Carlos Neira Suárez
05/06/2007
A planta de gas, unha fraude
A manifestación do domingo pareceu descorrer un súpeto problema que solprende a demasiada xente, en particular a medios de comunicación agora de ollos abertos coma se acabaran de chegar; e non tal: é un asunto antigo, movido, e dabondo craro e dilucidado coma pra poder asegurar eu con pleno convencemento que ningún dos axentes implicados, a calquera nível, pode hoxe alegar inocencia ou descoñecemento.
Eu, disconforme con todas as alegacións favorables a ese proxecto no meio da ría de Ferrol, teño que estalo tamen coa insuficiencia dos resumes que as partes opositoras ---ou a opinión publicada—veñen en dar, por varias razóns.
Como moi ben defendeu en principio Xaime Bello, Alcalde de Ferrol daquela, a planificación aceptabel pra os dirixentes locais apoiabase no trinomio porto exterior-pranta de gas-depuradora, que era indispensabel pra recuperar o grande tesouro natural e produtivo que a ría significa. Quén pode casar a ubicación desta industria dentro dun lóxico plano de futuro da cidade e o seu entorno?
Ise, o dereito a planificar o futuro por parte dos cidadáns é o que primeiro foi violentado polos promotores da pranta e os seus pánfilos ou malintencionados defensores. O lóxico plano que defendeu a Corporación local de Ferrol ata hai pouco tempo, foi tamen a posición da organización comarcal do BNG, pesia as posicións de localismo municipal de Mugardos e sectorial de As Pontes. Ata que, con desafíos continuos, con incumprimentos flagrantes das decisións colectivas, e finalmente coa desautorización inaudita das posicións dos antigos dirixentes locais ao respeito, o BNG ficou aliñado directa e insensatamente ao lado do proxecto Reganosa, contra a xente e contra o futuro.
E aí está, en periplo vicioso e hipócrita, o argumento máis actual a favor da pranta en Mugardos: agora que xa está, qué lle imos facer, hai que deixala.
Romperon o modelo de Ferrol e a sua ría, promoveron e adxudicaron porque sí, un polígono industrial privado e imprevisto no medio das vivendas do sur da ría. Encheron 100.000 m2 de mar ¡¡menos mar, é a consigna¡¡. Meteron nela un tráfico indesexábel e innecesario. Aportarán variacións sequera térmicas a unha boa cantidade de millóns de m3 de auga cada día. Collerón para atrás cando todo o mundo colle para diante: as industrias nos polígonos e as máis pesadas lonxe dos núcleos urbáns (Barcelona, Sagunto, Valencia, Xixón….a propria Coruña) Todo para encher os petos dun advenedizo no sector enérxetico, que, logrado o negocio, xa non é a referencia da empresa Reganosa.
Antigalegos
E todo porque –din--, Galiza precisa desa enerxía, pondo aos opositores no rol de insensatos antigalegos, coma se non houbera alternativa, crara, concreta, indiscutible.
E ante iso, preséntase a Ferrol coma conflictivo –mira ti¡¡--, càrgase contra a parte mais feble, recoñécese unha ubicación errónea, descóbrense insuficiencias empresariais de non doada resolución, e reacciónase con prepotencia e indignación hipócrita. Unha situación particular que sabe o demo como terá de satisfeitos aos que usaron o poder en sentido contrario a aquél pra o que foron escollidos.
E o BNG, mira, a percorrer o deserto da derrota electoral en Ferrol, nen conserva a alcaldía de As Pontes, fica resentido para moito tempo, e todo iso a cambio dun concelleiro mais en Mugardos. E, por se non fose isto ben entendido, os grandes abucheos para os dirixentes responsabeis ao ser nomeados na praza de Armas.
Pra colmo, o castigo –merecido--, non é equitativo. Non hai pitadas para Irisarri, con responsabilidades da xestación do proxecto da pranta. O PSOE navega na contradicción, con partidarios e detractores formando parte das corporacións electas, mentras o BNG ten fóra aos máis firmes opositores á pranta.. E PSOE, e mesmo EU, tampouco non pagan as suas posturas sobre a continuidade de ASTANO como construtor de barcos.
Eu nesa manifestación non puiden sentir satisfacción por ver abucheados aos que nos combatiron no seo do BNG, sería mísero o pequeno e serodio trunfo, pero lembrei a enteireza, a coerencia e a honestidade das persoas que dende o Concello de Ferrol tiveron a posición desexabel e democrática, e que acabaron fora: Lastra, Sabio, Cuétara, que sei eu que farán todo o posibel pra restituirlle a Ferrol o que é da cidade e das suas xentes.
Ao igual que pasa con ENCE en Pontevedra, os fillos, os netos, ou os inmediatos dirixentes serán quen de tirar da ría ese emporio caprichoso e inexplicabel. A Comisión Cidadán e a resposta das xentes de Ferrol así o mostran.
[*]
Carlos Neira Suárez
Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa.
_______________
Marcadores: A planta de gas: unha fraude, Carlos Neira Suárez