Por Humberto Fidalgo
Venres, 20 de Xullo do 2008

Por terceira vez, o máis alto Tribunal de Galiza dicta unha sentenza contra a instalación da planta de REGANOSA no interior da Ría de Ferrol.

Esta sentenza anula a modificación do PXOM de Mugardos que en 2003, realizou o goberno municipal para permitir a construcción da planta de gas. O Tribunal fundamenta esta anulación na falta da correspondente Declaración de Impacto Ambiental (DIA). O contencioso fora interposto por diversas asociacións veciñais de Ferrol, Mugardos e Fene pertenecentes ao Comité Cidadán de Emerxencia. Unha importante vitoria legal que vai afectar a todas as fases do procedemento administrativo, deixando sen fundamento as autorizacións que con posterioridade lle otorgaron a REGANOSA.

Pero o calado da sentenza aínda é maís fondo, xa que pon en evidencia a corrupción continuada que leva anexa esta planta de gas. O TSXG anula con esta sentenza a recualificación duns terreos que pertenecían ao grupo industrial Tojeiro e que con posterioridade a recualificación, foron vendidos a REGANOSA con unhas extraordinarias plusvalías de máis de 30 millons de euros para o grupo Tojeiro. Estes cartos, recursos públicos, procedían do sistema das retribucións ás instalacións gasisticas. O xestor de todo este proceso foi Xosé Antonio Orza, ex-conselleiro de Economia durante 16 anos nos gobernos de Fraga e, simultaneamente socio do Grupo Tojeiro.
Qué pode pasar apartir de agora?

Evidentemente a planta de gas está a funcionar en un estado de precariedade e inseguridade xurídica alarmante. Sería de esperar que un goberno coherente e responsábel ante tal insistencia da Xustiza e da poboación actuara con determinación e se desmarcara do que non é máis que un "trapallada" e un caso claro de corrupción, coa agravante de ser unha instalación moi perigosa cuxo funcionamento pon en risco a saúde e a vida de miles de persoas e a toda a Ría de Ferrol.

Pero atendendo ás actuacións da Xunta coas sentenzas anteriores de 2004 e 2006, moito nos tememos que esta poida seguir o mesmo camiño e que sexa recurrida ante o Tribunal Supremo de Madrid. Un evidente menosprezo a o noso Tribunal Superior e ás nosas institucións de autogoberno. As presións económicas dos potentes grupos industriais e financieiros que constitúen REGANOSA deben ser fortes. É máis que posible que a esta sentenza a traten de varar durante anos nos lonxanos lameiros de Madrid, mais a teimuda loita dos opositores aplanta de gas non vai cesar até que o goberno acate e execute as sentenzas e van tres. Cantas necesitará?


Humberto Fidalgo, secretario de ADEGA-Trasancos e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

;;
Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column