Fernández
1999

Imos supor que eu fose terrorista. Nunha das reunións cos meus colegas, proporíalles: Para atacar as bases desta sociedade que odiamos, busquemos un escenario onde sexa fácil cometer un atentado a un enorme buque transporte de combustible, ou de substancias químicas, ou de gas e á súa planta de apoio, ou mellor aínda, aos dous ao mesmo tempo. Un porto que teña unha entrada angosta por unha canle facilmente accesible desde terra, no que os grandes buques só poidan entrar coa marea alta, que se atope situado moi preto de núcleos densos de poboación, para que se produzan máis danos materiais, humanos e ecolóxicos e que, ademais, de paso carguémonos unha importante base naval, neutralizando aos estaleiros de apoio, o arsenal e todos os buques militares....

Agora imos supor que eu fose un político sen moitos escrúpulos: Nunha das reunións cos meus colegas, ao tempo de degustar unhas exquisitas ameixas, desas que xa van quedando menos na ría de Ferrol, proporíalles: Imos apoiar un proxecto sen ter en conta os intereses dos cidadáns (cantos postos de traballo creáronse?), a modificar unha solución intelixente tomada anos atrás (o porto exterior pensouse, precisamente, para situar á planta de gas), a cargamos o atractivo turístico dunha fermosa ría, a debilitar a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, a pór en serio perigo as vidas dos cidadáns que nos votan, a non cumprir as normativas de distancias de seguridade nin de impacto ambiental; a construír unha autoría con diñeiro público que termine, vaia casualidade, na planta de gas. Ademais, existe a posibilidade de cargamos máis aínda a vida mariña e os cultivos de ameixa e outros bivalvos... que tamén os crían noutros lugares de maior interese para o noso partido.

En ambos os casos as respostas son coincidentes e, se se consegue o segundo suposto, facilítase enormemente o labor dos "pobres" terroristas.

Se pasamos das suposicións aos feitos sucede que en Mugardos nos instalaron unha planta de gas, en casa.

Entre as moitas formas de actuar do terrorismo marítimo pódense de enumerar: O ataque en alta mar a barcos que transporten mercancías vitais; a voadura en augas interiores ou no peirao de mercantes especialmente vulnerables; o ataque en porto a grandes buques con cargas perigosas, ben desde o aire utilizando aeronaves pequenas cargadas de explosivos, ben mediante ataques submarinos por mergulladores ou equipos de demolición suicidas, utilizando minas adhesivas. Estas ha posibilidades están contempladas nos manuais interceptados aos terroristas. Afundir un barco mercante capturado previamente, bloqueando unha canle estratéxica é unha das moitas continxencias posibles. Outra é un ataque desde terra con foguetes. Tampouco fai foi falta ter moita imaxinación para pensar que podería pasar se uns terroristas secuestran un buque transporte de materias química ou de gas e fano voar nas proximidades dunha cidade da costa.

As instalacións de LNG situadas na costa tamén poden atacar desde terra por medio de camións bomba con similares desastrosas consecuencias.

Os ataques de piratería multiplicáronse nos últimos anos especialmente en lndonesia Curiosamente a rede de Al Qaeda, comprou un número considerable de buques creando a primeira, forza naval terrorista da historia. Os buques están rexistrados con bandeiras de conveniencia dea Iemen ou Somalia. É lóxico que recorde aquí que unha das accións máis claras de antiterrorismo naval foi a interceptación por unha fragata española, nunha impecable e brillante acción, do buque norcoreano Sosan levando mísiles a Iemen en decembro de 2002. Unha excitante historia de piratas que nos retrotrae ás novelas de Emilio Salgari da nosa infancia, coa diferenza de que non era ficción imaxinada por un escritor, senón a crúa realidade dos tempos que corren. O final foi que ao barco autorizóuselle a seguir a súa viaxe pois se trataba de dous países soberanos e, xa que logo, suponse que respectables. O negocio é o negocio.

Que sucedería en caso dun ataque? As características do gas natural licuado (LNG) e a súa volatilidade ofrecen, nesta desgraciada era do terrorismo, moitas oportunidades de atentados a infraestruturas de apoio vulnerables que estean emprazadas preto de núcleos urbanos.

Segundo técnicos respectables un ataque dun terrorista cun bote bomba sobre un gasero pode facer que a metade da carga de LNG se escápe e se incéndie. En 3 minutos o lume pódese estender a uns mil metros do buque. Nun caso así non hai nada que se poida facer, non hai tempo de evacuar á xente ou de apagar o lume. Os estudos afirman que os maiores efectos terán lugar ata os 500 metros. A radiación térmica alcanzará os 1.500 metros e pode incendiar miles de fogares. e estes estudos son os que impuxeron as actuais medidas de seguridade que fixan un mínimo de 2 a 3 km de distancia aos núcleos de poboación. En todo caso os informes máis conservadores, é dicir, os das propias compañías que varren loxicamente para casa, sinalan como distancia mínima de seguridade unha milla (1.850) metros.

Como se dicía no informe do Estado Maior da Zona Maritima do Cantábrico de Agosto de 1999, as distancias ao centro urbano eran de 1.200 metros, ao centro 1.600, a Mugardos 900 e ao propio Arsenal 1.000 metros. Ese informe foi elaborado co soporte técnico proporcionado polo Arsenal, naquel momento baixo o meu mando. Os informes negativos da Armada non prosperaron pois había unha firme decisión de .levar adiante o proxecto.

Non deixa de ser curioso que un dos socios da planta de gas de Mugardos, ENDESA, estea construíndo unha planta en Livorno (Italia) 20 km mar dentro e presuma da súa tecnoloxía como clave do que representará o futuro dos proxectos de regasificación mundiais. Este feito fai que á burla sómese o escarnio, cando xa estaba previsto que a planta situásese nos terreos do porto exterior en Caneliñas. Acaba de chegarme a esperanzadora noticia de que o goberno italiano acaba de suspender o decreto de aprobación da planta de gas licuado de Brindisi por non cumprir a lei italiana nin a europea.

Distintos organismos oficiais recoñeceron o perigo da planta, e que é previsible que se produzan perdas humanas en caso dun accidente cuxa repercusión económica sería alta. As distancias de seguridade non se respectaron e a saída do buque, nunha urxencia, polos seus propios medídevos é imposible. As persoas e organismos públicos que tiñan que haberse manifestado no seu momento, inhibíronse.

No seu favor poderíase dicir que o que non sabe é como o que non ve. Naquel momento os cidadáns e poida que algúns políticos, quizais non soubesen, pero os técnicos si sabían e os que tomaron as decisións tamén sabían. E agora si sabe que o lugar adecuado desta e bomba potencial é o porto exterior de onde nunca se debeu desvincular. Se aos galegos sóbranos diñeiro para pagar cinco veces máis que o seu orzamento orixinal por unha Cidade da Cultura de dubidosa funcionalidade, ben podiamos aspirar a que un sopro de xuízo nos nosos dirixentes faga inexorable o traslado futuro da planta.

Miguel Fernández y Fernández, Almirante na Reserva

[Trascripción do artigo que foi publicado no número 22 de Revísta "Ferrol Análise", editada polo Club de Prensa de Ferrol. No ano 1999 Miguel Fernández y Fernández era o Xefe do Arsenal Naval Naval Militar de Ferrol, cando o 26/8/1999, polo entón Almirante da Zona Marítima do Cantábrico, foi subscrito un informe contrario á localización dunha Planta de Gas dentro da Ría, ao que se fai alusión neste artigo.]
___________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column