Carmelo Teixeiro  e Montse Dopico
09.05.2007

Se algún de vos se pregunta o porqué das protestas e boicot dos colectivos de toda a ría de Ferrol ao proxecto Reganosa, nesta entrevista o explican moi clariño. É incríble como o poder das grandes empresas en complicidade coa administración poden poñer en perigo o entorno e a poboación de toda unha zona. Esperemos non ter que acordarnos destas palabras no futuro, pero gardemos os nomes dos que fixeron este proxecto e os que o defenderon, por se acaso.



Carmelo Teixeiro: “Antes o de Reganosa era só un mal proxecto, agora é un tema de cárcere pola ameaza que supón para a poboación”. O Comité Cidadán de Emerxencia da ría de Ferrol pide o cese do Delegado do Goberno e anuncia que seguirá a loitar por un desenvolvemento sustentábel da ría. “As nosas actuacións non só non van acabar, senón que van ir a máis”, explicou o portavoz deste colectivo, Carmelo Teixeiro.

* O buque conseguiu finalmente chegar a Reganosa. ¿Que teñen previsto facer agora?

Seguiremos co que xa estabamos por vía xudicial. Ademais, imos interpoñer un contencioso-administrativo contra a autorización que o Delegado do Goberno asinou o pasado día 4 e que lle permitiu ao buque chegar a Reganosa. E pedir o cese do Delegado por incompetente. A partir de agora isto adquire outra dimensión, pasa de ser só un mal proxecto a un tema de cárcere porque pon en perigo a vida da poboación.

* Reganosa afirma ter todos os permisos: o da Capitanía Marítima, Autoridade Portuaria e Delegación do Goberno, ademais do do Ministerio de Industria para a súa entrada en funcionamento en probas.

A Capitanía Marítima si lle permitiu a entrada na ría, e os nosos avogados estudan accións legais por isto. A Autoridade Portuaria debería ter impedido que chegara a Reganosa, porque tamén ten competencias no interior da ría. O do permiso do Ministerio non é certo, porque a pranta está aínda en obras, por iso só ten autorización de construción, e non de funcionamento. Para que lle concedan a segunda, ten que presentar o certificado de remate das obras e cumprir uns requisitos que non cumpre relativos a saída en caso de emerxencia, distancia respecto á poboación… Só teñen unha acta parcial que lles permite probar un anaco da instalación. Da Delegación do Goberno só hai un papel asinado, que deberán enviar ao Ministerio de Industria, e pretenden despois aproveitarse dos feitos consumados.

* ¿Pode explicar cal é o risco para veciños?

Se hai un accidente, o buque non podería saír da ría polos seus medios e rápidos, como esixe a lei, porque a ría é pequena, e os grandes buques só poden saír e entrar con preamar diúrna. Tampouco daría tempo a evacuar a toda a poboación. A planta debería estar no porto exterior, onde hai un illamento suficiente. O gas natural licuado que leva o buque é líquido a menos de 160 graos. Se se producira unha fuga, mataría a todo ser vivo por frío, queimaduras e asfixia, a medida que fora absorbendo o calor do entorno e vaporizándose. A directiva europea 96/82/CE esixe que este tipo de sustancias perigosas se manteñan a certa distancia da poboación, como establece o regulamento español de actividades molestas, nocivas e perigosas. A planta de Reganosa incumpre a lei ao non gardar a distancia necesaria.

* ¿E para mariscadores e pescadores?

Primeiro, que cada vez que pase o buque impídelles un día de traballo. Segundo, que Reganosa quere utilizar a auga do mar para vaporizar o gas licuado, facer que o líquido volva a ser gas. Este proceso consiste en coller auga do mar, que entra a unha temperatura e sae a outra mais baixa, achegando o seu calor ao gas. Empregaría nun mes o 40% da agua da ría, á que lle botarían unha sustancia para matar toda a vida da auga co obxectivo de protexer as tubarias, evitar a súa obstrución. Ao esterilizar a auga, as especies de peixes e mariscos non poderían sobrevivir, pois quedan sen alimento. A auga da ría renóvase coas mareas, pero hai épocas en que a renovación é moi pequena. Hai outra alternativa, que consiste en darlle calor á auga e facer que un aparato transmita ese calor ao gas, pero isto custa o 1% do gas que se produce, porque hai que pagar o combustible, e Reganosa non quere facelo así.

* Non só o Delegado do Goberno apoia a Reganosa. Tamén o fan Touriño e Feijoo. O conselleiro de Industria afirma que Reganosa conta con todos os permisos e que ademais a planta pon a Galiza nunha posición importante na distribución de gas.

O actual goberno herdou un pacto asinado no Goberno de Fraga segundo o cal a planta de gas se situaría en Punta Promontorio Mugardos, onde está o complexo petroquímico do Grupo Tojeiro. A Xunta participaría no capital de Reganosa cun 10%. Por outra banda, non é certo que sexa un proxecto estratéxico para o país, porque Galiza é excendentaria en enerxía eléctrica e a plataforma de gas non sería necesaria até dentro duns 10 ou 15 anos. Ademais, é unha planta en precario, non rendíbel. Porque o beneficio caeu, e para compensar tería que estar autorizada a producir moito mais do que se lle permite agora.

* Segundo vostedes, o Tribunal Superior anulou as declaracións de impacto ambiental que se presentaron no seu momento. ¿En que situación se atopa iso?

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a declaración de impacto ambiental porque non tiña en conta que hai poboación a 300 metros, a 500 e a 1.500. Esta sentencia foi recorrida pola Xunta e Reganosa ante o Supremo, que tarda moito en responder. Aproveitan a lentitude da xustiza para facer algo que ameaza á poboación.

Publicada no xornal dixital GZnacion

______________________________

0 Comments:

Post a Comment



Movimento Opositor a Reganosa - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column