Os Medios e Reganosa

Por Zerovacas 03.10.2007

O conflito de Reganosa e o tratamento que recibe nos medios de comunicación volve poñer sobre a mesa o debate sobre a facilidade con que os medios poden ser manipulados e controlados, e as estratexias que empregan para ocultar a realidade e para desinformar sobre un asunto público determinado. Dous de cada tres ferroláns están en contra de que Reganosa opere no interior da Ría e apostan polo seu traslado ao Porto Exterior. A gran maioría dos votantes dos tres grandes partidos (PP, PSOE e BNG) coinciden no seu rexeitamento á planta, malia a que os tres coinciden en calar sobre o tema e defenden a construción da regasificadora nos terreos de Tojeiro, en Mugardos. E así e todo, o tema é invisible nos medios, é ocultado detrás de muros de silencio. La Voz de Galicia, a TVG, El Correo Gallego, La Opinión, El Ideal Gallego..., todos a unha, loitan por facer desaparecer as protestas da cidadanía, igual que algún goberno intentou facer desaparecer dos medios a marea negra do Prestige. Hai moitos intereses no medio, e todos esperan sacar tallada.

¿Poden os cidadáns confiar nos medios de comunicación? ¿Cumpren os xornalistas a súa función de espazo de debate dos problemas públicos, de voceiro dos distintos puntos de vista e opinións presentes nunha sociedade? Os medios de comunicación atravesan unha crise de credibilidade, debida a varios factores: en primeiro lugar porque se negan a escoitar aos seus lectores, non aceptan outro tipo de comunicación que non sexa a unidireccional de arriba a abaixo; a audiencia cambiou e os medios non, os medios seguen falando, pero aínda non aprenderon a escoitar. En segundo lugar pola súa superficialidade e presentismo, baseados nun modelo de xornalismo de declaracións, en informacións de escasa densidade e profundidade.

Pero a crise de credibilidade chega, sobre todo, pola cercanía e submisión dos medios ao poder: os xornais nútrense de informacións institucionais, fan prevalecer ás fontes oficiais sobre as individuais ou críticas, e a meirande parte da información está preparada de antemán, a partir de pseudoeventos. Prodúcese un proceso de converxencia discursiva entre o discurso oficial e os medios de comunicación, que reproducen a retórica dos gobernos e dos grandes poderes empresariais, facéndose evidente a dependencia. Os medios de comunicación son empresas, forman parte de grandes grupos empresariais, e poñen os seus intereses económicos por diante da súa función pública. Como grandes empresas son ademais naturalmente conservadores nos seus posicionamentos ideolóxicos. A sociedade de información escolleu ás macroempresas de comunicación coma dirixentes, ideolóxica, política e economicamente. En consecuencia, a información ficou reducida a un negocio e a unha arma de presión.

Iso é o que provoca o inicio do asalto cidadán aos medios. Os cidadáns comezaron a percibir que os medios de comunicación estaban cada vez máis lonxe dos seus problemas e preocupacións, que as decisións editoriais tomábanse cada vez máis lonxe igualmente, que os xornalistas cada vez contaban con menor autonomía, e que a credibilidade e a transparencia dos medios cada vez quedara máis debilitada.

Agora, nos blogs, nas redes de información e nas comunidades virtuais escóitanse as voces dos cidadáns e dos políticos libremente, sen a intermediación dos grandes grupos de comunicación. Agora xa non é necesario atravesar gatekeeper ningún. O obxectivo deste proceso é descentralizar o debate, multiplicar os centros de poder e axentes políticos, para combater a concentración de influencia en mans dos partidos, grandes empresas, lobbies e grupos de interese institucionalizados ou apoiados nunha forte base económica. A rede facilita a organización e a comunicación interna dos colectivos de cidadáns críticos, a posta en común de informacións de interese e o debate de propostas. Asemade, fortalece a influencia que exercen sobre os medios e, sobre todo, a visibilidade social destes grupos, e a súa comunicación con outros grupos, co seu entorno e coa sociedade no seu conxunto.

Ao igual que os medios de comunicación tradicionais, os partidos políticos galegos non comprenden a rede, porque non comprenden e non escoitan á sociedade. Afeitos a pensar en medios puramente unidireccionais e a un férreo control das mensaxes emitidas, os políticos atópanse en Internet cun medio diferente, con sorpresas inesperadas, un medio no que a maioría das variables caen fora do seu control. Non entenden un medio no que a base é a capacidade de conversar, de convencer, non as primarias técnicas de marketing empregadas até agora.

Na rede estanse rompendo os muros de silencio erguidos polos grandes medios de comunicación e polos grandes partidos. Blogs, medios electrónicos, estanlles dando voz aos cidadáns, están axudando a manter vivo un debate que moitos querían soterrar. Durante algún tempo caéramos nunha espiral de silencio, na que malia unha opinión case unánime da cidadanía a prol do traslado da regasificadora ao Porto Exterior, dábase por suposto que o tema non xeraba controversia. O proceso da espiral de silencio ten lugar cando nun intre determinado unha posición sobre un asunto é percibida pola sociedade como maioritaria. Esta posición maioritaria pode non ser real e ser simplemente unha percepción xerada polas estratexias dos medios de comunicación. Isto leva aos seus partidarios a manifestar publicamente as súas opinións e aos seus detractores a manter silencio, evitando dar a súa opinión, até que nun proceso de espiral o punto de vista apoiado mediaticamente chega a dominar a escena pública, mentres que o outro desaparece da conciencia pública ao enmudecer os seus partidarios. Superado o control mediático, a espiral comeza a a perder forza e a rachar. O pobo fala.


[*] Marcos S. Pérez Pena é xornalista e investigador en comunicación, manten o Blogue Zerovacas, foi Director do xornal dixital GZnacion. Doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese 'Prensa e Transición Política en Galicia. A contribución dos xornais ao proceso de construción identitaria'. Traballou na sección de Cultura do dixital Vieiros. Na actualidade colabora na revista mensual Tempos Novos e prepara dous libros.

Fonte: Zerovacas - zerovacas@gmail.com

Enlaces
:

_______________________

0 Comments:

Post a Comment



Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column