Gaseiros e piratas

Por Yolanda Díaz [*]
5.12.2009

Houbo un tempo no que os perigos no mar procedían dos barcos piratas, que asaltaban as embarcacións e costas que se lle puñan a tiro. Agora en Ferrol, os perigosos piratas redivivos en cuestión de embarcacións o constitúen os gaseiros que ameazan a nosa vida cada vez que tentan franquear a bocana da ría. Son xa unha ducia de gaseiros os que tiveron que dar a volta e abortar a entrada na ría por mor das condicións meteorolóxicas, cunha práctica que acentúa os riscos que padecemos de cote polo emprazamento ilegal e perigoso das torres xemelgas de Reganosa. Un de cada cinco gaseiros ten que dar a volta e tentalo de novo porque como argumentamos máis de 60 colectivos e entidades a morfoloxía da nosa ría non é o adecuado para un tráfico desta natureza. Cómpre non tentar a natureza, pero raia o miserable facelo por cartos, expor a vida e a seguridade ad maiorem gloriam duns poucos petos privados e escollidos. Lembro que hai agora 25 anos ocorreu a catástrofe de Bhopal na India, onde morreron preto de 4.000 persoas por un escape tóxico. Adoita suceder cando se impoñen os intereses particulares e interesadísimos no canto do interese xeral e a seguridade colectiva. No Parlamento Europeo, no Congreso, nos tribunais e sobre todo nas rúas e entre a cidadanía crítica e insubmisa imos seguir a pelexar cos limpos argumentos da razón crítica e do interese xeral para derrotar aos intereses espúreos do diñeiro e da ambición.

[*] Yolanda Díaz é portavoz do grupo municipal de Esquerda Unida

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol
____________________

Unha bomba na Ría

Por Yolanda Díaz [*]
18.07.2009


Pódense pechar os ollos e confiar en que non vaia pasar nada ao modo en que os nenos deixan de mirar cando semella haber perigo, pódese deixar especular a grupos económicos privados coa seguridade das persoas que vivimos ao carón da ría, pódese tolerar en nome de intereses bastardos o constante tráfico ilegal de buques cargados con cincuenta ou sesenta mil toneladas de gas natural ( 24 mortos no accidente ferroviario que transportaba gas natural, apenas 36 tm., na localidade italiana de Viareggio ), pódese un render as sereas que cantan a tiranía dos feitos consumados, mais unha racionalidade crítica á hora de defender a seguridade e o benestar das persoas ten que teimar na denuncia e o traballo para derrotar a bomba que seguimos a ter na ría, a planta de gas de Reganosa. Esta loita non é unha causa perdida. Esquerda Unida estivo, está e estará até que se peche a planta de gas que nos ameaza co seu emprazamento. EU está ao carón de máis de 60 colectivos, de milleiros de persoas críticas, lúcidas. En Vilagarcía os tribunais veñen de dar a razón as organizacións que defendiamos que había que desmantelar os depósitos de hidrocarburos de ferrazo. En Ferrol se continuamos na loita o conseguiremos tamén. Cadea nesta loita a III Marcha a Mugardos que terá lugar o vindeiro xoves, día 23, con saída dende Caranza, do parque do noso querido Carmelo Teixeiro, ás cinco da tarde. E en Mugardos, as nove da noite xuntarémonos no Parque dos Carneiros, nunha celebración lúdica e reivindicativa. Planta de gas fóra da ría !

[*] Yolanda Díaz , portavoz do Grupo Municipal de Esquerda Unida no Concello de Ferrol

Publicado no “Diario de Ferrol
_____________

O Pleno de Ferrol desenténdese

Por Rafael Pillado Lista [*]
07.05.2009

O Pleno Municipal de fin de mes, no que se tratou o tema da planta de gas de Reganosa, se desentende.

A moción presentada por Esquerda Unida, en contra da pretensión de Reganosa de ampliar a súa capacidade de gasificación, pasando dos 325.000 m3/h inicialmente concedidos aos 825.600, foi rexeitada polo Pleno. Os sete votos do PP, máis dous do BNG en contra, e a abstención dos nove votos do PSOE, impediron que os catro de EU, máis tres de IF, sacaran adiante aquela moción.

¿Pero, de que se trataba?

A cuestión é que o Ministerio de Medio Ambiente recibiu de Reganosa unha proposta de ampliación da súa capacidade regasificadora. Canta máis cantidade autorizada, máis cobran, independentemente da cantidade que produzan. En base a esa proposta, o Ministerio se dirixe a tódolos Concellos da comarca e diversas asociacións, entre elas Fuco Buxán, para consultar “se o proxecto debe someterse ou non ao procedemento de avaliación de impacto ambiental”, como establece a Lei.

Teñamos presente que, de aprobarse esa pretensión de Reganosa, se disparará o perigo das instalacións gasísticas, se multiplican os riscos polo incremento da entrada e saída de gaseiros e dende logo, acelérase a destrución da ría polo volume de auga sustraída e esterilizada.

É chamativo que ningunha das forzas políticas contactadas polo Comité Cidadán de Emerxencia tivesen a menor información sobre esa consulta do Ministerio. E si outros Concellos da comarca a recibiron, lóxico é que o de Ferrol a tivera tamén. ¿Como é posible que se escondera? ¿Como se pode xogar con un tema sumamente perigoso como é este?

En calquera caso, a presentación da moción era suficiente alarma como para que ninguén ignorase a cuestión.

¿Cabe mirar para outro lado?

Si comezamos polo goberno municipal, teremos que dicir que peca de irresponsabilidade. Primeiro por non dar a coñecer a tódolos grupos a consulta. Segundo, e aínda máis grave, por non pronunciarse non so ó respecto do perigo, senón do cumprimento da Lei ¿Como xustificarán o seu silencio no caso dun accidente? ¿Que dirán ás vítimas no caso de producirse? A abstención do grupo socialista non ten explicación. ¿Ten dúbida de se debe aplicarse a Lei a unhas instalacións altamente perigosas? Lamentable. Nin sequera se lles preguntaba si estaban de acordo ou non con Reganosa. Nin arre, nin só

Pero por outra banda, o actual Secretario Xeral do PSdeG e anterior Conselleiro de Medio Ambiente recoñecía tras a derrota electoral que se equivocaran en dous temas clave, a Planta de Gas e a Cidade da Cultura. Se iso é así, diante dun erro, so cabe correxilo. Non foi o caso.

A posición do PP pode explicarse facilmente. Fraga e os seus socios foron quen de aprobar a instalación da planta no interior da ría e seguen sendo fieis a ese compromiso. Dende logo, esa fidelidade non é con quen vivimos e traballamos nesta comarca. Impórtalles un rábano o que pase coa poboación circundante.

É menos explicable o voto negativo do BNG, sumándose ao PP. O seu portavoz , señor Pita, pechou o tema dicindo que a cuestión “está moi debatida”. Olvidábase que un tema desta envergadura nunca está debatida de máis. E vai estar presente na vida política mentres estas instalacións non saian do interior da ría de Ferrol.

Pero, ademais, contradícese co manifestado por Paco Rodríguez no vídeo “O salario do silencio”, no que dicía: “... calquera redimensión da planta non se tolerará, eso si que o temos claro, se se vai redimensionar, a nosa posición será que non”. ¡Ve señor Pita, as cousas teñen recorrido, non están debatidas para sempre! Nen sequera tiña en conta aquelas declaracións. Mandan máis os poderes fácticos. E parece que a derrota electoral non se debe a ningún erro. Deberá clarificalo.

Independentes por Ferrol e Esquerda Unida, co seu voto, expresaban a actitude coherente e valente que veñen mantendo dende sempre porque a Planta de Reganosa saia do interior da Ría.

Pola súa banda, o Comité Cidadán de Emerxencia, a través das diferentes asociacións, conclúe no seu RECURSO que non cabe conceder autorización de ampliación de Reganosa, porque esa planta non ten feito estudio de impacto ambiental, e polo tanto, é ilegal.

Non se entende a deixación do Pleno nun tema que pode afectar a miles de persoas desta comarca. Esa renuncia é imprudente e irresponsable. A nosa vida está en xogo.

[*] Rafael Pillado Lista, é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da A.C. Fuco Buxan.
____________

Balcón con vistas á industria perigosa

Veciñanza en toda Galiza vive asustada e enferma por instalacións que os gobernos propician

L. B. / L. V. / P. O. - Ferrol / Pontevedra / A Coruña - 23/03/2009

En Mugardos, Luz Mariña Torrente afeccionouse a contar gaseros desde a fiestra da súa cociña. Nos últimos dous anos viu pasar 42 buques cargados con toneladas de gas natural e deterse fronte á súa casa. A única regasificadora de Galiza está a moi poucos metros da súa vivenda. Como ela, o resto da veciñanza da parroquia de Mehá aínda non saen do seu asombro. Levan case unha década protestando contra a planta de gas pero as súas mobilizacións non impediron que Reganosa construíse unha terminal xunto a un centenar de vivendas, ao sur da ría de Ferrol.

"Goberne quen goberne, a planta segue crecendo e segue aumentando o risco" explica Torrente, presidenta da asociación veciñal de Mugardos, "é triste ver que o interese económico pasa por encima das leis". Reganosa, participada pola Xunta cun 10% de accionariado, empezou a operar en maio de 2007 e aspira a duplicar a súa capacidade ata xerar 825.000 metros cúbicos de gas cada hora.

Aínda por riba, a regasificadora linda con Forestal del Atlántico, un complexo petroquímico do grupo Tojeiro, impulsor e accionista de Reganosa. Para o Comité Cidadán de Emerxencia, que agrupa aos opositores á terminal, a planta de gas é "unha ameaza para a vida" e Forestal "unha bomba química de destrución masiva". "Temos dúas das empresas máis perigosas de Galiza metidas no medio das casas" insiste Torrente, "eu mesma teño o gasoduto pegado á cimentación da miña casa, baixo o xardín".

Conta quea veciñanza de Mugardos e algúns de Ares recibiron o comprometido Plan de Emerxencia Exterior (PEE) na caixa de correos das súas casas nun sobre pechado co membrete da Xunta e unha guía magnética para adherir á neveira con recomendacións para reaccionar ante unha emerxencia: cinta illante para selar fiestras e portas, lanterna e pilas. Máis dun veciño critica o plan "chafalleiro". senten indefensos ante calquera imprevisto por moito que soen as sirenas que se instalaron polo municipio.

Ao norte da ría de Ferrol, a siderúrxica Megasa está encastrada entre bloques de vivendas na desembocadura do río Xubia (Narón). Figura no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes do Goberno central, xunto con Forestal del Atlántico, e os fumes da súa cheminea "ambientan" o municipio naronés.

A planta arrincou nos 50 como unha tornillería familiar e pechou 2008 con 243 empregados e unha produción de 750.000 toneladas de ferro. Durante décadas, a única entrada á fundición era polo medio das vivendas, nun traqueteo continuo de camións e po de chatarra. Medró a fábrica e aumentaron as queixas veciñais encabezadas pola veciñanza da rúa Somozas. Megasa abriu unha entrada alternativa, rodeouse dun paseo marítimo e está hoxe tan mimetizada co barrio que a poucos chámalles xa a atención. "O cheiro, o ruído, o polvillo seguen", recoñecen desde o Comité de Empresa.

A beiras da ría de Pontevedra, o complexo industrial de ENCE rompe coa paisaxe costeira mentres a parroquia de Lourizán disputa unha guerra silenciosa entre os que apoian a continuidade da pasteira e os que defenden o seu traslado. "Aquí non hai xente nova e ninguén quere construír, estamos os de sempre". Fala Mª Teresa Pérez, que herdou a casa da súa nai, como Consolo Veiga, que habita a leira que lle deixou o seu avó. Esta, con 75 anos cumpridos, é a máis enérxica opositora á planta e unha das poucas que recorda a praia de Lourizán antes dos recheos. Hoxe, enormes montículos de acha borran todo rastro daquilo.

Xunto á Asociación pola Defensa dá Ría (APDR) presentaron tres denuncias ante o xulgado e varias ao Seprona por ruídos, cheiros, verteduras e emanaciones gasosas. "Os cheiros melloraron", conceden, "agora o peor é o polvillo da acha, sobre todo cando hai vento". Logo duns días fóra, Lourizán recíbelles con inevitables irritacións oculares. "É cando máis o notamos", apunta Teresa. E non só elas, as súas hortas tamén padeceron os efectos da pasteira. "Fai anos, ENCE indemnizábanos polos sementados, morríase todo" por "a choiva aceda". "A min déronme 50 euros por varios froiteiros e un sementado de patacas. Xa non volvín pedir nada máis", espeta indignada Consolo. A auga é outra batalla. Unhas inclínanse por comprala embotellada e outras, como Chelo, instalaron un purificador para poder beber da billa. "Aquí todos temos pozos pero o que hai aí abaixo calquera sabe".

As leiras "non teñen valor ningún". Sábeo ben a familia de María Peón, "que tivo que marcharse pola súa alerxia ao mercurio e custoulles moito vender a casa", contan desde a APDR. O que pasa é que "un 80% da que xente de aquí ten a alguén na fábrica e non di nin pío". O ruído, sobre todo de noite, é outro inconveniente tamén denunciado sen éxito. Consolo culpa dos seus graves problemas respiratorios (acaba de superar unha angina de peito) ao po da acha. "Dicíanme os médicos que para andar por fóra puxéseme máscara". O mellor para a súa saúde, recoméndanlle, é que venda a casa e váiase. Ao que Consolo contesta: "Si, doutor pero quen ma quere?".

O pazo de San José, catalogado como ben protexido, está pegado a tres enormes tanques nos que, preto da refinería de Bens, á entrada d'A Coruña, a Compañía Loxística de Hidrocarburos almacena combustible para a súa distribución por toda Galiza. Só un valo de arame separa os muros do caserón deses depósitos de 6.000 metros cúbicos cada un e considerados legais para todos os efectos logo de perder os donos do pazo unha batalla xurídica que durou máis dunha década.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenou derrubar eses tanques antes do 3 de xullo de 2008. Pero o Concello da Coruña apresurouse a tramitar unha nova licenza para uns depósitos que declarou de "utilidade pública". Finalmente, o alto tribunal, aceptando un recurso das autoridades municipais, anulou a súa orde de derriba por considerar que eran instalacións legalizadas, con todos os vistos bos, incluído o da Consellería de Medio Ambiente.

Estes tanques de hidrocarburos son só unha parte das sucesivas ampliacións da refinería instalada desde fai catro décadas nunha das entradas d'A Coruña e que foi crecendo e achegándose a núcleos como o barrio coruñés do Ventorrillo ou o de Meicende, en Arteixo. Zonas residenciais sobre as que non parecen ter ningún efecto o artigo do Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas que establece, "como regra xeral" que toda industria "molesta ou insalubre só poderá emprazarse a unha distancia de 2.000 metros" do núcleo de poboación máis próximo.

O aeroporto coruñés de Alvedro tamén está rodeado de zonas residenciais. E a súa ampliación, pendente do estudo de impacto ambiental, ten en albas a moitos veciños non só de Culleredo, onde se asenta o aeródromo desde 1963, senón ata do próximo municipio de Oleiros. O seu alcalde, Anxo García Seoane, púxose en pé de guerra por un informe de Aviación Civil que obriga a prohibir a edificabilidade en zonas xa moi poboadas, como Santa Cruz, Montrove ou Dorneda, ao consideralas afectadas pola pegada sonora que suporía a ampliación do aeroporto. E os edificios e casas xa existentes deberán ser insonorizadas.

Ruídos atronadores dos avións, fiestras que tremen e fortes cheiros a queroseno son inconvenientes cos que a veciñanza de Alvedro está habituada. Unha trintena de casas de Culleredo veríanse directamente afectadas por este proxecto de ampliación do aeroporto. Non é o caso dos residentes en chalés que, no extremo da pista de aterraxe, viven con vistas á enorme pantalla de columnas que conforman o sistema de navegación ISL. Uns veciños que, á marxe do ruído, andan preocupados polas emisións dese sistema, similar ao dunha antena de telefonía móbil. Fai interferencias cos seus mandos a distancia para abrir coches ou portas de garaxe.

Artigo orixinal no xornal "El País" edición de Galiza
____________________

Por José Torregrosa [*]
20.03.2009

Adicado a Carmelo Teixeiro

Xoves, 26 de Febreiro de 2009. Un movemento sísmico de intensidade 2,6 na escala Ritcher, con epicentro a 16 Km de profundidade en terras mugardesas, segundo o Instituto Xeográfico, é recollido, con grandes titulares, pola prensa. Ata se recorda que, en abril 2006, un terremoto de magnitude 5, afectou a Ferrol e á súa área de influencia.

Curiosamente, na maioría destas informacións, fronte aos meros (e preocupantes) datos estatísticos ou o folclore dos sustos, tan xustificados, da cidadanía, botábase de menos unha referencia á relación destes fenómenos coa situación de alteración sistemática no equilibrio ecolóxico da nosa ría, onde se achan presentes tres industrias, dun total de dez, as máis perigosas a nivel galego, que poden verse afectadas, provocando unha desastrosa reacción en cadea ou efecto dominou, sen escapatoria posible.

Unha vez máis, os “muros de silencio”, dos que falaba o recordado Xeneral Gabeiras, presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia, volveron levantarse entre a anécdota e a información de fondo que esixe non só veracidade senón perspectiva dunha situación recollida con minuciosidade e criterio obxectivo no magnífico artigo de Rafael Pillado “Ría de Ferrol: no ollo do furacán”, publicado recentemente neste xornal.

A todos os argumentos alí expostos, que nunca foron desmentidos, quizais sexa necesario engadir unhas consideracións sobre o que pode estar ocorrendo ante os nosos ollos e que debe importarnos porque, con “plans de emerxencia” ou sen eles, o que nos estamos xogando todos é vida e facenda, é dicir: futuro. Poida que non advirtamos, a estas alturas, a destrución programada da nosa riqueza marisqueira, pan de tantas familias; poida que non valoremos o que significa durmir cunha “bomba”, varias bombas, dentro da ría, sexan ou non un obxectivo terrorista (véxase o artigo de gaceta.es, reproducido na web do Comité Cidadán); quizais tamén perdamos a conta do número de gaseros que se aventuraron a cruzar a boca da ría, poñéndonos a todos en perigo e que esta mesma semana alcanzan xa o número 42. Pero, seguramente chegue o momento de considerar os avisos que desde a Nai Terra estamos recibindo no sentido de que deberiamos andarnos con ollo, pois estamos planeando alterar profundamente, a base de dragados, unha zona de influencia sísmica considerable. A cambio de que? De solucionar un problema enerxético que nunca existiu? Desa tan prometida e nunca chegada choiva de postos de traballo? Da repartición de riquezas, urbi et orbi, na zona? Ou se trata dunha capítulo máis de favorecer os negocios do amigo, non importa o risco certo que poidan correr as poboacións?

Un dos lemas máis coreados en Santiago durante unha recente e masiva concentración foi Goberne quen goberne, Galiza non se vende!. Ademais do seu moi triste valor profético (fosen outros os resultados electorais se o Goberno Galego non estivese, durante o seu mandato, mantendo abertos, nos catro puntos cardinais de Galicia, conflitos como o da planta de gas de Mugardos, a Cidade da Cultura, a destrución sistemática da paisaxe e un longo etc. que lanzou a miles de galegos á rúa a gritar de novo Nunca máis?). Quizais, e agora máis que nunca, o PSG-PSOE e o BNG deben reflexionar sobre o número de votos que puido restarlle non baixarse dun tren cuxo condutor era ese eterno Sr. Fraga, cos seus acordos secretos e a sua megalomanía.

En canto ao PP, en cuxas filas non todos están de acordo coa planta, manifésteno ou non en voz alta, boa ocasión sería de demostrar, se son capaces, ese talante moderno que prometen, o que lles permitiría librarse do seu ronsel cavernario...

Cada cal debe darse a súa resposta. O importante é que a loita continúa e imos esixir, a continuar esixindo como vimos facendo desde hai case unha década, que se acabe con esa irracionalidade que é a planta de gas de Reganosa.

A terra xa falou e está claro que non se anda con bromas. Se ela treme, non deberíamos nós empezar a asustarnos e a tomar medidas?


[*] José Torregrosa comezou a traballar na prensa galega a mediados dos anos sesenta. No ano 1972, foi encausado no proceso dos 23, un xuízo aos traballadores dos estaleiros de Bazán en Ferrol aos que a ditadura franquista represaliou polos seus actos de protesta.

Un feito que o marcou e que fixo tamén que marchara a Madrid en 1974 para intentar a aventura teatral. Logo, regresa en Ferrol, onde casa en 1976 e ten dúas fillas.

Colaborador na prensa e en diversas entidades culturais, gusta de escribir sobre cine e literatura que cre que "unha novela ten tantas historias como lectores ten".

Comezou adicandose á poesía dende o mesmo cárcere da Coruña. "Era a única forma de saír do meu interior a través das palabras". Ademais, tamén ingresou no Grupo Chorima co que publicou antoloxías e recitais poéticos. "Todo o que escribín ten que ver coa poesía existencial, experimental, en palabra e forma, sempre cunha búsqueda do interior", asegura Torregrosa.

Unha vida moi intensa a deste xornalista e escritor ferrolán que, dende o 2000, dirixe a revista Razón Socialista da Asociación Fuco Buxán e tamén colabora co suplemento "Nordesía" do xornal Diario de Ferrol. [Galicia -Hoxe]

Bitácora Persoal:
http://josetorregrosa.wordpress.com/

Publicado polo xornal comarcal "Diario de Ferrol"
_________________

Fonte: Instituto Geográfico Nacional [Servizo de Información Sísmica]
__________________

Ría de Ferrol, no ollo do furacán

Por Rafael Pillado [*]
Mércores 11 de Febreiro de 2009


O Conselleiro de Medio Ambiente, no seu paso por Ferrol o 27 de Xaneiro, anunciou o seu compromiso coa Ría declarándoa “zona sensible”. Sinalando ademáis, que a “bocana da Ría é moi estreita e os riscos da deteriorización das augas son maiores”. Engadía que a partires do ano 2009 poñerá en marcha “un plan de controis de verquidos, inspección e análise da ría, que pretende diagnosticar os pequenos verquidos que poderían escaparse ós controles de maior envergadura”.

En outras circunstancias, poderiamos considerar esas declaracións como un paso positivo. Sen embargo, e paralelamente a esas declaracións, dous días despois, o 29 o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio de Reganosa para licitar a ampliación de capacidade de regasificación, multiplicando por dous e medio a actual capacidade.

Tal decisión supón varios e graves problemas:

1°.- Si a situación actual é de degradación, na que se utilizan 300.000 toneladas diarias de auga da ría para quentar o gas, e que volve ó mar moito máis fría, esterilizada e contaminada de cloro, con esa ampliación, pasaría a 600.000 toneladas por día.

2°.- O número de gaseiros que entrarían na ría, pasarían dos actuales 36 ó ano, a máis de 100, o que multiplicaría os riscos para toda a poboación. E ninguén sabe que licencia e que tramitación medioambiental se fixo para que se autorice esa ampliación, nin tampouco se sabe cal foi a postura dos conselleiros de Medio Ambiente e Pesca nesa decisión.

3.- Por outra banda, en clara contradición coas declaracións feitas, esa Consellería otorgou a Forestal do Atlántico a Autorización Ambiental Integrada, rexeitando as alegacións de varias asociacións que mostraban os datos fraudulentos aportados pola empresa. De tal xeito que se autorizou verter á ría 351.475 toneladas diarias de augas residuais. E vexamos ademáis que, o proxecto de depuración da banda sur da ría, que recorre dende Fene a Ares, deixa á marxe os verquidos de Forestal e Reganosa, que van sin depurar ó mar.

E aínda máis, o presidente da Xunta, Sr. Touriño, o día 30 de Xaneiro anunciou que “Antes do remate da próxima lexislatura, nos anos 2011-2012, estarán saneadas as rías na súa totalidade”.

Nas circunstancias actuais, tanto o anunciado polo conselleiro como polo presidente é imposible na ría de Ferrol. Ou descoñecen a realidade, ou simplemente a ocultan. En calquera dos casos, é grave.

A única forma de cumprir eses compromisos é sacando a planta de gas de Reganosa do interior da nosa ría. Si, nos gustaría que iso se fixera pola decisión dos dirixentes políticos galegos antes de que os tribunais e a presión cidadá o consigan.

O conselleiro terá que explicar esa contradición. E tamén ¿por que esa excepción con Ferrol? ¿En beneficio de quen?

Incluso, o anuncio da creación de emprego no marisqueo galego, choca frontalmente coas tendencias na nosa comarca.

Non nos cansaremos de repetir que, un sistema baseado na destrución do medio, como estamos a vivir, non ten futuro e se encamiña a un grande fracaso.

Por último, quixeramos saber onde quedou o argumento de que Reganosa é unha empresa estratéxica para Galicia. Porque é previsible que as decisións de Reganosa queden nas mans dunha empresa catalá ou aínda máis probable, dunha empresa italiana.

Ver para crer.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol

[*]Nota.- Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da Asociación Cultural "Fuco Buxán" e membro desde hai oito anos do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
__________________

Enlaces Relacionados:

__________________

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column