Con (e contra) Reganosa (non) vale todo

Os cidadáns estamos a nos acostumar a que os poderes públicos violentan o Estado de Dereito con tal de que as empresas – que moitas delas foron no pasado galegas, e hoxe xa non – poidan levar adiante os seus negocios.

Tales feitos levan a situacións como as vividas estes días con Unión Fenosa, que coa presenza do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Industria, pretendía dar por inaugurada este luns os seus ciclos combinados sen ter a pertinente licenza municipal. As denuncias dos veciños organizados na “Plataforma pola Eliminación das Liñas de Alta Tensión de Oseiro” ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou á empresa eléctrica a aprazar sine die tal inauguración, por “razóns técnicas”. E todo isto por darlle publicidade de balde a Reganosa na liña de presionar en favor da súa autorización definitiva, que hoxe non ten.

Os veciños de Mugardos están a ocupar o seu Concello por mor do falso Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia. O pretendido plan “só afecta” aos catrocentos metros inmediatos á planta de gas, obviando a seguridade dos cidadáns situados aos dous quilómetros mínimos a que lle obriga as leis medioambientais, cunha lexislación cada día máis restritiva; e que xunto cos impedimentos que teñen os buques metaneiros en caso emerxencia na estreita ría de Ferrol, deixa fóra da legalidade á Planta de Gas e sen argumentos técnicos. Non valoro aquí a agresión medioambiental para as augas e a ría de Ferrol co circuíto aberto de Reganosa, nin o freo para a Candidatura “Patrimonio da Humanidade” dos Castelos do século XVIII.

Unha cousa é que a UPG e Paco Rodríguez renuncien en beneficio de que as empresas “galegas” radicadas en Madrid desfagan Galicia segundo lles conveña, máis o Presidente da Xunta debera facer país fronte a unha herdanza velenosa e inviable como Reganosa. Sobre todo porque o apoio político da administración galega impide que outros operadores europeos poidan facer no litoral exterior unha planta de gas catro veces superior ao proxecto perigoso, ilegal e non legalizable do Grupo Tojeiro. Algo que xa hai tempo coñecen por estar rexistrada a petición no Ministerio de Industria.

Tamén sería recomendable a elaboración dunha política industrial galega que mereza tal nome. Cando somos exportadores netos de enerxía o futuro industrial galego non pode seguir nas mesmas pautas fraguistas continuadoras do franquismo.

Quero salientar que o bo facer do Comité Cidadán de Emerxencia permitiu incorporar ao conxunto da poboación e dos movementos asociativos, especialmente na cidade de Ferrol. Mais, tamén nos últimos tempos, elementos oportunistas pretenden aproveitarse do traballo realizado desde o ano 2001.

Estes días atrás desde a Consellería de Sanidade desmentía a existencia de “Comisionados para a Catástrofes”, a conta de que un enfermeiro presentábase a si mesmo como voceiro ferrolán emitido informes contrarios a Reganosa. Probablemente, a pretensión de Sanidade era debilitar a loita contra a Planta de Gas, pero, resulta curioso que os feitos reforzan a posición do Comité Cidadán e de aqueles, que desde dentro din que, con e contra Reganosa non vale todo.

En resume: a Planta de Gas ao Porto Exterior de Ferrol. ¡En defensa da vida, da ría e da legalidade!

Manuel Cendán
24/07/2007 - Vieiros

Enlace co artigo orixinal

__________
Manuel Cendán
Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés.

_______________________

Reganosa: memento de Encrobas

Hai agora trinta anos andaban os nosos paisanos habitantes do edénico val das Encrobas, parroquia de Cercedo, no corazón da provincia da Coruña, moi alporizados porque lles estaban a arrebatar as terras que secularmente cultivaran os máis remotos avós, a prol dunha mina de lignitos explotada por Fenosa. Daquela, pasou o que pasou. E pasou moito: xente de nós, homes, pero sobre todo mulleres en primeira liña contra as culatas dos mosquetóns, remedando xestas irmandiñas recentes e solidarias como as de Oseira ou Nebra, onde houbera mortes de disparos institucionais, arrepuxéronse á garda civil, como sempre protectora do capitalismo, no canto de defensora da sociedade, que é a función esencial pola que cobra a nómina todos os meses. Arrepuxéronse e conseguiron algún beneficio de aquilo que en principio estaba pensado exclusivamente para engordar as arcas da potente empresa. Conseguiron postos de traballo, pensións para os vellos labregos e, por enriba de todo, saír da humillación e gañar en dignidade e respecto, a poder de organización, solidariedade e tesón, cousas todas que nos ensinaron que Galicia non tiña por que permanecer submisa e calada; que a unión fai realmente a forza e que esta frase non é so un tópico retórico; que aquel reclamo que reza "o pobo unido xamais será vencido" pode ser unha hipérbole arengaria que non responderá a algo de todo certo pero que fai engurrar a gravata dos yuppies e soltar lastre a quen pretende abusar e esmagar baixo a bota do capital neoliberal toda unha forma de vivir e toda unha tradición.

Ben, xa sei que hoxe estou un algo panfletario. Pero non renuncio a unha soa das palabras que acabo de escribir despois de ver (visionar, horrenda palabra) a película-reportaxe dirixida por Xosé Bocixa así titulada: A ceo aberto. As Encrobas. Alí hai xentes do común que contan a historia, pero sobre todo unha muller narradora, aínda en flor, que viviu os lances de 1976 e 1977 e que nos conta con precisión e detalle, ben mesturadas por veces ambas as cousas coa emoción propia de quen loitou e perdeu, non sen esforzo, todo o proceso que vai dende as primeiras notificacións oficiais de 1975 respecto da decisión do Consello de Ministros presidido por Franco, de declarar de utilidade pública a explotación da mina, até o obrigado abandono das propias casas, derrubadas polas uñas mastodónticas das escavadoras.

Habería que citar aquí, como se facía nas epopeas antigas, os nomes épicos daquelas xentes que lideraron valentemente a oposición ao atropelo capitalista ou gardaron memoria para agora nos relatar o que pasou hai trinta anos: Manolo das Encrobas, Moncho Valcárcel, ‘O cura das Encrobas’, Manolo o Costiñán, Alfonso e Francisca de Anguieiro, Maricarmen de Hilario da Quinta (magnífica e vivísima narradora), Lolo do Río de Gontón, Manuel e María da Pedragrande…

Agora estamos en Corrubedo, que tamén queren queimar a base de deposición de rodaballo; e no Courel con grandes feridas na pel de Novoneyra; e no corazón da ría do Ferrol con Reganosa en litixio cos mariñeiros e xentes de medo no corazón que teñen que repetir a epopea de sempre malia termos unha Xunta do Goberno de Galicia disque progresista. E chégame antonte, polo correo electrónico, un manifesto redactado pola Asociación Cultural Fuco Buxán para asinar e solidarizarme. E asino e solidarízome, porque aquelas xentes das Encrobas, e antes de Portomarín e Castrelo de Miño, e agora Bernardo Bastida, son as que nos poden dicir que Galicia non ten por qué esperar a que bambi ZP nos diga que a alta velocidade chegará a tempo. ¡Vaites, vaites! O sapo de Curros diría "Cro, cro".


Anxo Tarrío Varela
Galicia-Hoxe 19.07.2007
Enlace co artigo orixinal
__________

REGANOSA: A Conspiración Gasística

REGANOSA: A CONSPIRACIÓN GASÍSTICA

En funcionamento en probas dende maio, a planta regasificadora de Reganosa, que a connivencia político-empresarial decidiu chantar en Punta Promontoiro, Mugardos, no medio da Ría de Ferrol, agarda a aprobación polo Consello da Xunta do plan de emerxencia, derradeiro paso para a posta en marcha definitiva, prevista por eles para o próximo mes de agosto.

Para que isto sexa posible, o bipartito PSOE-BNG, cunha complicidade continuista co anterior goberno do PP, disponse á axilización con toda a premura posible dos trámites administrativos, prestándose a exerce-las funcións de negociador cos colectivos directamente afectados e especialmente conflictivos, e como contrainformador co obxectivo de dobregar a unha opinión pública abertamente contraria a este proxecto.

A posta en funcionamento en fase comercial de REGANOSA constitúe o colofón dunha verdadeira conspiración co obxectivo de instalar a calquer prezo, unha planta regasificadora, nunha ría coma a de Ferrol, á que a Xunta de Fraga decide “sacrificar en beneficio das restantes” (!!).

Reganosa é o resultado da concorrencia entre poder político e os intereses dunha entente de dúas grandes empresas do sector enerxético e testaferros destas, e veu da man do clientelismo e a vasalaxe corrupta a tódolos niveis dos políticos de quenda, da prevaricación e dunha política de feitos consumados insensata e criminal.

As razóns económicas deste proxecto están, ademais de nas propias ambicións do Grupo Tojeiro, nos intereses de Endesa e Fenosa de abastecer aos seus futuros ciclos combinados, e de xogar unha baza (de aí tamén o da solicitude de duplicar a producción e o desdobramento de rede de gasoductos) frente á feroz competencia con Gas Natural, Enagas e outros operadores e concesionarios do sector gasístico.

No canto das razóns políticas, esgrimiuse sempre o carácter de infraestructura estratéxica para o desenvolmento económico de Galiza, cando hai evidencias contrarias incontestables.

Os intereses de Endesa, Fenosa, Tojeiro, Caixa Galicia, etc., non son, evidentemente, os dos traballadores nin os de Galiza como Nación. Tal identificación falsa de intereses non ten nada de patriótico, e racha coa traxectoria histórica do nacionalismo galego, de esquerdas e antimonopolista. O mantemento da participación no proxecto por ámbolos dous socios na Xunta, e o aliñamento cos grupos promotores na defensa do mesmo contra vento e marea de loitas e mobilizacións, amosa a concepción neo-colonialista do desenvolvemento económico de Galiza que teñen os xestores socialdemócratas, compartida polo capital monopolista, e traidora e vergoñentamente tamén polo BNG.

É evidente que en Galiza unha planta regasificadora, non ten máis razón de ser como infraestructura estratéxica que o empeño dos promotores e o poder político (Goberno Central e Xunta), pois o balance enerxético (hidráulicas, eólicas, térmicas, etc), ten un superávit na capacidade de produción de enerxía eléctrica da orde do 47%. Existen plans de ampliación de produción nos ciclos combinados de As Pontes e Sabón (con outras posibilidades de suministro vía gasoductos europeo ou alxeriano), no sector eólico, no hidroeléctrico, etc. Do que se trata é de negocio, puro e duro, e de posicionamento fronte á competencia no enfrontamento intercapitalista polo control do sector enerxético.

É evidente a absoluta ausencia de garantias para a seguranza e a non hipoteca do futuro desenvolvemento dunha ría, por mor dunha industria perigosa, de gran impacto sobre o ecosistema, os recursos, a poboación e a planificación urbana e territorial. Un plan de emerxencia que afecta a un perímetro de radio de só 400 mts., e a negociación coa Confraría non resolven ningún dos problemas, de seguridade para a poboación, económicos, de planificación, xurídico-legais, etc, que ten plantexados Reganosa.

Unha instalación industrial que, evidentemente, podería ubicarse como alternativa con maior idoneidade nun artefacto off-shore fóra da costa, sen os efectos que causa un enclave desta natureza no corazón dunha ría pequena e estreita como a de Ferrol, e aínda en outros puntos dun litoral coma o galego, de densos e esparellados asentamentos, e rico en recursos mariños.

Reganosa, máis aló de que, como feito consumado, entre en funcionamento por imposición dos poderes políticos e económicos deste Réxime Monárquico, é unha auténtica conxura á que hai que desenmascarar, do que nos ocuparemos en sucesivas análises, e combater dándolle continuidade e amplitude á mobilización popular polo peche da planta.

Frente Popular Galega
FPG|Ferrolterra -ferrolterra@frentepopulargalega.org-
___________

Som várias as vozes que, ao longo destes dias, criticam às feministas que participamos nas mobilizaçons que solicitam a liberdade de Bernardo Bastida. Eu som umha dessas feministas e vou ir manhá a unir-me à marcha que estám realizando os mariscadores e mariscadoras desta comarca, junto a pessoas vinculadas ao Comité Cidadán de Emerxencia e organizaçons ecologistas, para achegar-se até o cárcere de Teixeiro. Essas vozes acusam-nos de esquecemento dos graves feitos acaecidos há algúns anos, quando o já daquela Patrom Maior, foi julgado e condenado por agressom sexual a umha trabalhadora da Cofradia. Nom, nom esquecemos. Mas nesta ocassom, Bernardo Bastida nom é detido por cometer um delito, nem como conseqüência dumha outra condena. É detido por participar numha mobilizaçom que tinha como objectivo paralisar a entrada ilegal dum gaseiro na nossa Ria. É detido por ser o Patrom da Cofradia, por ser o representante dos mariscadores e mariscadoras. O Patrom Maior convirte-se assim num prisioneiro de Reganosa, para o que outros poderes prestárom os grilhetes e as celas, dizendo que mantê-lo em liberdade criava alarma social, ou como reza no auto "para evitar um possível delito". E como algumhas feministas estavamos alí, umhas nos barcos fazendo fronte ao gaseiro, e outras no porto agardando e alentando a acçom das mariscadoras e mariscadores, puideramos ser nós mesmas as represaliadas, e assim lhe-lo figemos constar à juíza assinando umha autoinculpaçom polos mesmos feitos polos que o Patrom Maior da Cofradia de Ferrol era detido e levado ao cárcere. E ainda sem esquecer, o que nom se pode é virar os olhos ante a injustiça e deixar que umha luita colectiva entre polos tam desiguais, se julgue polo historial delictivo dumha pessoa. Porque a luita por sacar a Reganosa fora da Ria de Ferrol, é umha luita moi desigual. Dum lado a cidadania da comarca de Ferrolterra, com desinformaçom e mesmo abandoada por algumhas forças políticas e sindicais nas que se sentiu de sempre representada; ameazada e agredida polas autoridades que deveriam defendê-la. Doutro lado ENDESA, FENOSA, BANCO PASTOR, CAIXA GALICIA... os de sempre, com medios de comunicaçom moi fortes como LA VOZ DE GALICIA, e agora também cos contertúlios da Rádio Galega; co governo da Xunta do señor Fraga Iribarne para poder asentar sem problema os começos deste fraudulento negócio; e agora, mercando nom se sabe bem a cámbio de qué, novas vontades numhas administraçons governadas por forças políticas de esquerdas que estaríam chamadas a preservar a vida, o meio ambiente e mesmo a legalidade.

Algumhas vozes se escuitam recitando o historial de Bernardo Bastida... Detrás disto saem outras dizendo que as mariscadoras e mariscadores só querem dinheiro, que nom lhes importou ter a Ria contaminada todos estes anos... e ao melhor é verdade, pois o principal para estas pessoas é defender os 500 postos de trabalho que dá esta Ria e que sabemos que poderíam ser muitos mais. Mas o que passa agora, é que a injustiça de Reganosa resulta já um feito palpável, como resulta já evidente que a planta de gás nom vai ser paralisada de momento polo novo governo, como agardavamos muitas pessoas de boa fê. O que passa agora é que vemos entrar os gaseiros, e ver passar a poucos metros da tua casa um gaseiro arrastrado por vários remolcadores é moi didáctico. O que passa agora é que trescentos milhons de litros de auga da nossa Ria, vam ser cloradas todos os dias do ano e expulsadas de novo a mais baixa temperatura, e isto resulta moi doado de entender, salvo para alguns biólogos e técnicos ao serviço da empresa. O que passa é que, como dixo alguém o outro dia na assembleia cidadá "a gente movemo-nos por evidências". Falta saber que move a outras pessoas a desprestigiar este movimento cidadá. Manhá estarei fronte ao cárcere de Teixeiro, junto às trabalhadoras e trabalhadores do mar. Manhá domingo, estarei, porque outras luitas ao melhor nom compartimos, mas esta é a nossa luita, a de toda a cidadania de Ferrolterra. Tenho boa memória mas A RIA É NOSSA E NOM DE REGANOSA.

Lupe Ces
Ferrol - 10.06.2007
________________


Po Jorge Porto [*]
05.07.2007


A finais de maio e principios de xuño, o bloqueo de dous buques gaseros na bocana da ría de Ferrol, que se dirixían a unha planta regasificadora no interior da ría, tivo ampla repercusión. Eses bloqueos foron parte dunha loita iniciada fai varios anos, loita que non é contra a planta en si, senón pola súa localización no exterior da ría. A historia empeza en 1990, cando Enagás era unha empresa pública. A localización da planta estaba prevista en cabo Prioriño, fóra da ría, onde se ía a construír o actual porto exterior de Ferrol.

Pero en 1996 o PP privatizou Enagás e o proxecto de Prioriño foi abandonado. Entón aparece o empresario Roberto Tojeiro, amigo persoal de Manuel Fraga, promovendo o proxecto Reganosa (Regasificadora do Noroeste SA) como ampliación das súas instalacións petroquímicas no concello de Mugardos, situado fronte a Ferrol, alén da ría.

A mediados do 2000, a Xunta, presidida por Fraga, asina un documento secreto garantíndolle a Reganosa a rendibilidade se os beneficios non eran os esperados. O documento aclara que a localización dentro da ría require un investimento menor e esixe a Endesa e Fenosa que consuman unhas cantidades mínimas de gas a prezos aceptables, aínda que haxa subministradores máis baratos. Como guinda desta cacicada, Fraga, con diñeiro público, constrúelle ao seu amigo Tojeiro o corredor de Mugardos, que aínda que polo seu nome parece indicar que une a Autoestrada do Atlántico con Mugardos, en realidade acaba nas portas de Reganosa. Máis descaro, imposible.

Como a planta dentro da ría é unha ameaza porque se atopa rodeada de casas e está a 800 metros de Mugardos e a 1.200 de Ferrol (a lei di que estas plantas teñen que estar a 1.500 metros do núcleo de poboación máis próximo), como, en caso de problemas, os gaseros só poderían abandonar a ría con marea alta e coa axuda de remolcadores (a lei di que terían que saír polos seus propios medios), e como, ademais, a planta toma auga mariña para regasificar o gas licuado, que logo retorna máis fría e con sustancias químicas, afectando ao medio ambiente dunha ría da que viven máis de 600 mariscadores, Reganosa suscitou unha gran oposición. Para organizar a loita por situar Reganosa fose da ría formouse unha plataforma, o Comité Cidadán de Urxencia, que desde 2001 vén tomando diferentes iniciativas.

Ao longo destes anos, en numerosas ocasións e ámbitos viuse a longa man do poder empresarial, empezando polos medios de comunicación, que parecen boletíns de Reganosa. O seu tendenciosidad e censura alcanzou cotas desmesuradas, demostrándose unha vez máis que a burguesía entende por liberdade de expresión o dereito a que sexa ela a que decida de que se informa e como se informa. Obviamente, esa longa man tamén tivo efectos políticos. O cambio de postura sobre Reganosa do PSOE e o BNG provocou dimisións de concelleiros ferroláns de ambos os partidos e abriu unha seria crise no Bloque. De feito, ese cambio de postura e a súa proposta de privatizar Astano son dúas das razóns que explican o afundimento do BNG nas pasadas municipais (perdeu un terzo dos seus votos na comarca; dous terzos no caso do concello de Ferrol).

O Comité Cidadán e a represión á loita

Noutra orde de cousas, destituíron a un presidente da Autoridade Portuaria, ameazouse con recortarlle as subvencións públicas a entidades como o Ateneo Ferrolán, etc.

A última mostra de que as institucións están ao servizo dos intereses empresariais tivémola durante a entrada dos gaseros, con todos os peiraos da ría pechados pola Garda Civil do Mar, a brutal actuación dos antidisturbios, que mallaron indiscriminadamente a todo bicho vivente polas rúas de Ferrol, nunhas escenas que recordaban a represión en tempos da ditadura, e a detención do patrón maior da confraría de mariscadores.

Evidentemente, o Comité Cidadán merécese un recoñecemento. Pero ten un punto débil: non fai énfase nos aspectos de clase do problema. Coa idea de sumar forzas, limita as súas formulacións ao denominador común de todos os opositores a Reganosa, enfocando o tema desde unha óptica fundamentalmente legalista e medioambientalista, e deixando de lado os aspectos que poidan abrir contradicións políticas. De feito, este enfoque levou a nomear presidente de honra do Comité Cidadán ao tenente xeral Gabeiras, que foi xefe do Estado Maior do Exército coa UCD. Para os marxistas, con todo, o obxectivo das loitas non é soamente obter unhas determinadas reivindicacións, senón que, tamén e sobre todo, deben servir para preparar as condicións que permitan acabar coa causa de fondo de situacións como esta. Reganosa é outra proba máis de que a democracia burguesa é unha máscara que encobre unha ditadura do capital. Por iso o marxismo non aspira a que o Estado burgués e as súas institucións sexan neutrais, non aspira a liberalos dos seus vínculos co capital, senón a cambiar a orde social existente. Porque se non o cambiamos, calquera avance é temporal e será revertido no futuro, como ilustra gráficamente o brutal retroceso nas conquistas do movemento obreiro europeo. Por iso, os enfoques interclasistas, aínda que poidan parecer os mellores, son en realidade un erro.

[*] Jorge Porto é Afiliado ao PCG de Ferrol e presidente do Comité de Empresa de Pull&Bear do Grupo INDITEX.

Publicado no xornal "El Militante"
__________________________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column