Planta de Gas, problema de futuro


21.08.2007


A planta de gas está aí porque os seus promotores son poderosos. As eléctricas (Unión Fenosa e Endesa), xunto co socio subministrador alxerián Sonatrach teñen a decisión, pois aúnan a condición de consumidor e fornecedor principal, e teñen a maioría do capital e polo tanto a decisión. Os outros socios tamén son poderosos, Caixanova, Caixa Galicia e Banco Pastor , e tamén Tojeiro, mira.

Son poderosos para esmagar os intereses de Ferrol e de Galiza, baixo a pretexto de interese público, de ambición estratéxica para a nosa nación. Sono para recibir os apoios dos medios (os editoriais de La Voz de Galicia) da Xunta (!!), un socio menor, xuíz ornamental e parte implicada, para comprar vontades, para calar voces, para seducir pánfilos.

Pero non tanto. Saben eles que, finalmente, as cousas tornarán ao seu sitio e esa instalación desaparecerá da ría. Porque Ferrol irá cos tempos, incorporarase ao mundo cos criterios de modernidade e de benestar. Porque Galiza ao fin ordenará o seu territorio debidamente, porque cada día que abra, haberá un/unha ferrolá máis que non acepte esa presenza imposta e terríbel.

Así, as eventualidades en que basearon a súa necesidade e a súa urxencia, xa hoxe son fume, e agora veñen as posicións prácticas , moderadas , intelixentes e pragmáticas . Pero tópanse cada día coa evidencia de que unha hora de retraso na manobra do buque que trae o gas significa unha espera de 13 e 25 horas nas operacións de descarga; cando entra. E tamén para saír.

E todo iso, gratuitamente, sen necesidade. Coa alternativa de Canelas, no Porto Exterior. Explicábel e explicada, segura, incontestada, mais viábel e máis barata.

Xa sabemos que non son as necesidades do consumo de Galiza as que primaron a nova planta. Que aumenta a produción exportábel seis veces máis ca o consumo galego. Que en realidade metéronos un enclave, si, de poucos postos de traballo e moitas consecuencias, para ver de vender enerxía en Madrid.

E non son tan poderosos, porque precisan da propia competencia para conducir o seu produto. E precisan de que o Estado lles pague o gasoduto á Meseta (outra vez as vías de saída, non vos resulta coñecido ). E non son tan poderosos porque solicitan axudas de todos non para facer país, para construír Galiza, senón para facer negocio privado cos cartos de todos os cidadáns e co sacrificio da xente ferrolá.

Reganosa é, tamén, un precario proxecto empresarial. Como dicía por outras cousas un compañeiro que defendeu este proxecto moito máis do debido e do agardábel: Se tiveramos allo e cebola, e a patroa nos prestara a ola, faríamos sopa, se tiveramos pan

Pero aí está, para darnos qué facer moitos anos, e consumir enerxías (e esperanzas) da mellor xente. Mais esa loita darase, comezando este venres, 24, na marcha de Ferrol a Mugardos.

[*] Carlos Neira Suárez [1950], foi un dos primeiros organizadores do nacionalismo contemporáneo na comarca de Ferrol Terra, tanto no eido sindical, político como no cultural. Foi membro do Comité de Empresa de Astano, concelleiro en Fene e militante da AN-PG, POG, PSG-EG, UG e BNG.

Publicado no xornal dixital GZNacion

_________________________

0 Comments:

Post a Comment



Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column